Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

 



Familias casas e cousas (XII)
   Do Souto ás Airas


Antes de facer a estrada de Santomé a Xestosa, chamábase tamén Souto a todo o terreo de viñas e hortas que chegaban hasta o Olivar ou o Arroio. As familias que habitaban a zona, así como as súas vivendas, irían desaparecendo case sen darse conta e por variados motivos pero, para os que nacemos a mediados do século pasado e xogamos de rapaces por aquelas corredoiras, o Souto segue vivo, aínda que só sexa nos recordos.
Familias como a de Pichón, con Erundina de Santomé e Antonio de Ramiras e seus fillos: Carme e Pepe; do Durma que, a pesar de Fidelina ser do Carballal e Darío da Bouza, decidiran asentar a súa vivenda en Santomé; da tía Fidelina e tío Eliseo cos seus seis fillos, dos que xa se falaba no capítulo (V), serían só algunhas das que xa fai tempo que se foron e con elas tamén as súas casas, aínda que algunha se siga conservando a día de hoxe.
Entre a casa do Durma e a da familia da tía Isabel, había unha vivenda con bodega e cortes do gando no baixo; a planta de arriba tiña un corredor ao que se accedía por unhas escaleiras medio cubertas cunha parra, en fronte estaba a cociña. O último propietario desa casa fora o tío Saturnino que, aínda que era coñecido como (de Terzas), súa nai era de Santomé; para saber algo mais desa familia habería que empezar falando dos seus avós.
Primo Gonzalez Orozco, 1/6/1854, e Socorro Martinez Pérez, deberon de casar nos arredores de 1880, xa que a súa primoxénita: María de las Auroras, nace o 19/10/1881. Despois aínda terían catro fillos mais: Basilisa, 17/6/1887; Xesús, 20/7/1890, morreu ao pouco de nacer; Demetrio, 1/8/1893, morreu cando contaba cinco anos, e Rosa, 15/7/1896. María de las Auroras casou no anexo de Santomé, 12/2/1909, con Vicente Dieguez Rodriguez, 24/10/1871, de Terzas. Ao matrimonio só se lle sabe dun fillo: Saturnino.


Rosa casou en San Xosé de California, 11/9/1927, con Domingo Fuente Vazquez (tío Domingos), natural de Pobra de Brollón (Lugo). O matrimonio tamén botara una temporada en Cuba; cando retornan das Américas acaban fixando a residencia, acompañados da súa única filla, Gloria, na cidade de Ourense. A Basilisa recórdase vivindo soa na casa do Souto e nunha cociña terrea que tiña en fronte onde, mais dunha vez, invitaría a algúns rapaces a comer a leite dunha cabra que tiña. Saturnino, que casara con María López da Seara e fóranse vivir a Terzas, sería quen acabara herdando o que era de seus pais e da súa tía Basilisa.


