Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)
Familias, casas e cousas (IX)
No Fondo do Lugar
A casa grande do Fondo do Lugar era a do
Sancristán, polo seu tamaño, co seu patio pechado, con bodega, forno para facer
pan, pozo de auga e cortes do gando; pero tamén polo concorrida debido ao seu
número de descendentes, de xornaleiros, incluso algún criado, que lles
axudarían a traballar o seu considerable capital. Xosé Martinez Dieguez, 31/10/1892 (o Sancristán) debía de ter
pouco mais de doce anos cando inauguraron a igrexa de Santomé e, aínda así, poido
ser o primeiro en encargarse das cousas da sancristía, da limpeza, e tamén en
axudar ao cura no altar á hora da misa. Os seus pais foron Adrián Martinez e
Xoana Dieguez, dos que se sabe que tiveron dous fillos mais: Xosefina, 7/9/1891 e Xulio, 10/5/1897, aínda que estes dous morrerían ao pouco de nacer. Aparte
do oficio de Sancristán, Xosé era carpinteiro, profesión que tamén acabarían
herdando mais dun dos seus fillos.
Segundo aparece na
marxe esquerda da súa acta de bautismo, Xosé casou, 17/1/1916, con Elvira Dieguez Villar, nacida en Terzas 31/5/1891. O matrimonio tivo sete
fillos: Manolo, Antonio, Xulio, Lino, Domira, Pepe e Vicenta. Elvira fora a
primoxénita de Mateo Dieguez de Santomé e Antonia Villar de Terzas; irmáns dela
tamén eran Vicenta, Emilio e Xulio. O pai de Elvira e a nai de Xosé eran
irmáns, polo tanto, como tamén consta no rexistro, Elvira e Xosé serían primos
carnais. Da familia de Mateo xa se falaba algo no capítulo (III).
A última habitante que había na última casa do
Fondo do Lugar nacera na Hermida, pero iso non sería obstáculo para que a (Carriza)
estivese facendo garda á entrada de
Santomé desde 1916 hasta o seu pasamento. Rosa Bande Rodriguez e Xosé Villar
Dieguez, 11/9/1888, casaron, 5/1/1916, na igrexa do convento de San
Francisco de Ribadavia e tiveron seis fillos: Pepe Ines, María, Carme, Manolo e
Antonio.
Pepe emigrou á Arxentina, despois de casar na
Bouza. Ines casou con Fidel de Cartelle, emigraron a Venezuela e acabaran
vivindo na Hermida. María casou con Hermenegildo de Vilela; de recen casados
viviron no Fondo do Lugar, na casa que logo comprara Lino Sancristán; María
faleceu cando aínda non levaba tres anos de casada deixando un neno, Fidel, de
pouco mais dun ano; Carme foi a muller de Herminio do Mesón. Manolo casou con
Asunción do tío Evaristo e tamén estiveron unha temporada en Venezuela. Antonio
(Carrizo) casou con María das Teixugueiras, emigraron á Arxentina e, logo de
volver, Antonio volvería a emigrar outra temporada á Colombia.
Da ascendencia de Rosa non hai datos por
pertencer a outra parroquia. O seu home era fillo de Florencio Villar e Matilde
Dieguez e tiña dúas irmáns mais: Fidelina, 27/5/1887,
e Celia, 25/8/1892. A casa onde
viviran, aparte dunha entrada polo Fondo do Lugar, da que accedían á cociña e
cuarto e onde tamén tiñan un pozo fondo con auga sosa, tiña outra pola carreira fonda (ver foto) con patio pechado,
bodega e cortes do gando.
As casas vellas e canastros que había, aínda
quedan algunhas, fronte á da tía Rosa e á do Sancristán eran da familia do tío
Aladino e da tía Filomena. Nalgún tempo a zona fora coñecida polo nome da Aira da tía María; non sería de estrañar
que tamén fose unha das airas onde se mallaba o centeo ou as fabas, como as
Airas ou a Aira Vella.
