Dito_123 : Pasaba por Santomé

 



Pasaba por Santomé
 
Definición do Dicionario de Autoridades da Real Academia da Lingua (1.739), ao que coñecemos como Camiño Real: Chámaselle así ao máis ancho, principal, fácil e empregado polos viandantes, e por iso teñen obrigación as Xustizas de telo limpo, composto e tamén en partes empedrado. Chámaselle Real, porque é público, ou leva a paraxes grandes, e camíñase por el con máis conveniencia.

Aínda que ao falar de camiños reais pódesenos ir a idea ao Camiño de Santiago, hai que dicir que o verdadeiro sentido que terían estas vías non sería tanto o relixioso, senón mais ben o práctico: atallos para trasladarse dunha cidade ou vila á outra, así como ao trasporte de gandos e carruaxes con mercadorías de calquera tipo que podían abondar nalgún lugar e escasear noutros.

Tampouco terían moito que ver coa realeza, aínda que algúns reis chegasen a usalos nas súas viaxes entre cidades e vilas. Estas calzadas viñan xa da época dos romanos, algunhas incluso manterían parte das súas vías empedradas. Moi usados na Baixa Idade Media e Moderna, irían quedando en desuso coa chegada de vehículos a motor desde finais do século XIX e principios do XX, parte deles incluso acabarían quedando absorbidos polas novas estradas. Aínda que a razón principal dos camiños reais era unir cidades e vilas de maior relevancia na menor distancia, algunhas aldeas remotas acabarían resultando favorecidas ao atravesar estes polo Lugar ou preto das súas casas, unha desas aldeas puido haber sido Santomé.
    
Existen varias razóns de peso para soster que un deses camiños que chegaba a unir Ribadavia con Allaríz, cruzaría o Pobo entrando pola Cruz e pasando polo Mesón. Unha das testemuñas mais documentadas podía ser a referencia que fai o Catastro de Ensenada, (véxase gráfico da cabeceira): Un Camino Real que principia en Val de pereira y finaliza en San Tomé de donde pasa a Allariz y otras partes… No libro de Samuel Eiján Ribadavia y sus alrededores, tamén fala dun Camiño Real que cruzaba o Miño pola Ponte de Castrelo desde a Idade Media; mesmo que nun Boletín do Museo Arqueolóxico de Ourense de 1.948, que trata da familia e o Lugar onde nacera o Padre Feijóo: Torre de Queiroás, entre este pueblo y Santa Eulalia de Urrós, sobre la vereda Allariz-Merca, antiguo camino a Castrelo de Miño; esta podería ser a terceira razón pero outra, mais que documentada sería de sentido común, xa que trazando unha liña recta en calquera mapa onde se mostren as vilas de Ribadavia e Allaríz, a ruta mais curta pasaba por Santomé.
    
Nese mesmo apartado que sinala o Camiño Real, tamén fala de camiños carreteiros ou traveseiros; estes mais estreitos e pensados para cabalos, mulas ou viaxeiros que ían a pé. Os que recordamos a época dos arrieiros como xamoneiros ou tratantes de gando; ambulantes como paraugueiros ou vendedores de louza; incluso nos mesmos indo á feira de Cartelle e asistindo ás festas de pobos do arredor, acabaríamos frecuentando ese tipo de camiños. Pero as calzadas antigas das que falamos aquí serían outra cousa: tiñan na maioría dos tramos o ancho de dous carros e vadeaban os montes para evitar subidas ou baixadas pronunciadas.
   
Os que tamén temos no recordo os camiños de carros que saían do pobo, fose pola Carreira Fonda cara a Ponte ou as Remeladas, fose polo Arroio cara as Cortiñas ou o Redondelo, fose polo Anquedo cara a Poza ou os Fungueiros, sabemos da estreiteza e dificultade daquelas vías e, ao mellor, nunca nos paramos a pensar porque o camiño que viña da Bouza hasta Santomé e seguía cara o Barreiro era mais ancho cos outros, de feito circulaban a miúdo camións dun lado e doutro con mercadorías ou na procura de viño. 
   
No capítulo XIV de Familias xa se comentaba algo sobre o Mesón e tamén se falaba dos que ían en busca da terra ao Val da Rabeda para a elaboración das olas de barro seguindo esa mesma ruta. Mesmo para ir andando a Romaría dos Milagros, aínda hoxe hai no Pobo quen recorda servirse dese percorrido hasta A Merca, ben que desde alí acabase collendo outras direccións mais convenientes para chegar ao Santuario pero, formando este tramo de vía parte do Camiño Real entre esas dúas vilas, o transito tivo que haber sido moito mais importante en épocas anteriores.
    
Mirando un mapa cartográfico da provincia de Ourense de 1.856 elaborado por Francisco Coello, (Coronel, Comandante de Enxeñeiros), aparece marcado un camiño que pasaba por Santomé vindo de San Paio e cruzaba o Miño pola ponte de Castrelo cara Barral en dirección á Bouza pasando preto de San Esteban. Da Bouza a Santomé seguiría practicamente a mesma ruta da estrada actual. Atravesaba pola cima do Pobo cara os Feás hasta as Empozadas continuando cara Niño de Groi e, cruzando outro camiño que ía da Seara a Xestosa e Trelle, dirixíase cara A Merca pasando por Sabucedo de Montes. Os once quilómetros que separaban A Merca de Allaríz, o camiño debía de facelo entre Forxás das Viñas e Queiroás.
      
Saíndo da Bouza cara os Pereiros, a menos dun quilómetro había, aínda hai, un sendeiro moi usado e bastante ancho que levaba a Barral pasando preto de Souto e Pousadoiro. Ese atallo fora moi utilizado polos viandantes que ían  comprar ou vender as feiras da Vila, así como polos xornaleiros cara Castrelo ou as vendimas do Ribeiro evitando dar a volta polo Palmeiro, como acabarían facendo os vehículos a motor despois da construción nos arredores de 1.930 da estrada de Celanova a Barral. Esa ven sendo tamén a dirección que seguiría o camiño sinalado no plano de Coello.
   
Certezas e dúbidas: certo que un deses camiños, chamárase antigo, medieval ou real cruzaba o Pobo de Santomé dende facía séculos; sospeita de que algúns dos tramos que se sinalan, véxase de Castrelo á Bouza ou da Merca a Allariz, podían variar algo o percorrido marcado no mapa. Certeza de que esa calzada era o dobre de ancha que a maioría dos camiños que se usaban habitualmente para acceder aos montes ou ás terras de labranza; dúbida de si a razón de pasar por Santomé, fose só porque resultaba ser a ruta mais curta entres as dúas Vilas, que no Pobo houbera algún aliciente, como a industria das olas ou un atractivo de comida e auga para viandantes e gando. Recordar que aínda non fai moitos anos o núcleo de casas/vivendas do Pobo remataba nos Canastros e nas Airas; nin cara a Cruz nin cara o Mesón, aparte dalgún palleiro, apenas había nada construído e os poucos veciños que habitaban a cima do pobo viñan sendo case todos da mesma familia; incluso o lugar do Mesón probablemente acabaría chamándose así porque na zona existira durante un tempo unha casa dedicada a dar o servizo que todo ese nome representaba e que todo indica que dito negocio debeu haber medrado ao ritmo do Camiño Real; recordar tamén que tanto a Fontela como o Barreiro sempre serían garantía de auga para todo o ano.

O camiño en Google Maps


Mapa de Francisco Coello



Texto por Luis de Olimpia



Moradelha editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)