Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

 



Da Capilla ao Taller

A capela que houbera en Santomé, puido estar onde está agora a fonte do Cruceiro. Non existen datos do tempo que estivo aí nin a ninguén que a recorde, polo que a mellor proba da súa existencia podería ser o nome que lle quedou ao lugar. As que si recordarían algo, si falaran, serían as pedras coas que se construíron algunhas das casas da zona, hasta non sería de estrañar que algunha desas pedras pertencera a propia capela.

Nunha desas casas, fai xa tempo en ruínas, crese que viviu a familia Villar/Álvarez. Clemente Villar Dieguez, fillo de Tomás e Manuela, casou, 23/11/1896, na igrexa de Cartelle con Emilia Álvarez Pérez, 15/2/1868, filla de Genaro e Matilde. Fillos do matrimonio serían: Xulia, 5/2/1897, Carme, 4/5/1898, e Antonio. A Xulia recórdase vivindo ao lado da fonte nunhas condicións bastante precarias. Logo estivera un tempo na que fora a escola vella, pero os últimos anos da súa vida pasaríaos na casa reitoral ao quedar esta baleira pola marcha do último cura que estivo na parroquia. Carme sería a segunda muller, das tres, que tivera Manolo do Mesón, con quen tiveron un fillo e unha filla. Antonio faleceu aos vinte anos, xunto co seu pai de sesenta, nun incendio ocorrido en Oleiros (Castrelo de Miño), ver nota do Progreso de Pontevedra, 7/10/1929.


Clemente tiña unha irmá, María, 6/12/1857, que resultara ser a nai de Antonio do Souto, (home da tía Otilia). Emilia tiña dous irmáns mais: Cristalina, 21/11/1863, e Evaristo, 17/4/1865. Xulia nunca chegou a casar pero fillos tivo varios; recórdase a Emilia, Euxenio e Darío. Emilia e Darío fóranse sendo novos para Madrid; Emilia casou e tivo familia mentres que Darío morrería na Capital. Euxenio casou cunha muller de Reza, preto de Ourense.

Si houbese que falar de personaxes pintorescos, ninguén mellor que Xulia. Nin a soidade na que vivía nin a súa pobreza serían inconvenientes para relacionarse e conxeniar con calquera que se atopase no seu camiño. O seu carácter optimista, a súa soltura e o seu descaro, ocultaban o estado real dunha muller que puido chegar a ter sete fillos sendo solteira, nunha época en que ese tipo de feitos podía deixar unha pegada na mais valente. Outra cousa que a caracterizaba era un perfume que usaba con olor a pachuli que, mesturado co que desprendía o seu propio corpo, facía que as dúas fragancias quedasen impregnadas durante horas na casa onde houbera estado ou na rúa pola que acababa de pasar.

Xulia non era peor nin mellor que calquera pero era diferente a todos. Si houbese sido artista, sería Lola Flores e si fose reina sería María Antonieta. Pero Xulia non nacera para ser artista e o seu reinado quedaría limitado a casa da Capilla. Estar considerada como pobre de solemnidade, serviríalle para beneficiarse dalgúns servizos sociais, como médico, medicinas ou ingresos de balde nalgún hospital, pero a súa saúde e forza de vontade aínda lle permitiría saír a gañar algún xornal e asistir ás vendimas do Ribeiro con preto de oitenta anos.  

Do outro lado da fonte, nunha vivenda tamén en ruínas e moi reducida, viviran Herminda e Pepe Motora; se cre que aí nacerían tamén os dous fillos que tivo a parella. Da familia de Herminda xa se comentaba algo no capítulo (IX); cando queda viúva ten outra filla, (Lucita), cun mestre de Celanova que daba clase na escola vella e paraba de pensión na súa casa do Fondo do Lugar.

Pegada ás escaleiras desa casa estaba a cociña da tía Celsa, a vivenda quedaba xusto en fronte. Celsa Febrero Gonzalez, filla de Flores e Gumersindo, casara con Alfredo Martinez Orozco, fillo de Venancio e Rosa e tiveron seis fillos: tres mulleres e tres homes. Tanto dos pais de Celsa como os de Alfredo xa se falaba en capítulos anteriores.

A casa que aparece na foto da cabeceira é coñecida desde fai tempo como (da tía Otilia) pero, moito antes de que Otilia fose a propietaria, esa vivenda tivera outros donos que estaban considerados como a familia mais “rica” do pobo. Otilia Telle Rodriguez de Mirós (Santa Baia) casou na parroquia de Santa Eulalia de Anfeoz con Antonio Armada Villar, 18/1/1890, de Santomé, fillo de Juan Armada e María Villar; o matrimonio tivo sete fillos, tres mulleres e catro homes. Antonio era irmán da tía Isabel.


