Dito 57 : Oliñas veñen e van


     
                                         
Oliñas veñen e van ...


A Bouza, Santomé, Ramiras. Tres pobos, tres olas. Parecidas pero diferentes, poda que porque foron feitas con mans diferentes, en sitios distintos ou cocidas en fornos diversos. Con todo, as tres olas terían moito en común. No museo provincial de Ourense consta que as tres son olas de Santo Tomé de Cartelle.

Hai outro museo no castelo de San Antón, na Coruña, onde se pode ver un boletín sobre arqueoloxía e historia, que fai referencia a cerámica popular de Galicia. Lendo ese boletín, podería quedar medio aclarado o enigma anterior. O autor do estudo sostén que a “industria” cerámica da zona, comeza na Bouza, se traslada a Santomé e remata, arredor de 1940, en Ramiras.

Aínda que non se saben as fechas do comezo, si se pode supoñer que sería, como mínimo, a principios do século XIX. Nunha das tres olas do museo aparece o ano de fabricación de 1889. Outra cousa que da a entender o escrito e que, aínda que puideron haber sido feitas en pobos distintos e por persoas diferentes, primaba a súa forma, o tipo de barro usado e a capacidade, (16,5 L.). Incluso existe a posibilidade de que a alfarería iniciada nun lugar concreto, se fose estendendo a pobos limítrofes por parentescos adquiridos.

                                       
Tamén serían tres os sitios desde onde se extraia o barro, que sería transportado en carros de bois. Empréganse dúas clases distintas, unha chamada barro branco ou magro que procedía dos Pereiros e Reigoso; e outra, dunha calidade mais plástica ca primeira, que se chama barro gordo ou de liga que se ía a buscar ao Val da Rabeda, entre O Cumial e Taboadela.
                                   
A preparación pasaba por varias fases, desde machúcalo nunha pedra plana (pedra de pitar o barro) con unha barra de ferro redonda (fouce do barro). A proporción era de unha parte de magro por unha e media de liga. A mestura e o amasado facíase a man hasta lograr unha pasta homoxénea. Alcanzado ese punto preparábanse uns bolos pequenos para ir ao torno.
   

 Na técnica de elaboración non habería moita diferencia de un sitio a outro pero, o que caracterizaba a de Santomé era basicamente o color, que sería negro e, o tamaño ou capacidade, (16 litros e medio); isto sería moi importante porque este tipo de olas estaban moi demandadas para a medida do viño na comarca do Ribeiro que, como se sabe, un moio de viño ten oito olas desa capacidade. As olas que non daban a medida xusta rematadas, terían un prezo inferior e acabaríanse usando para a auga.

Despois da elaboración viña o secado que, normalmente, se facía nunhas táboas colocadas a sombra ou na cociña da casa. Unha vez secas pulíanse na parte superior cun canto rodado (coio).

E xa como última técnica quedaría a cocción. Aquí variaba algo segundo o tipo de forno; en Santomé eran cilíndricos, abertos por arriba cunha grella formada por arcadas de pedra (ghateiros), que ían desde as paredes externas hasta un pilar de pedra situado no medio. No fondo tiñan unha pequena abertura para atizar o lume a base de uces, carqueixas ou rama de arbores. As dimensións aproximadas do forno serían 3,5 m. de diámetro por 2, 5 de alto. Os fornos serían comunais e poderíanos usar varios oleiros ao mesmo tempo.
   
A coción tería duas fases: unha (esquentar), manter o forno con unha temperatura suave e outra (cocer), atizar intensamente o lume hasta conseguir unha temperatura elevada. Cando notaban que as pezas tiñan o color que a esperiencia lles indicaba que eran os apropiados, cubrian a parte de arriba do forno con leña verde, casca de piñeiro e brasas con borrallla. Logo, tapaban a boca e deixábano así hasta que se enfriara.
   
Aparte das olas grandes, facianse as medias olas, que terían 8,25 L. e unhas xarras, tamén negras, pulidas por fora, sen bico e con unha asa vertical.
   
A venta, ambulante, consistía basicamente en levalas as feiras, envolvían hasta doce olas nunha rede de cordas e levávanas o lombo ou, no caso das mulleres, en cestas a cabeza. As feiras mais frecuentadas serían: Cartelle, Ribadavia, Quintela de Leirado, Gomesende, Leiro, Lamas de Outeiro ou Sabucedo.

                           
Según manteñen algunhas fontes, todas as faenas propias do oficio eran feitas polas mulleres, desde a extracción do barro hasta a venta nas feiras. Os homes solo axudaban na cocción ou de carreteiros. Tamén serían as mulleres as que propagarían o oficio nunha área mais ou menos ampla xa que, por tradición familiar, pasaría de nais a fillas, pois estas aprendían desde pequenas.
   
O museo etnoloxico de Ribadavia expón nunha das súas vitrinas unha ola de caracteristicas algo diferentes as do museo de Ourense. O color non e negro, mais ben marrón oscuro e vidriada no exterior. Sostén que pertence a tipoloxía de cerámica Santomé-Ramiras e intenta explicar que a razón do traslado da explotación de un pobo o outro, puido ser debida  ao cambio de algún artesán que mudou de zona.
   
                                  
No que respecta aos que traballaban nese oficio, veñen a dicir que, en Santomé eran os homes, mentras que en Ramiras serían as mulleres. A razón que dan para explicar o cambio e, que a principios do seculo XX emigran centos de homes para Cuba  Arxentina ou Venezuela, o que fai que teñan que ser as mulleres as encargadas de coller o relevo.
   
Puido ser así ou de calquera outra maneira, pero na Galicia rural que moitos recordamos, non sería ningunha novidade ver a muller facer calquera traballo que facía o home, e de feito demostraríao todos os días.
   
O nome de Taller, lugar onde está agora o lavadoiro, podía vir desa época e referirse a un taller de alfarería, difícil de saber, pero si se sabe que desde esa zona hasta preto da Moradella, pasando polo Souto, aparecían, aínda aparecerán hoxe moitos restos de cerámica, así como terra negra, cando se andaba cavando nas viñas. De todos modos, parecía ser que non existían talleres como tales, cada artesán adoitaba traballar na súa casa.
  

A importancia que puido haber tido a olería tradicional desta zona en Ourense, poderíase apreciar tanto e cando foi capaz de contar cun espazo entre outras que aínda se manteñen activas a fecha de hoxe, e aparecer así nos boletíns de varios museos de Galicia:  Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo), Loñoá das Olas (Pereiro de Aguiar), Rubiá (Rubiá), Tioira (Maceda), O Seixo (Viana do bolo), Lovios (Lovios) e Santo Tomé das Olas (Cartelle).
   
Sempre quedarán moitas dubidas de todo isto que aquí se comenta xa que, os que o viviron xa non están para contalo. Desde mais de cen anos que nos separan, quereríamos ser capaces de entender aqueles tempos tan difíciles, e sempre nos quedaríamos curtos.
   
Por iso, o agradecemento que se quere manifestar desde aquí aos que nos precederon, quérese facer, non tanto como descendentes, senón como veciños dun Pobo que, sen El propoñelo, resultou ser o gran beneficiado adquirindo fama, popularidade e mais que nada, o xentilicio ou topónimo das Olas, Santomé das Olas.


Texto por Luis de Olimpia


Moradelha editora



Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)