
Familias, casas e cousas (IV)
Nos Canastros
A escaleira de pedra
laxe, agora deserta, que se ve pegada á casa do tío Evaristo, fora noutro tempo
un fervedoiro de homes e rapaces subindo e baixando para cortar o pelo na
barbería do tío Eladio Petolo. Eladio era un dos tres fillos que tivera o
matrimonio entre Manuel Estevez e Florinda Martinez de Terzas. Cando estalou a
guerra atopábase na sega en Castela como moitos outros. Ao quedar en zona
republicana tivera dificultades en atravesar a fronte para regresar a Terzas,
aconsellado por seu irmán Serafín para que se marchara cando xa serían
bastantes os familiares que quedaban combatendo.
Aos
dous días de chegar á casa recibe unha citación para presentarse en Celanova.
Desde Celanova levárano a Santiago e de alí a unha cárcere no norte de África
acusado de ser afín á República, cando el sempre había sido neutral. Cando
queda en liberdade retorna ao seu pobo; pouco despois cásase e veñen a vivir a
Santomé onde tamén nacerían os seus catro fillos, dúas mulleres e dous homes.
A
casa que estaba, aínda está, mais metida nos Canastros era a do Brasileiro. O
alcume quedáralle porque estivera varios anos no Brasil. Xosé Gonzalez Pérez e Carmen
Estévez Febrero, 8/02/1879, deberon
de emigrar pouco tempo despois de casar xa que parte dos seus fillos, tres
mulleres e un home, naceran no Brasil. Para referirse a esta familia é case
obrigatorio falar antes dos que a precederon, mais que nada dos pais de Xosé:
Juan Gonzalez (Juanito) e Pascua Pérez. Para empezar a entender mellor a
historia desta familia reprodúcese, literal, a acta de bautizo dunha nena recen
nacida:


«En veinte y siete de agosto de mil ochocientos
setenta y siete el presbítero Juan Vicente Pérez con mi licencia bautizó solemnemente
a una niña que nació el día veinte y cinco del mismo hija natural de Pascua
Pérez, moza soltera vecina de Santomé, abuelos maternos Vicente Pérez y Matilde
Pérez, pusele por nombre Florinda y fueron padrinos Don José Reza vecino de
Cartelle y Cristalina Alvarez vecina de Santomé y tía de la niña». A
nota que aparece á
esquerda di o seguinte:
«Se presentó Juan Gonzalez vecino de Santomé,
diciendo que es su hija y no firma por no saber, pero lo hacen dos testigos:
Genaro Álvarez de Cartelle y Alejandro Dieguez de Santomé los cuales firman conmigo».
Os que recordaban ao tío Juanito dicían que era un home tranquilo,
pacifico e moi alto de estatura, habería que engadir ademais que fora un cabaleiro e que chegara a vivir preto de
cen anos. Se sabe que, despois do nacemento de Florinda (Flores), Juan e Pascua acabarían casando porque fillos deles tamén
foron: Xosé, (Brasileiro); Pedro
Regalado (Regalo), 13/5/1883; María
Purificación (Pura), 24/1/1886; María
da Cruz, 3/5/1888 e Fidelina, 1/8/1892. De todos estes o único que se saiba que vivira nos Canastros
foi Xosé, o resto, incluídos seus pais, deberon de vivir no Fondo do Lugar.
Florinda (Flores), casou con Gumersindo Febrero e serían os pais de Celsa da
Capilla.
Contan
que o Brasileiro tivera un finamento prematuro provocado polas malleiras que
lle deran uns veciños de Terzas durante a guerra. Non se sabe moi ben cal fora
o motivo; dicían que podía haber sido por cartos ou fincas que el posuía, e
quixéranlle quitar aqueles que se consideraban cunha certa autoridade cando se
colgaban unhas correaxes. Unha das torturas á que o someteran, segundo dicían,
fora atalo ao cambón da noria do tío Julio de Terzas e facelo tirar como si fose
unha besta. Como queira que fose, o probe morrería a consecuencia do maltrato
ao que o someteran.
Na outra casa que está ao lado da figueira
onde xogaban a brisca as mulleres cando facía moita calor, viviran os Fouceiros. Odilo Álvarez Gonzalez, 8/8/1893, e Digna Dieguez Martinez, 23/8/1890, casaran, 10/5/1916, no anexo de Santomé e tiveran, que se saiba, dous
fillos, unha muller e un home. Digna era a maior dos seis irmáns Vertelos, dos que dous morreran ao pouco
de nacer, os outros eran Antonio, Xosé e Concepción. Odilo era fillo de Xosé
María Álvarez e Felipa Gonzalez, non se lle sabe de mais irmáns.
O tío
Odilo tiña unha marca na fronte provocada por unha bala de pistola que lle
disparara Xaime Senra, veciño da Bouza, co que se engarzara nunha pelexa en
1934. Como a bala quedara incrustada na cabeza e a operación para extraela
resultaba complicada, decidiran deixarlla dentro. Odilo dicía que nos cambios
do tempo a bala movíase como si cambiara de posición, pero tampouco lle deu
mais problemas e acabaríaa levando con el para sempre. No que se recorda de el,
xa de viúvo, era a afección que tiña polas pombas, que sempre tivera entre
tellado e faiado das súas casas e tamén a de poñerlle lume a todos os
formigueiros que atopaba; esta última traeríalle algún desgusto, xa que algún
dos lumes que fixera non o puidera controlar e acabara provocando mais dun
incendio.

