Dito 58 : A tenda do tío Rubio




A TENDA DO TÍO RUBIO
   

Chegaría a haber unhas cantas tendas mais no Santomé da época despois de esta, pero a do Rubio puido ser a primeira.
    
Para que un home que non era do lugar, nin da provincia, nin sequera tendeiro, acabara abrindo un negocio dese tipo, terían que darse unha serie de casualidades/causalidades, e vaia si se deron.
    
Chamábase Remixio e alcumábano o Rubio, nacera en San Juan de Almuide, unha pequena aldea de Lugo preto de Escairon, un 21 de Abril de 1891. Recen cumpridos os vinte anos xa dispón de todos os papeis que lle farían falta, incluída unha autorización de seu pai, para emigrar a Bos Aires. Pola razón que fose, nunca chegou tan lonxe, quedaríase en Cuba, concretamente na Habana.
   
Alí, gracias a un parente, encontraría traballo nun taller de reparación de tranvías, vehículos que, pouco tempo despois, acabaría conducindo. Na Habana tamén atoparía a que sería a súa compañeira de por vida. Chamábase Florinda, era de Santomé e tiña un ano mais ca el. O 23 de Nadal de 1916 cásanse nunha igrexa do Vedado con padriños e testemuñas de Santomé e Barral.
   
En 1919 viaxan a Galicia, onde o Rubio pisa por vez primeira terras de Santomé. Non están moito tempo pero si o suficiente para comprar a casa que fora do Tío Constantino, pai de Florinda, que acababa de morrer. O prezo sería de 500 pesetas mais os gastos do enterro, así o acordarían co resto dos tres fillos, Delmiro, Fidelina e Vitorina. Nese preciso momento aínda non saberían que acababan de poñer a primeira pedra da que sería a súa tenda.
   
Retornan pronto para a Habana e alí permanecerían durante un pouco mais de dez anos, o Rubio deixara de conducir tranvías para agora facelo con taxis e Florinda servindo en casas de xente rica do Vedado. Preto de alí tamén chegarían a ter unha modesta casa en propiedade.
   
En 1928, despois de doce anos de casados, teñen unha nena que lle poñen de nome Florinda pero tanto a nai como a filla non quedan ben de saúde. Deciden que Florinda se veña coa nena para Galicia mentres o Rubio se quede un tempo mais pero, faltando pouco para embarcar, a nena falece.




Si o farían en 1932 no Habana, que uns anos mais tarde se faría famoso por ser un dos barcos de refuxiados da Segunda República. Aínda que non deixarían liquidado o de Cuba, o que da a entender que tiñan pensado volver.  Sería entón cando empezan a comprar terras e mais casas marxeando coa que xa tiñan. Dicir que a zona era das peores que podía haber no lugar. Estaba rodeada de penedos hasta tal punto, que se podía dicir que vivían encima deles. Aparte moi mal comunicada para carros, para coches imposible.
   
Con todo iso, en 1933 empeza a funcionar unha tenda en Santomé onde se podería encontrar os produtos de alimentación mais imprescindibles e necesarios. A tenda tiraría por o bar, que se iría engadindo, e este pola fonda de dúas ou tres camas para xente que estaba de paso.




Para algúns veciños de Santomé  desa época, non lle resultaría nada fácil a compra dun litro de aceite, un quilo de azucre ou unha folla de bacallau, polo que, en moitos casos habería que comprar ao fiado.  Na tenda do Rubio fixérase moi común saldar as débedas con xornais. Así, cando se debía e non chegaban os cartos , pagábase cavando ou sulfatando unha viña, rozando toxos  ou rachando leña.
   
Un  dos que aínda hoxe recordan isto e Manolo gaiteiro que asegura que o Tío Remixio fora como un pai para el. Tanto era así que cando se casou con Estrella e decidiran marchar para Venezuela, encontráranse con que non tiñan os cartos suficientes para a viaxe. Cando se decatou o Tío Rubio, non fixo falta pedirllos, conta Manolo, deixoumos el  sen intereses nin data de devolución.
   
Aínda que non puideran ter mais fillos, si manterían sempre unha boa relación co resto da familia. Remixio, un dos sobriños mais novos, estivera vivindo con eles durante mais de dez anos e, dos moitos afillados que tiñan, Pepe e Luís pararían mais tempo na súa casa que na deles, desde que foran nenos hasta ben avanzada a adolescencia.
    
Un día que foi a parella da garda civil de “visita”, adoitaba ir a miúdo a comer xamón e beber viño de balde, quixeron ver como ían os porcos de ceba do Rubio e quedáronse mirando desde a porta da corte. Pepe e Luís estaban xogando cun pontón de madeira atado a unha corda desde a fiestra que estaba xusto encima da porta do curral e, cando tiraron pola corda para que non lles molestaran, o pontón soltouse e foi a caer de punta na cabeza dun garda,  rebotando no outro.
Ao garda que lle caeu de punta, sangraba como un perico, e iso que levaba posto o tricornio . Houbo rifa do padriño, pero iso era o de menos xa que, o medo que colleron e o asustados que estaban os rapaces sería moito peor.
   