Sempre cara ao Taller, a casa que seguía á de Otilia era a do tío Regalo. Pedro Regalado Gonzalez Pérez, 13/5/1883, fillo de Juan Gonzalez (Juanito) e Pascua Pérez, casou, 18/1/1916, con María Martinez Gonzalez, 2/12/1886, filla de Fernando Martinez e Martina Gonzalez; o matrimonio tivo dúas fillas. Irmáns de Regalo tamén eran: Flores, Xosé, (Brasileiro), Pura, María e Fidelina. María tivera nove irmáns dos que catro: Estrella, Florinda, Ramón e Vítor morreran ao pouco de nacer, os outros eran Venancio, Estrella, Rafael e Xaime.


Fronte á do tío Regalo estaba a vivenda do tío Vito; a cociña e o palleiro tíñana un pouco mais adiante, lindando xa co Taller. Vítor Martinez Orozco, 17/7/1897, fillo de Venancio Martinez e Rosa Orozco, casou con Isolina Olleros Diéguez, filla de Eudosia e Cosme e tiveron unha filla. Da familia de Vítor xa se veu falando en escritos pasados. O apelido Olleros é a primeira vez que aparece, a pesar de ser bastante común en Santomé desde fai mais de 350 anos; deste apelido falarase algo mais cando toque pasar polas Airas, que ven a ser alí onde habitaron e aínda habitan algúns dos que o levan.

Cando facía apenas quince anos que fora inaugurado o cemiterio de Santomé, construírase unha sepultura pegada ao muro da parte Norte que chamaba a atención polo seu cercado feito cun enreixado de ferro, coa súa porta de acceso pechada sempre con chave. Dentro dese recinto e nunha escultura en pedra labrada, aínda hoxe se pode ver unha lápida de mármore coa inscrición: «Luzdivina Ballesteros Pérez, falecida o 17 de novembro de 1918 a idade de 31 anos». Os propietarios do sepulcro eran, aínda seguen sendo, os familiares da tía Otilia, pero esta familia non tería ningún tipo de parentesco coa moza que aparecía alí inscrita. ¿Como explicar entón que ese epitafio se mantivese tanto tempo na mais rechamante, ostentosa e seguro que tamén custosa sepultura do cemiterio daquela época?


Luzdivina, 19/8/1886, era filla de Anxel Ballesteros Villar, 1/3/1857, e Antonia Pérez Bande, 2/9/1854. Os pais de Anxel, eran de Terzas. O pai de Antonia era de Santomé e súa nai de Ramiras. Anxel con 25 anos e Antonia con 28, tiveran que pedir dispensa por cuarto grao de consanguinidade, para casar na igrexa de Cartelle, 6/5/1882; as testemuñas da voda foran Don Antonio Bande Villar (cura nacido en Terzas) e os irmáns deste: Xenaro e Florencio. O matrimonio, ademais de Luzdivina, terían outro fillo: Andrés Avelino, 13/7/1888.

No ano 1918 morreran en Santomé dezaoito persoas a consecuencia da peste negra. Contaba unha filla de Antonio Caravel que seu pai e Luzdivina foran os encargados de preparar e enterrar á maioría dos que morrían, coa intención de evitar outros contaxios. O Caravel só tiña dezaoito anos e salvárase da pandemia, pero Luzdivina acabaría pagando coa vida a súa colaboración e o seu altruísmo, sendo recordada como a vítima número dezaoito e última do ano da peste.

Non se sabe de onde lle puido vir a “riqueza” aos pais de Luzdivina pero, o mesmo Caravel dicía que era unha casa onde se comía ben e sempre había rosquillas. Ademais se sabe que o matrimonio apadriñara a mais dun recen nacido e foran testemuñas nalgunhas vodas, feito este que adoitaban facer xentes cun mellor status económico e social. Alguén que resultaría agraciada con estes padriños, fora unha nena de Mirós (Santa Baia); a nena chamábase Otilia e, algunha razón tería que haber para que un matrimonio de Santomé acabase apadriñando a aquela criatura nacida a varios quilómetros de distancia do seu pobo.

O pai de Luzdivina xa morrera uns anos antes polo que, ao quedar soa, Antonia acabaría traendo a Otilia para que lle axudase nas faenas da casa. A rapaza debía de andar polos trece ou catorce anos cando ven vivir a Santomé, onde se acabaría quedando para o resto da súa vida. Cando morre Antonia déixalle todo o que tiña, que non sería pouco, a súa afillada, e Otilia acaba casando con Antonio (do Souto) e tendo a descendencia que os seus contemporáneos chegamos a coñecer.

A sepultura fórase quedando pequena á medida que a familia tamén ía a menos e, no lugar daquel mausoleo a Luzdivina, construirían un panteón para acoller aos que ían perecendo, aínda que conservando escultura, lápida e enreixado. Pouco importaba agora que fosen ou non parentes, nese final e nese lugar acabarían formando todos a mesma familia. O memorial en lembranza a Luzdivina segue aí pasados mais de cen anos, mentres que a súa historia permanecerá sempre que alguén a queira contar, ou escribir, aínda que só sexa parte, para que algún día puidera ser lida nun blog da Moradella.




Texto por Luis de Olimpia




Moradelha editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)