Nesa
mesma “praza” tiñan a casa os “Civiles”,
o alcume non se sabe de onde procede. Laudino Villar Villar,15/5/1895, de Santomé e Consuelo Rivera
Pérez,22/12/1896, de Terzas, casaran
na igrexa de Santa Eufemia de Ourense o 10/2/1929
e tiveron tres fillas. Laudino era irmán de Xosé Sardiñeiro e de Santos, home
de Lolita, tamén debeu de falecer pronto xa que son poucos os que o recordan.
Chamaba a atención o separadas que tiñan a cociña, do cuarto onde durmía a
familia; a cociña tiña unha entrada fronte á casa de Carme Faxarda e outra ao
lado da do Fouceiro, para ir dun sitio ao outro había que andar un bo treito e
atravesar a rúa por debaixo dunha parra que sempre se recorda ai.
Seguindo cara o Olivar, estaba, aínda está, a casa do Bande, pero na
época da que estamos a falar aí vivía outra familia que non tiña nada que ver
co Bande, aínda que si o tería coa que fora súa muller, Pepa. Se cree que nesa
casa viviu o matrimonio celebrado en Santomé, 23/7/1908, entre Indalecio Gonzalez e Pilar Febrero que terían, que se saiba, tres fillos: Esperanza
Xosé e unha que casou co Motela de Baldaríz. Esperanza casou con Severino Rúa
de Ramiras que serían os pais de Pepa. Xosé (Pepe), casou con Rosa de Evaristo
e morrera na batalla de Brunete combatendo ao lado da República.
O
canastro da foto tamén tería moito que contar, se puidese. Aínda que só aparece
un, este chegou a ser de tres herdeiros da mesma familia que dispuña de portas independentes
para cada unha delas, unha en cada cabeza e outra no medio. Tamén xusto detrás
dese canastro tiña un pozo o tío Odilo Fouceiro que, a pesar de ter moita
profundidade, case sempre estaba seco. Un día xogando caera no pozo un rapaz do
lugar e todos os intentos para rescatalo resultaban inútiles xa que o cativo
quedara ferido e non podía agarrarse a nada. Ao final conseguira baixar
Aquilino da tía Maravillas e, xa no fondo, subírase ao rapaz ás costas
agatuñando así con el hasta deixalo fora de perigo.

Texto por Luis de Olimpia
Moradelha editora