Clientes fixos da fonda serían o Manolo e a Benita, unha parella que se dedicaba a venta de todo tipo de louza, que expoñía nas rúas do Cruceiro, podían estar dous ou tres días e paraban na casa do Rubio. Tamén o tío Ramón marraneiro cunha recua de mai s de 50 porcos de cría que trataría de vendelos todos antes de irse. Paraugueiros, pernileiros de Dacón, tratantes de Garabás, etc.
   
Un viaxante moi particular que se recorda, aínda que non se quedaba a durmir, era o Rouco, ninguén lle sabía outro nome. Este tiña un coche mixto, que facía a liña desde A Bouza hasta Ourense pasando por Macendo, Astariz, Puga e Alongos, tamén atendía feiras e festas. A parada en Ourense era no Bar Pancho, na rúa Xesús Soria e no Lobeira, no Couto . O percorrido podía ser de 30 Km., a duración incerta, a de volta non menos de tres horas.




A estrada desde Ourense a Astariz era de murrillo (pedra e terra) pero, de alí  a Bouza era un camiño de carros con moitas curvas e, no inverno con xeadas e charcos.
   
O Rouco vivía en Seixadas; para desprazarse todos os días a Bouza, facíao nunha bicicleta, pasando por Santomé. Na viaxe de volta case sempre facía unha parada no bar tenda do Rubio. Podía chegar de día pero sempre se acababa indo ben avanzada a noite. Dependía do tempo que lle levara catar os viños e licores que houbera ese día.
    
Cando se ía había que axudalo a poñerse de pé e levalo hasta a bicicleta, unha vez subido a ela, collía o camiño do Curro cheo de pedras, a escuras, baixaba hasta o Fondo do Lugar e de alí polo Outeiro do Muiño, pasar o Ribeiro e subir a serra. Nunca  se lle soubo de ningunha caída, tampouco de accidentes co coche.
   
Outro personaxe desa época sería Pepe (O Motela). Era de Valdariz e tiña un dente de ouro que chamaba a atención cando sorría. Andaba moito por Santomé porque subía a traballar unhas terras que tiña. Cando se lle facía noite, pasaba pola tenda para comprar algún encargo e aproveitaba para tomar unha copa de licor. Na segunda copa pedía que lle botaran algo mais de augardente e así, cando xa levaba unhas cantas, acababa tomando solo augardente branca de 50º.
   
Este, como non tiña bicicleta, saía sempre dando tombos polo pobo abaixo falando e ríndose só e, debía de ser xa de madrugada cando conseguía chegar a casa; iso cando chegaba. Unha noite de fin de ano que estivera bebendo, debeu de ser nos arredores de 1960, non apareceu, nin de madrugada. O primeiro de ano a iso de mediodía, andaba seu fillo Aurelio preguntando preocupado, si alguén sabía onde podía andar seu pai. O Rubio díxolle que se fora cando pecharan para ir a durmir e que non sabían nada mais .
    
Ese día e parte da noite andaron na súa busca xente de Santomé, Terzas e Valdariz sen resultados. Xa o dia 2 avisaron a garda civil que se incorporou a súa procura, e sería a última hora da tarde cando o atoparon no Lameiro de Ramiras apoiado no marco de pedra que separaba a ardade de Loudino Cazote da do Motora, sen zapatos e sen vida.
   
A poucos metros había un pozo cheo de auga con sinais de pisadas e maleza asoballada. Decidiuse baleiralo e, no fondo apareceron os zapatos do Motela, polo que se supuxo que debeu de haber caído o pozo e o intentar saír puidéronselle soltar , tamén dixeran que tiña rabuñaduras nas mans e restos de maleza.
   
Si se ten en conta que, el coñecía ben os camiños, aínda que andase bébedo, non se entende que fose a parar a mais de un km. de Santomé e nunha dirección case oposta a da súa casa. O resultado da autopsia dixera que morrera por conxelación na madrugada do día un.
       
En 1963 o Rubio quedouse sen a súa compañeira. Florinda finaría despois de unha larga enfermidade provocada en parte polo aumento de peso, que a obrigaría a estar prostrada nunha poltrona a maior parte do tempo.
   
O que non puideran conseguir os fascistas para dobregalo, durante e despois da guerra, coas continuas persecucións e saqueos da tenda, incluso algún amago de “paseo”, conségueo agora a perda da súa muller. El que non era créente e nunca ía a misa, acude agora todos os domingos, confésase e comulga a miúdo e non pode evitar chorar cando a recorda. Tamén fala de remordementos de conciencia pola vida que puideron haber levado; el de feiras e festas hasta altas horas e ela sempre metida na casa.
   
Por esas datas xa abrira a tenda de Lino García, mais cómoda e mellor fornecida. Os tempos do Rubio e da súa dinastía empezaban a  decaer. El sobreviviría a Florinda vinte anos,  pero xa nunca sería o mesmo.  Iría abandonando a asistencia as feiras, as paparotas cos amigos e facendo, cada vez mais, unha vida monacal. Tiña 93 anos cando finou en 1984, os dous últimos con algo de demencia, pero sempre con moi boa saúde.

Galicia está probre,
e Habana me vou...
Adiós, adiós prendas
do meu corazón
                         Rosalía


Texto by Luis de Olimpia




Moradelha editora







Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)