Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

 
Rapazallada polos anos 60



A táboa que aparece na cabeceira do escrito, fai referencia ao seguimento dunha familia que existiu en Santomé desde fai xa mais de tres centos anos e, na que algúns dos seus descendentes aínda se poderían identificar a día de hoxe. Podíase haber elixido outra calquera das mais de cincuenta que vivían por eses tempos no lugar pero si se escolleu esta sería, entre outras cousas, porque resultou ser a menos difícil á hora de rebuscar o parentesco dos seus descendentes debido a que o seu primeiro apelido, (Estevez), sobrevive no tempo grazas a que sempre se iría sucedendo nalgún dos herdeiros do xénero masculino.

O interese que puidera ter esta publicación para a maioría da xente podería ser moi pouco. Mentres que sería sempre un dos retos que me propuxera desde que fora consciente da existencia do Catastro de Ensenada, (ano 1.752), realizado na Xurisdición de Cartelle, onde por suposto, se incluía o lugar de Santomé. Nalgunha publicación anterior deste blog: O Catastro de Ensenada, (25/04/2022) ou Os Devanceiros, (29/08/2022), xa se facía algunha referencia o pormenorizado e meticuloso inventario de nomes de veciños coas súas casas, número de fincas coa súa localización e extensión, así como a cantidade de gandos que posuían. Un desafío sería entón conseguir vincular algunha daquelas familias con outras existentes a día de hoxe.




Sempre segundo o Catastro de Ensenada, Pedro Estevez era carpinteiro, contaba sesenta e dous anos, estaba viúvo e vivía con dous fillos, aínda que chegara a ter seis. Un deses fillos, Gabriel de trinta anos, estaba casado. O menor, de once anos, chamábase Tomás e sería o que mais contribuíra en sementar  o apelido Estevez por todo o territorio cos once fillos que chegara a parir a súa muller Xosefa. No capítulo dos Devanceiros xa se collía como referencia a este propietario, entre outras cousas, porque tiña oitenta e dúas colmeas preto do regueiro da Ponte das que, algunhas, aínda se poden recordar hoxe.

 Aparte da súa profesión, a familia de Pedro era propietaria de corenta e sete fincas, unha casa de planta alta con cuarto, habitacións, cociña e cortes para o gando. Separadas desa, tiñan dúas casas terreas con parra e un palleiro. Ademais, de gando tiñan dous porcos, sete ovellas e dous bois. Esta non sería a única familia de Santomé cun patrimonio parecido naqueles tempos, pero moitas mais non debería de haber. Aparte do económico, tamén estaría o seu estado social. Tanto Pedro como seus fillos Gabriel e Tomás, acompañados das súas mulleres, aparecen en varias actas de bautismo apadriñando a recen nacidos e, como xa se ten comentado outras veces, a costume de buscar padriños acomodados xa sería habitual.

Dicir que, o que mais espertara a miña curiosidade por vincular algunha daquelas xentes coas que existimos agora, sería emparentalas con algún dos dezaseis Oleiros (que facían olas de barro), rexistrados no catastro de 1.752. No apartado de Pedro non fala nada de que tivese que ver coas olas pero a muller de Tomás, Benita Ferro, era filla de Pascual Ferro e, este si que aparece como un daqueles artesáns. Ao mellor hai mais sorte e conséguese nalgún outro capítulo.

Nunha aldea na que, nos seus momentos da súa maior poboación, non pasaría dos trescentos cincuenta habitantes, case todos acabaríamos tendo algún tipo de parentesco ao longo de tantos anos. Cando se publicou o capítulo que falaba de Pedro Estevez aínda non se sabía quen podían ser os seus descendentes na actualidade. Hoxe aquí, só se segue a rama de Tomás e por aí sábese que algúns dos que levan ese apelido fóronse para Arxentina, tiveron familia e alá quedaron, que outro casou cunha muller de Baldaríz e que os seus dous fillos viviron na Bouza e tamén se sabe que, mesmo sen levar ese apelido e que nos separasen sete xeracións, eu tamén acabaría sendo un dos herdeiros desa liñaxe.

Rastrear a rama que corresponde a Gabriel quedará para outro día, dicir só que algún dos seus descendentes andaron polo Brasil e habitaron nos Canastros.




Texto por Luis de Olimpia





Moradelha editora





Publicacións populares deste blog

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)