Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)
Para seguir cara Ourense ou tirar cara o Val
Da Rabeda, entre Sabucedo e Loiro, onde se iría cos carros de bois en busca do
barro para a elaboración das olas,
habería que pasar polo Mesón, os Feás e as Empozadas, onde o camiño se dividía
en dous: o que subía pola Pedra Furada, as Sete Buratas e a Costa Rubia e o que
seguía cara as Teixugueiras pasando por Niño de Groi. Este tamén se acabaría usando
mais tarde par levar as toradas de piñeiros á fábrica da Seara e volver coas
táboas xa serradas para casas e palleiros en construción ou reformas.
A
terceira muller de Manolo do Mesón chegara a Santomé acompañando a seu irmán Antonio
e xa nunca se marcharía. Antonio Gonzalez Gonzalez (Mario) de 48 anos, de San
Gines de Lobeira, fillo de Marcelino e Balbina, casou en Cartelle, 6/2/1940, con Amparo Villar Gonzalez de
37, filla de Ausencio e Cristalina; o matrimonio non chegou a ter descendentes.
A súa casa era a última que había subindo polo camiño que ía a Ramiras, onde
fixeron a súa Pepe e Arbolínda; mais que casa era un palleiro que adaptarían a
vivenda nunha reforma que lles fixera Antonio Capitán.
Tamén esta podería ser a historia última da
serie familias casas e cousas. Vai
facer un ano o día dos Santos Inocentes, vaia data para empezar algo serio, da
publicación do primeiro capítulo. Preto dun ano mergullado en centos de paxinas de tomos centenarios, co fin de
descifrar textos escritos nunha letra difícil e cunha caligrafía complicada.
Tratar de descubrir a parentela ou a orixe de hasta tres ou catro xeracións de
setenta e sete familias nunha época, 1852-1901,
que xa ninguén recorda, salvo o que lle puideron haber contado algúns dos seus
devanceiros. Setenta e sete núcleos familiares que podían acumular preto de
catro centos veciños, que ao principio se pensaba dividir en trinta capítulos e
que se acabaría reducindo a catorce, o que puido levar a que algúns quedasen
demasiado cargados de nomes e datas.
Aínda así, nada disto se podería conseguir sen
as frecuentas visitas ao Arquivo Histórico Diocesano de Ourense, onde se
conservan os exemplares nos que, nesa franxa de tempo, foran inscritas polos
diferentes curas que rexeran a freguesía de Cartelle: 362 actas de bautismo e
175 de vodas, só de Santomé; que ademais habería que rebuscar e distinguir entre
o resto das actas dos nove pobos que compoñían a parroquia. E con todo, aínda
quedaría mais dunha cuarta parte dos nacidos ou casados sen poder identificar
ou vincular con ningún dos familiares publicados.
Nalgún destes escritos, xa se comentaba a
dificultade que supoñía o feito de emparentar a varios dos que aparecían
naqueles escritos por non ter acceso aos libros de Santomé que, como tamén se
dixo, empezara a exercer como parroquia en 1904; aínda non se perderon de todo
as esperanzas de que algún día se consiga. Outra razón que podía explicar o non
atopar seguimento daquelas xentes, podería estar na emigración. Se sabe que
familias enteiras marcharon para Arxentina, Brasil ou Cuba e nunca regresaron,
ou si o fixeron nunca acabarían tendo descendentes no pobo. Incluso tamén
habería casos de veciños que, nacendo en Santomé, acabaran casando e tendo
familia en calquera outro lugar.
Aparte da “sorte” de haberse atopado co
Arquivo do seminario de Ourense, non sería menor a de poder contar coa axuda de
varios colaboradores/as do pobo para
asociar, relacionar ou vincular membros dalgunha familia daquela época coas que
chegamos a coñecer. A destacar Eladio da Cruz que, hasta o seu falecemento, fai
agora un ano, sería un arquivo mais da historia de Santomé e pobos derredor.
Nomear tamén a dúas mulleres que viven e gardan na súa memoria tantas ou mais familias, casas e cousas como foron aparecendo
nestes capítulos: Pepa Da Costa e Etelvina Olleros. Gracias Veciñas, Amigas.