Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)
Familias casas e cousas (XIII)
Pola Carreira Branca
A
orografía de Santomé desde 1960 podería haber cambiado substancialmente si a
estrada de Xestosa se houbera feito polo seu lado oriental, como se proxectara
nun principio, e non polo occidental como se acabaría facendo. Habería mais que
un motivo para que así ocorrese, pero o principal fora a influencia ou o poder
dalgúns veciños que tirarían mais para ese lado co solo interese de que a nova
vía lles pasase mais preto das súas casas. Como queira que fose, dende o Picoto
dos Corvos hasta a igrexa, o aumento da construción de casas do lado do pobo
que se fixo a estrada sería moi notable, mentres que do outro lado apenas
houbera cambios.
Aínda que a día de hoxe son poucos os que a
nomean, xa se chamaba Carreira Branca no Catastro de Ensenada (1752), a rúa que
vai da Castiñeira ao Mesón, así como as centeeiras e viñas que se estendían
hasta a Ferrañeira ou o Anquedo. Ese camiño, ademais de vía de servizo para
xentes, gandos e carros, tamén o usarían os veciños de Ramiras para visitar as
tendas e bares do pobo ou como camiño de paso cara á feira de Cartelle. Na foto
da cabeceira aparece o que foi muro e porta de patio dunha vivenda situada contra
a metade desa rúa; a zona leva abandonada desde fai mais de cincuenta anos e
sería coñecida como casa da Poteira. Para saber algo mais das
familias que habitaron nese lugar, habería que retroceder preto de dous séculos.
Antonio
Rodríguez Lamela de 23 anos, fillo de Bonifacio e Xosefa, e Carlota Armada
Dieguez de 20 anos, filla de Eugenio e Vicenta, casaron na igrexa de Cartelle, 2/12/1880. O matrimonio tivera sete descendentes:
Cándido, 13/10/1881;
María Gelina, 11/8/1886, Faleceu no Nadal de 1887;
María, 26/6/1888; Xaime, 6/11/1891;
Hortensa, 8/6/1894; Manuel, 13/7/1896 e Etelvina, 10/5/1898.
De Cándido se
sabe que estaba en Cuba o 23/12/1916,
xa que consta que asistira como testemuña á voda de Remigio Mosquera (Rubio) e
Florínda Gonzalez, celebrada nesa data na cidade da Habana. De María e Xaime
non hai mais datos. Hortensa fórase de moi nova a servir como criada á casa do Rubio de Sabuz, pobo entre Outumuro e
Santa Baia. O tal Rubio chamábase Manuel Sousa Santamaría, estaba casado e
tiñan tres fillos. Cando lle morre a muller volve a casar na igrexa de Santa
María de Reza, 12/11/1914, desta vez
con Hortensa, coa que tivo seis fillos mais; unha desas descendentes sería Esperanza,
muller de Pepe Motora. Manuel tamén estivera unha temporada en Cuba; cando retorna quédase a vivir nesa casa facéndolle compañía
á súa nai e á irmá mais nova, Etelvina. Mais tarde acabaría comprando un alambique
co que andaría a facer augardente para os veciños do Lugar e pobos do seu
arredor que o solicitasen, de aí o alcume Poteiro/Poteira,
polo que serían recoñecidos, tanto Manuel como Etelvina.
Esperanza debía de ser unha moza de apenas
vinte anos cando se ven vivir a Santomé para acompañar a súa tía que quedara
soa despois do falecemento de Manuel. Pepe Motora tamén había quedado sen a súa
compañeira, Herminda, e vivía cos seus dous fillos na casa da Capilla. Logo de
casar con Esperanza, iríanse todos a vivir á casa da Poteira. O matrimonio aínda acabaría tendo catro fillos mais: dúas
mulleres e dous homes.
Sempre
pola Carreira Branca cara o Mesón, as únicas construcións que había en 1950
eran: pola esquerda, os arredor de trinta canastros que chegaban hasta esa
mesma casa e a vivenda da familia do tío Benxamín, mentres que pola dereita
estaba o palleiro da tía Consuelo (Civiles), o de Eladio Petolo, este preto xa
do Anquedo, a casa de Serafina e a bodega/palleiro da tía Saladina; o demais
eran eixidos, viñas ou centeeiras.
