Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar
Se sabe que se chamaba Antonio, que o alcumaban
(Caraveleira) e que nacera no fondo do Lugar, na casa onde hoxe vive Virxinia
coa súa familia, un primeiro de ano de 1912; alí crecería e asistiría á escola
do Cruceiro salvo nos días que tivera que axudarlle a seus pais a traballar as
terras ou en ir pro monte co gando; logo faríase mozo, iría ás mozas e acabaría
casando e tendo familia, se non fora porque algúns moi lonxe de alí e sen
sequera coñecelo de nada, decidiran privalo da súa vida cando solo contaba 29
anos.
Se sabe que o campo de concentración alemán de
Mauthausen non estaba en Alemaña, que estaba en Austria, situado ao lado dunha
canteira de pedra onde obrigarían a traballar aos alí recluídos baixando e
subindo as 186 empinadas escaleiras cargados con bloques de granito, pedras que
outros xa se encargaran antes de ir rompendo dos penedos da canteira, e todo
iso a base do seu propio esforzo físico moi minguado xa polo tratamento e a
falta de alimentación programada á que eran sometidos.
Tamén
se sabe que nos arredores de Mauthausen habían construído outros campos, mais
pequenos pero co mesmo ou parecido fin: someter e obrigar aos presos a vivir e
traballar nunhas condicións totalmente infrahumanas. Un deses subcampos situado
a cinco quilómetros do principal era Gusen, que mais que de concentración acabaría sendo de exterminio; alí, nas
cámaras de gas e queimados nos crematorios construídos para tal fin, arrancaríanlle
a vida a mais de 5.000 republicanos españois, dos que 109 serían galegos, dos
que 21 eran de Ourense, dos que catro eran da comarca de Celanova e dos que un,
o Nº 10675, era do Concello de Cartelle, concretamente do
pobo de Santomé, Antonio Villar Febrero
Se
sabe que Seu pai era de Terzas e chamábase Eliseo, súa nai chamábase María, esta
tiña dous irmás, Xosé Febrero (o Mestre) e Concepción, nai de Herminda. O
matrimonio tivera tres fillos, Laudino (Cazote), Antonio, e Pepe (Motora).
Aínda
que dos pasos que deu Antonio para chegar onde chegou apenas existe
documentación nin testemuñas a día de hoxe, si se pode imaxinar o que poido haber
sido o seu percorrido, xa que non sería moi diferente do que fixeran outros
mozos como el que foran sorprendidos
polo golpe de estado de 1936; exemplo Serafín Petolo de Terzas. Se sabe que,
como moitos, andaría na sega en Castela, que de forma voluntaria ou obrigada
acabaría combatendo no exercito da República, que participaría na defensa de
Madrid por encontrarse nesa zona, e que non sería estraño que tamén participara
nalgunha das batallas do Jarama, Brunete,
Teruel ou o Ebro
Se
sabe que Antonio estivo na Retirada e que poido pasar os Pirineos de
camiño a Francia por calquera das fronteiras que foran abertas dende o 27 de
xaneiro ao 10 de febreiro de 1939, por alí chegarían a pasar mais de 450.000 españois
cara o exilio dos que mais de 200.000 serían militares.
Tamén se sabe que no exilio francés fora a parar
a praia de Argelés sur Mer; que debería de haber sido un campo de refuxiados
pero acabárase convertendo nun campo de concentración rodeado de arameos e
vixiado por gardas senegaleses, ademais cunhas condicións de vida penosas ao
non existir ningún tipo de barracas ou zonas cubertas, nin enfermería, lavabos ou
auga potable. Que terían que durmir sobre a area da praia encima dunha manta o
que a tivera, e aínda así soportar a humidade que podía haber nun mes de febreiro
que é cando chegan alí. Argelés non sería o único campo, tamén estaba
Saint-Cyprien, Barcarés ou Septfons; por este último pasarían miles de soldados
da República, pode que tamén Antonio.
Ao estallar a Segunda Guerra Mundial, Francia e
invadida o 10 de maio de 1940 e en pouco mais de 40 días acábase rendendo ao
exercito alemán; o goberno francés obriga aos homes entre os 20 e 48 anos, e
beneficiados do dereito de asilo, a prestar servizos para as autoridades
militares francesas; encontrándose nesta categoría os republicanos españois, que
teñen que escoller unha das poucas opcións que lles ofrecen:
-ser contratados por
patróns agrícolas ou industriais
-apuntarse na Compañía
de Traballadores Estranxeiros (C.T.E.), destinados á
fortificación das liñas de defensa francesas (Liña Maginot)
-alistarse na Lexión
Estranxeira; o que elixía isto tería que permanecer 5 anos
-enrolarse nos
Rexementos en Marcha de Voluntarios Estranxeiros; isto comportaría ofrecer
servicios mentres durase a guerra.
Outra
opción para os que tiveran recursos económicos, era embarcar para México, Chile
ou Cuba que serían os únicos países que admitían refuxiados da República.
