Dito 105 : Familias, casas e cousas (III)

 



Familias, casas e cosas (III)

Na  Castiñeira
 

Sempre cara a Castiñeira, despois da dos Sardiñeiros atópase a casa que foi dos Rexentes; familia prolífica que, así como chegara a ser numerosa, a día de hoxe apenas queda representación, e a pouca que queda xa fai tempo que non vive no lugar. Agapito Gonzalez Armada, 14/5/1896, fillo de Xosé María, 1/6/1861, e Felipa, de Santomé, casou, 11/2/1922, con Hermesinda Pérez Villar, filla de Manuel de Santomé e Carme de Terzas. O matrimonio tivo oito fillos, tres mulleres e cinco homes. O pai de Agapito, tiña tres irmáns máis: María, 6/3/1857; Preciosa,  e Rosa, 5/6/1864, nai de Blandina; polo tanto Blandina e Agapito serían primos.



Agapito morrera, cando debía andar nos sesenta anos, a consecuencia dun desgraciado accidente que lle ocorrera cando estaba subido a un carro de herba seca que estaban a recoller nun prado que tiñan en Ludeiros. Parece ser que as vacas que levaban o carro asustáranse con algo e deran un brinco, facendo que o que estaba subido perdese o equilibrio e caera nunha posición que lle ocasionara unha rotura de pescozo. Se recorda que chegara a casa subido nese mesmo carro, pero non puideran facer nada para salvarlle a vida.

Fronte á casa dos Rexentes estaba a de Mateo, agora en ruínas. Mateo Dieguez Gonzalez era fillo de Xosé Dieguez e Juana Gonzalez de Santomé, casou 3/8/1890, cando contaba corenta e catro anos, con Antonia Villar Pérez de trinta e dous, de Terzas. O matrimonio foi a vivir ao pobo da súa muller onde tamén nacerían os seus descendentes: Elvira, 31/5/1891, casou co sancristán de Santomé; Vicenta, 14/2/1893, casou con Serafín Martinez, de Seixadas; Emilio, 19/12/1897, casou con Elena  de Santomé e Xulio que casara con Vicenta, irmán de Amancio de Santomé. Vicenta faleceu cando solo contaba trinta e sete anos, deixando ao tío Xulio viúvo con tres fillos, dúas mulleres e un home.


O tío Xulio fora un emprendedor nos seus tempos; non se pode dicir que inventara a noria, pero instalara unha no pozo dunha herdade de millo que tiña na Arnela, que sacaba auga movida por un complicado mecanismo impulsado pola forza dunha mula xirando ao seu arredor. Tamén fora un dos poucos que tivera un boi para “cruzar” ás vacas de toda a zona. Un dos seus últimos “experimentos” que non resultaría moi afortunado, aínda que el fixérao con boa intención, sería levar e plantar os primeiros eucaliptos nos montes de Terzas e Santomé.
 
Case pegada á da familia de Mateo existira outra casa, hasta mediados de 1960 que sería derrubada. Esa puido ser durante un tempo a vivenda do matrimonio entre Inocencio Pérez, 9/4/1865, e Delfina Martinez, 14/10/1864. Inocencio, que tiña unha irmá xemela, Amalia, tivera cinco irmáns mais: Casto, María, 7/9/1852; Benita, 14/12/1856; Vicenta, 20/12/1859 e Paulino, 23/6/1862. Delfina de trinta e catro anos e Inocencio de trinta e tres, casaran en Cartelle, 18/4/1898. O matrimonio solo tivo, que se saiba, unha filla: María Dolores, (a tía Lolita).


Lolita casou no anexo de Santomé, 11/1/1919, con Santos, 6/3/1889, fillo de Julián e Eudosia Villar e tiveran cinco fillos, dúas mulleres e tres homes. Irmáns de Santos tamén serían Xosé Sardiñeiro e Laudino, home de Consuelo.

Xa na Castiñeira está a casa que fora do tío Evaristo. Concepción Orozco Nieves, 5/6/1891, e Evaristo Fernandez Gonzalez, casaron, 1/2/1914, na igrexa de Santa Eufemia de Ourense e tiveron sete fillos, dúas mulleres e cinco homes. Concepción era filla de Genaro Orozco e Asunción Nieves e tivera dous irmáns mais, Odilo, que morreu ao pouco de nacer e Xosé. Evaristo era fillo de Xosé Fernandez e Rosa Gonzalez, quen tamén serían pais de Vicenta, muller de Manoel Monea.


Si resulta complicado, a veces, vincular membros dunha mesma familia, canto mais si se trata de dúas ou de tres. Aquí aparece unha rama do apelido Pérez que se acabaría estendendo por varia familias de  Santomé. O tronco ven de mais atrás pero, para partir de aquí, habería que falar de Camilo e Genara Pérez quen foran pais de Inocencio e do resto de seus irmáns. Un deses irmáns fora Casto, que moi casto tampouco debía  ser xa que sería un dos encargados de sementar o apelido Pérez polo Souto, a Oliveira, Terzas, Cartelle, Asturias e Madrid.

Lolita, non tivera irmáns pero primos debeu ter dabondo pola parte de seu pai. Ademais, a súa nai Delfina era filla de Escolástica Martinez, parente esta do tío Venancio e da tía Estrela; deste parentesco non se vai falar agora para non facer un spoiler pero intentarase aclaralo cando toque pasar polo Curro, onde vivira Venancio, ou pola Oliveira e o Mesón, onde o fixera Estrela.

O feito de numerar e non nomear aos últimos descendentes das familias faise por dúas razóns: unha que podería haber algún membro desa familia que, pola razón que fose, non lle gustase que o nomearan; e outra que na franxa de tempo documentada que se está explorando, (1852-1898), se intenta centrarse mais nas familias e casas existentes nesa época. Pola mesma razón tamén se pasarán por alto as vivendas que foran feitas nos últimos anos e teranse en conta algunhas das que están en ruínas pero que se saiba de alguén coñecido que puido habitalas.


Texto por Luis de Olimpia



Moradelha editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)