Dito 22 : Elexía de Santo Tomé




Hai que irse despedindo distes eidos
 (Anxelina dixit)



Elexía de Santomé


Adeus frores da miña Moradella,
roseiras voadoras inzando ó ceo,
mainas mesturas do arco da vella.

Xa vou velliña e so un leitiño ceo,
vendo pola fiestra estrelas e rosas,
coma noite, todo palidéceo.

Polo Castro, a lúa saúda ás Osas,
cobízame a auga da Fonte Vella,
e penso no entroido e nas mimosas.

Eu canto chorei nesta Moradella,
i esbagoei polos meus queridos,
e traballeiche coma unha centella.

Que boa sesta nos quentiños penedos,
para sempre adeus miña Bouza fría,
Ai! toxiños que calquei nos Cardedos.

Adeus miña veiga da Presoría,
onde as maceiras de Santiago tiña,
e miña nai a apañalas bulía.

Adeus do Fondo Lugar a casiña,
cortello das miñas catro meniñas,
canastro cheo de frores de fariña.

Outeiros de carqueixas e fopiñas,
onde pacían a Cuca e Marela,
vaquiñas da avoa, tan bonitiñas.

Canto traballo facían para ela,
e canta manteza nos regalaban,
duas touriñas do boi de Vilela.

Ó solpor, os piñeiros asubiaban,
chamando pola noite pecha que ven,
e que á estrela de Belén anunciaban.

Espertar co nacente, vendo meu ben,
sorber un leitiño co sol primeiro,
lembrándome dos eidos onde estiven.

Ir encher auga á fonte do Barreiro,
ou asar carrapitos na lareira,
coller na Cortiza o millo primeiro.

Tardiñas de amor cos mozos na aira,
e as bágoas do querer verdadeiro,
nas noitiñas craras da sementeira.

Dígolle adeus á fonte do Cruceiro,
aos valiños todos de Santo Tomé,
adeus o meu pilanco do Barreiro.

Esbagoo feliz, despedíndome,
vendo os outeiros dende a Moradella,
e tan dentro desta terra síntome,

e escoito, crariño na orella,
que é o mesmo Deus, quen por min turra,
sendo eu unha sinxela ovella,
afundíndome toda, nesta Terra.



A Felicitas e mais Miguel Hernández (poeta del pueblo)

Foto : Cruceiro de Santomé

Moonlight



Moradella editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)