Aínda que sería coñecida como casa de Serafina, esa vivenda fixérana e
viviran nela unha temporada Xesús de Evaristo e a súa muller Adela, e sería só
cando o matrimonio decide irse a vivir a Barcelona, que lla acabarían vendendo
a Avelino (Pelotas) de Seixadas, quen facía pouco, casara coa única filla de
Serafina, Rosa, e estarían a vivir na casa da tía Marabillas da Oliveira. O
matrimonio tivo dúas fillas. Como xa se comentaba no capítulo (V), Serafina era
a primoxénita dos cinco fillos que tiveran Marabillas de Santomé e Nicanor de Terzas.
Tamén na Oliveira, na casa da tía Estrela,
quedáranse a vivir Benxamín e Felicitas despois de casar, mentres non remataran
a que estaban a facer na Carreira Branca; alí tamén puideron haber nacido os
seus tres fillos: dúas mulleres e un home. Felicitas era unha das dez fillas/os
que tiveran Estrela e Bautista, dos que xa se falaba no capítulo (VII).
Benxamín nacera en Terzas, irmáns del tamén serían Gabino e o home de Dolores
Barqueira que morrera na guerra.
Xa no Mesón, despois da casa de Benxamín
había unha finca cercada que remataba no camiño e na que fora vivenda de
Secundino (do Mesón). Esa propiedade era do tío Delmiro e vendéralla a súa
filla Celsa a Secundino. Anos mais tarde acabaríana adquirindo Sara e seu home
Xosé (Portugues), onde construirían a casa que permanece actualmente. Secundino
era un dos catro fillos que tiveran o tío Venancio e a súa muller Rosa; nunca chegou a casar pero estivera convivindo algún tempo con María, irmá
de Serafina, e logo con Fidelina, filla do tío Juanito. Tampouco deixou
descendencia.
Pegada á casa de Secundino, e dun lado e doutro
da rúa do Mesón, estaba a da familia (Bolero). Para saber algo mais dos seus
orixes, habería que lembrar ao matrimonio celebrado na igrexa de Cartelle, 4/2/1897, entre Manuel Armada Pérez,
fillo de Juan e Agustina, e Bernarda Yañez Armada, 17/2/1871, filla de Gregorio e Avelina. A parella tivo catro fillos: Camilo, 18/10/1897, Benito, Asunción e María.
Asunción foi a última en vivir na casa do Mesón, quen lla acabaría vendendo a
Pancho e Eudosia logo de irse a vivir á Bouza, onde casara cun garda de montes,
(Fankín). María casou con Agapito Cacheiro (Barbeiro) de Terzas, onde tamén
acabaría vivindo.
A vida de Benito acabaría sendo mais curta,
e tamén mais dramática pero, non vai ser aquí onde se relate a súa historia, xa
que se comentaba parte dela no dito 32 deste blog co titulo herdeiros da Cruz, publicado o 27/11/2019. Como en Santomé xa non queda
ninguén que poida recordar aquel mozo de pouco mais de trinta anos cando lle
ocorreu a súa desgraza, 30/09/1933,
ben é certo que a maioría lembrarano polo que lle contaron os seus devanceiros,
aínda que con variadas versións de cómo puido acontecer, achéganse aquí unhas
notas que saíran publicadas na prensa da época:
![]() |
La Región 2/9/1933 --- La Zarpa 3/9/1933 --- La Región 14/9/1933 |
A Carreira Branca prestaríalle, aínda lle segue prestando, outro gran
servizo ao pobo dende 1954, que é cando se leva parte da auga do Barreiro á
recen feita fonte do Cruceiro. Polo medio desa rúa, igual que toda a que segue
cara fonte e a que ven do Barreiro, sería escavada unha gabia polos veciños
que, nalgún caso podía chegar a ter varios metros de fonda, para ir colocando
unhas tuberías de barro que habería que ir empatando con cemento, metro a
metro. Na escavación participaran unha morea de homes, mozos e vellos, de
Santomé, que daquelas abondaban bastante, sen mais interese que axudarse uns
aos outros. Para a colocación da tubería e construción de arquetas recórdase,
entre outros, a Xosé Monea, Benito da tía Otilia e Antonio Capitán.
La Región 3/10/1954
A nota de prensa que se publicaba por aqueles días non fai ningunha
referencia á colaboración dos veciños do Lugar, mentres que non ten reparo en
nomear a Franco e a Falanxe como os verdadeiros artífices ou promotores da obra,
cando o único que fixera a Falanxe fora colocar a placa que aparece no medio da
fachada da fonte para que resaltase o seu símbolo: o xugo e as frechas, símbolo que, fai tempo, algún axitador ou subversivo se encargaría de
facer desaparecer raspando naquel cacho de mosaico .
Texto por Luis de Olimpia
Moradelha editora