Se sabe
que a gran maioría, voluntarios ou á forza, acabarían nas compañías de
traballadores, ao principio con pico e pala e mais tarde cambiar estes polas
armas para facer o mesmo que facían os franceses, e dicir non moito, xa que
Francia apenas opuxo resistencia aos alemáns e as súas tropas iríanse retirando
cara a zona “libre”, que viña a ser o sueste do país segundo o Réxime de Vichí instaurado
polo mariscal Philippe Pètain, quen acabaría sendo un títere nas mans dos
alemáns que fixeron o que lles deu a gana; desde “pasear” por ese territorio
cando lle apetecía hasta chegar a entregarlle a todos os xudeus e tamén
republicanos españois que lle pedían.
Se sabe
que Antonio estivo no Stalag XI-B, (un campo de
presos de guerra de Alemaña) en Fallingbostel no
departamento de Hannover; alí chegaría despois de ser detido pola Gestapo nunha
redada dos republicanos españois iniciada logo da entrevista do ministro de exteriores
Serrano Suñer (o cuñadísimo) en Berlin,
e de Franco con Hitler en Irún. Resulta que o minigoberno de Vychi non sabe que
facer cos mais de 10.000 soldados republicanos exiliados e ofrécelle a Franco
de repatrialos a España pero este non os quere alegando que son inimigos da Patria
xa que loitaron contra el na guerra civil. Ademais colabora con Alemaña para a
detención e aplicación do castigo máximo.
Se sabe
que Antonio, como todos os republicanos presos, perdera a condición de prisioneiro
de guerra pola de apátrida e así sería entregado aos nazis co beneplácito de
Franco. Que o 25 de xaneiro de 1941 partía un tren do Stalag XI-B de
Fallingbostel formado por 1.506 deportados, todos españois, e case todos
pertencentes a C.T.E. que traballaban no
departamento de Vosgos e que a maioría,
incluído Antonio, xa habían pasado polo Frontstalag 140 de Belfort. Que os confinados
foran metidos á forza en vagóns de mercancía, hacinados en moreas de mais de
cen por vagón, sen recibir ningún tipo de alimento nin auga en toda a viaxe e
obrigados a facer as súas necesidades dentro do mesmo vagón.
Tamén se sabe que dous días despois, na
madrugada do 27 chegaban a Mauthausen e alí serían recibidos polos gardas SS
que os van apremando a baixar do tren con berros e ameazas de morte si algún se
retrasase ou chegase a caer. Que ese mesmo tratamento é o que van a recibir
durante os catro quilómetros que dura o traxecto desde a estación á fortaleza
do campo, unha estrada empinada e cuberta de neve, que terían ademais que
soportar os ataques dos cans adestrados que os irían mordendo nas pernas.
Detrás seguiríaos un camión, pero non sería para levar aos que ían esgotados ou
feridos, senón a cargar aos mortos que ían caendo.
Pola
razón que fose, Antonio non chega en bo estado físico a Mauthausen; hai que
pensar que levaba preto de cinco anos, desde que o sorprendera a guerra en
Castela, sen apenas dar tregua a seu corpo tanto en España como en Francia, que
non sería nada estraño que fose ferido mais dunha vez e que os malos tratos e a
escasa alimentación á que estivera sometido ultimamente, sen dúbida
contribuiría a que lle acabara pasando factura.
Se sabe
que chega ao campo de Mauthausen o 27 de xaneiro de 1941 e que 21 días mais
tarde, o 17 de febreiro, é trasladado a Gusen; cando o normal sería que os que
ían chegando novos se quedaran a traballar na canteira de pedra mentres
estivesen fortes para facelo, e enviábanos a Gusen, solo e cando enfermaban ou
xa estaban moi debilitados. Por outro lado, tamén chama a atención que no campo
de Gusen resistira case seis meses, morre o 11 de agosto, cando mais do oitenta
por cen dos españois que acabaron alí foran exterminados aos poucos días de
chegar.
Ficha das SS en Mauthausen Gusen e notificación do goberno de
Francia do falecemento de Antonio a súa nai María.
A fotografía que aparece nesta cabezeira fora sacada en
Mauthausen por Francesc Boix, un catalán que, casualmente, formaba parte da
mesma viaxe o mesmo día que o fixera Antonio. Esa foto con outros centos delas
mais, foran publicadas por todo o mundo grazas a que Francesc tivera a
ocurrencia de ir ocultando os clichés ao longo de mais de catro anos que estivo
preso, e logo buscando a maneira de quitalos do campo sen que ninguén se dese
conta, arriesgando desa maneira a súa vida.
Desa historia fíxose
unha pelicula española fai uns anos (o fotografo de Mauthausen) que podía
reflexar dunha maneira un tanto blanda
como podía ser a vida naquel inferno. Grazas a súa profesión e tamen a sorte,
Francesc Boix sobreviviría a todo aquilo e sería un dos 3.809 españois que
quedarían en liberdade o 5 de maio de 1945; en xullo de 1951 falecía en Paris
aos 30 anos dunha infermedade probablemente relacionada coa súa estancia en
Mauthausen.