A
casa onde vive hoxe Virxinia coa súa familia, tamén fora vivenda doutra parentela
dos Febrero. Salvador Febrero Pérez, carpinteiro de profesión, casou, 22/2/1868, con Elena Villar Estévez e
tiveron, que se saiba, dous fillos: Concepción, 1/9/1871, e Laudino. Concepción casou, 8/1/1898, con Timoteo Yañez Alonso, 24/1/1857, e tiveron tres fillas: Palmira, 3/2/1898, Hermínda e Contemplación. Herminda casou con Augusto,
irmán da viúva de terzas, e serían os pais de Concepción (de Celso). Augusto
morreu ao principio da guerra combatendo na zona de Asturias.
Fronte á casa de Virxinia e facendo esquina coa rúa que vai dar a
Capilla estaba, aínda está, a de Dolores (Barqueira). Dolores Fernandez casara
cun irmán de Benxamín Orozco e Gabino de Terzas que morrera na guerra; o matrimonio
tivera catro fillos: Antonio, Manolo, Maruxa e Pepe.
Á dereita da casa da Barqueira e xa preto da
Capilla estaba, agora en ruínas, a casa da tía Isaura. Isaura Pérez Pérez, 4/9/1879, filla de Vicente de Santomé e
Aurora de Baldaríz, casou, 21/2/1898,
con Laudino Febrero Villar, fillo de Salvador Febrero e Elena Villar e tiveran
catro fillos: Elena, Herminia, Elvira e Silvino. Isaura tiña outra irmá: María
Purificación, 9/7/1882. Laudino, como
xa se dixera antes, era irmán de Concepción, nai de Herminda. Aínda que nacera
en Santomé, Elena sempre sería recoñecida como a tía Elena de Terzas. Herminia morrera sendo aínda nova deixando
un fillo mozo. Ese fillo, Luís, acabaría emigrando á Arxentina coa súa tía
Elvira. Silvino morreu sendo novo.
Para intentar desembeleñar un pouco a liñaxe dos Febrero, hai que dicir que non
procedían todos do mesmo tronco, como
supoñían algúns e aínda pensaba non fai moito a última persoa de Santomé que
leva ese apelido. Dos que se leva falado hasta agora hai que diferenciar dous
orixes asentados no lugar desde finais de 1700: Xosé Febrero con, polo menos cinco
xeracións de descendentes, non todos de Santomé, e Gabriel Febrero, onde os
últimos en levar o apelido, aínda que de segundo, serían os fillos de María
(nai do Motora). Na documentación da que se dispón non se aprecia ningún tipo
de parentesco entre Xosé e Gabriel, polo tanto tampouco existiría nos seus
descendentes como se viña sostendo.
Lino
e Salvador eran irmáns, fillos de Xosé Febrero e Rosa Pérez. Elena e Concepción
tamén eran irmáns, fillas de Vicente Villar e Xosefa Estevez. Lino casou con Concepción
en segundas nupcias. Salvador casou con Elena. Como Lino casara antes con
Quiteria Pérez, os fillos do primeiro e segundo matrimonio serían medio irmáns;
como tamén os fillos con Elena e Concepción serían primos carnais. Xosé e Rosa
tiveron dúas fillas mais: Manuela, casou con Nemesio Álvarez de Terzas e
Vicenta, que casou co Gregorio Estévez. Ao mellor querendo aclarar isto aínda
se enmarañou mais, pero estas non serían as únicas familias que casaban entre
cuñados e algúns volverían a facelo despois de enviuvar. Outra circunstancia
que se deu cos Febrero foi que viviron case todos na mesma zona: no Fondo do
Lugar.
Augusto,
fillo de Contempla, estivera algún tempo de criado na casa do Sancristán. Contaba
Evencio do tío Evaristo que andaba cunha prensa espremendo no viño, que estando
un día a traballar na casa do Sancristán tamén estivera Augusto axudándolle; á
hora de comer e sentados todos á mesa dixéralle Evencio: «¡que Augusto!, na casa do Sancristán cómese
ben ¿eh?», e Augusto respondéralle: «¡home claro, se fose sempre espremer!».
Na
foto da cabeceira aparecen tres homes, tres rapaces e unha palangana no corredor da casa do Sancristán. Para quen non os
coñeza, dicir que o home do medio era cuñado dos dous irmáns que están aos
lados, mentres que o rapaz é primo das dúas nenas.
Os
dous rapaces de debaixo, a pesar do
acaramelados e felices que se ven, só chegarían a ser consogros.
Texto por Luis de Olimpia
Moradelha editora