No primeiro plano da foto da cabeceira pódese ver a casa que foi de Arxentina e Argimiro; un pouco mais atrás tamén, onde viviron Carme e Antonio do tío Evaristo e xa, contra o fondo, parte da que se falaba antes. Os últimos en habitar esas vivendas e tamén dúas cociñas que estaban do outro lado do patio, foran Arxentina acompañada da súa nai, a tía Isabel, despois de quedar viúva e abandonar a casa do Cruceiro pero, para saber algo mais de quen foron os seus ascendentes, habería que retroceder varios anos atrás.
Juan Armada Pérez de 30 anos e María Villar Dieguez de 25, casaron na igrexa de Cartelle, 22/5/1887 e tiveron, que se saiba, catro fillos: as dúas primeiras: Julia, 31/12/1888 e Elvira, 11/1/1893, morreran ao pouco de nacer; Antonio, 18/1/1890  e Isabel, 5/9/1891. Antonio (do Souto) casou con Otilia Telle, dos que xa se falaba no capítulo anterior. Isabel, como xa se contaba no capítulo (I), casou con Severino Dieguez Bande e tiveron catro descendentes: Carme, Arxentina, Sira e Antonio (Sopas).
Sempre cara ás Airas, a seguinte casa á esquerda rodeada dun muro de pedra era da (Faxarda). Carme Pérez Yañez de Santomé casou con Ovidio Gonzalez López de Casardeita e tiveron unha filla, Maruxa. Os pais de Carme eran Emilio Pérez de Tallón (Macendo) e Balbina Yañez de Santomé. Irmáns dela tamén serían Manuel (Faxardo), casou en Ramiras, Xosé María, casou nas Teixugueiras e Antonio, que tamén casou en Tallón. Antes de facer esa casa, Carme Faxarda vivía na que era de seus pais, preto do Curro, a que mais tarde acabarían comprando e habitando Benito e Preciosa cando retornan de Venezuela. Da familia de Benito tamén se falaba no capítulo (V)
Do outro lado do camiño e fronte á da Faxarda, está a casa que foi da familia de Rosa de Evaristo e Modesto. Rosa Fernandez Orozco casou, pouco antes do comezo da guerra civil, con Xosé Gonzalez Febrero (Pepe), pais de Modesto. Destas familias xa se comentaba algo nos capítulos (III) e (IV), pero habería que dicir que o seu rumbo e os seus proxectos puideron estar truncados polo desenlace da propia guerra.
En xullo de 1936 Pépe atopábase nas segas de Castela e vírase obrigado, como moitos outros, a cambiar a fouce polo fusil. En Santomé quedábanlle dúas ilusións que nunca chegaría a ver realizadas: a casa das Airas a medio facer, xa que por esas datas vivían na que está fronte a do Bande, e o nacemento dun fillo que estarían esperando. Tamén no mes de xullo pero un ano despois, combatendo na batalla de Brunete, e na compañía de seus cuñados: Pepe e Xesús, sería abatido por algunha bala perdida.
Fronte a cociña desta familia estaba a vivenda da tía Anxelina. Desta familia xa se falaba no capítulo da Oliveira, pero habería que dicir que de recen casada, Anxelina fora a vivir ao pobo de seu home Herminio. En Terzas tamén deberon de nacer as súas fillas: Otilia e Felicitas. A casa das Airas onde acabaría vivindo mais tarde coa súa familia, compráranlla a Francisca Olleros e Manuel Villar. De feito, as únicas vivendas que había nesa época nas Airas, eran todas dá familia Olleros, o resto construído eran dúas bodegas e dous palleiros.
Para saber algo mais dás familias e do orixe dos Olleros habería que falar dun matrimonio habido, 8/5/1854, entre Xosé Olleros Sousa de Santomé e Gertrudes Vazquez Bande da Seara. A parella tivo seis descendentes: Manuel, 4/8/1855, morreu, 9/12/1863; Cosme, 28/9/1856; Antonia, 30/6/1859; Benito, 25/9/1861; Vicenta, 10/11/1865 e Francisca, 26/7/1868.
De Antonia, Benito e Vicenta non aparecen mais datos. Francisca casou, 8/1/1891, con Manuel Villar Estevez e tiveron, que se saiba tres fillos: María Estrella, 7/2/1894: Rudesindo, 8/6/1895 e Xosé Manuel, 28/9/1897.


Cosme casou, 31/7/1893, con Eudosia Dieguez Pérez de Casardeita e tiveron cinco fillos: Isolina, 26/5/1894; Felisa, 30/1/1896; Etelvino, 23/3/1897; Laureana e Manolo. Isolina casou co tío Vito e tiveron unha filla, Carme. Felisa e Manolo quedaran solteiros. Etelvino casou no anexo de Santomé, 18/4/1921, con Concepción Gonzalez de Terzas e tiveron tres fillos: Senén, Etelvina e Pura. Laureana estivera de criada en Outomuro.
O terreo das Airas que quedaba para uso público destinaríase ás mallas de centeo no mes de agosto, ás mascaradas, farsas, gaitadas e bailes de entroido e, dende que abriu o bar das Airas, tamén como aparcadoiro de coches, así como reunión e faladoiro de veciños e forasteiros.
Unha daquelas farsas que se recorda fora protagonizada por Isaac de Terzas facendo de barbeiro, e Filemón Cazote como cliente. A escena empezara a complicarse cando Isaac, como navalla de afeitar usaba unha fouce vella e oxidada, e como espuma bosta de vaca, Filemón trataba de aguantar como podía mentres a xente presente estaba a pasalo ben, pero non todos por igual; Laudino, pai de Filemón, empezara a protestar coa escena da bosta e acabaría  rebentando a comedia cando Isaac, unha vez rematado o afeitado, empezara a darlle unha loción a Filemón con mexo, tamén de vaca.  
Ao tío Antonio do Souto debíalle de gustar ben o viño. Tanto sería  así, que nun ano que viñera de Castela onde estiveran segando polas aforas de Madrid, preguntáralle un veciño que xa había estado antes por alí:
  «¡Que Antonio!, ¿En Majadaonda había boas mulleres eh?»
 Ao que Antonio respondera:
 «¿en Majadaonda?, en Majadaonda mulleres e viño a seis reas o litro o que che dese a gana».





Texto por Luis de Olimpia







Moradelha editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)