Dito 60 : O mestre da Cruz


O mestre da Cruz

   
Moito antes da escola do Taller, aberta pouco despois da guerra, estivera funcionando en Santomé, dende principios de século a escola do Cruceiro, situada esta na primeira casa a esquerda baixando cara o Fondo do Lugar.




Mestres que se recordan nesta escola, pode que non por este orde: Antonio Feberero, natural de Santomé, pai de Senén e da tía Concha do Caravel ; Antonio Reza de Tallón; unha mestra da familia Del Caño de Cartelle; Francisco de Celanova, este sen título de mestre, viviu na casa de Herminda, nai de Concepción, a que agora e de Virxinia;  Aurora da Arnoia que, mentres estivo  no pobo, viviría na casa da Tía Isaura; Bautista de Santomé e Nabor de Xestosa.
   
De todos os nomeados, do único que hai información fiable e de Bautista, por poder contar coa axuda dos seus fillos Eladio e Julita, aínda hoxe con moita memoria para recordar feitos e vivencias acontecidas a seu pai.
   
Lino García, mestre de profesión, e súa muller Xosefa Araujo (a tía Pepa), tiveran cinco fillos: María, Bautista, Elvira, Julian e Alfredo. Lino estivera de mestre en Seixadas. Na mesma escola sorprenderíao un día a morte provocada por un cólico de apendicite aguda a idade de 40 anos.

Bautista García Araujo nace en Santomé en 1903. Despois da escola primaria vaise a estudar maxisterio a Ourense. Cando acaba presentase e aproba unha oposición para unha praza de mestre.
   
O primeiro pobo que lle toca para dar clase e Nigueiroá de Bande e logo, Nigueiroá de Xinzo. Na Limia está dous ou tres anos, ao final consegue unha praza na escola do Cruceiro de Santomé. Alí está dando clases ás rapazas e rapaces en idade escolar durante o día e ensinando aos mozos que quixeran acudir pola noite, isto último faríao sen ánimo de lucro. Tamén alí sorprenderíao o estalido da guerra, que faría cambiar substancialmente o resto da súa vida.




O 18 de xullo de 1936 era sábado e Bautista, acompañado de máis xente do pobo, fora a Ourense andando, daquelas non había coche. Ao ver o movemento de revolución polas rúas da cidade e escoitar os comentarios de que Galicia podería quedar en zona dos golpistas, así como aos rumores de persecución que se podían ver sometidos os que estaban a favor da República, a Bautista recoméndanlle que teña coidado e que, polo momento, non debería retornar a casa.
     
Nas eleccións de Febreiro dese mesmo ano, Bautista había votado á Fronte Popular ademais, tamén recentemente, puxérano á cabeza dun sindicato que se creara para favorecer aos que ían as segas a Castela. Solo por estes dous “motivos”, que hoxe poderían pasar desapercibidos, serían perseguidos, encarcerados e fusilados centos de mestres da República.
   
O primeiro refuxio e na casa dunha familia dos Bandes da Bouza. Estes, aínda que eran de dereitas, acólleno por amizade. Alí non botaría moito tempo, entre outras cousas, porque ao ser moitos de familia, había algo de medo a que fora descuberto.
   
O seguinte paradoiro sería na casa da tía Cristalina, nai de Xosé e Herminio, que vivía xusto en fronte da dos pais de Bautista e, que anos mais tarde acabarían comprando unha parte Olimpia e Remixio.
   
Durante este tempo xa andaban detrás del un grupo de xente armada e vestida cos correaxes da Falanxe. Algúns eran de Terzas pero estes, informaban e encargábanlle os traballos sucios os de mais lonxe, mentres eles íanos a facer a súa zona. Os que adoitaban vir a Santomé ou Terzas eran de Castrelo.
      
Manuel Petolo de Terzas, estaba casado con Florinda de Seixadas e tiveran tres fillos, Eladio, Concha e Serafín. Concha e Bautista casáranse en 1926 e quedáranse a vivir en Terzas compartindo a casa cos pais de Concha, alí tamén chegarían a nacer Eladio e Julita. Máis tarde, Concha cos seus fillos, irían acompañando a Bautista polos distintos destinos que lle fora tocando dar escola hasta que, a principio dos anos cincuenta, acabaríanse mudando a súa nova casa da Cruz.
   
Os que andaban a procura de Bautista, “visitaban” e interrogaban a miúdo ás dúas familias. Un día que chegaran a Terzas e non había ninguén na casa do Petolo, forzaran a porta levándolle os cartos, 30 pesos, dun becerro que acababan de vender, ademais dun traxe, garabata, calcetíns e zapatos de Serafín.
   
Outro día quedaran con Concha no Tourabelo, nun dos moitos rexistros os que fora sometida, para saber onde podía estar agochado seu home. Para esta cita chamarían ao Meleiro de Meizo, que tamén era fascista e había sido mozo de Concha. Cando este se reúne co grupo pregúntalle porque o citan a esas horas.
   <<¿Ti non fuches mozo de Concha?
   Fun, e non me quixo, ¿pero iso que ten que ver?
   E que quedamos con ela aquí e pensamos violala, por si queres participar
   Ela non será tan parva para vir aquí sola pero, en caso de que viñera, o primeiro que lle poña a man encima, aquí está a escopeta, eu acabarei na cárcere pero algún vai a parar ao cemiterio>> 
    
A finais do mes de agosto do mesmo ano do 1936, emitiuse unha orden do novo goberno, advertindo a todos os mestres que interromperan as clases polo inicio da guerra, que tiñan que presentarse o primeiro de setembro as súas respectivas escolas, senón que perderían os seus dereitos de mestre. Bautista queríase presentar, pero tiña medo de que o detiveran.
    
Había un home en Santa Cataliña chamado Xosé e alcumado (o rico), que tiña amizade cos sogros de Bautista; este non era fascista, pero si moi amigo do “xefe” dos fascistas do concello de Cartelle, que era de Santa Baia. Para ir a falar con il, aparte de Manuel e Florinda, tamén os acompañaría seu irmán Serafín, pero o encargado de falar sería “o rico”:
   <<Mira, estes amigos teñen este familiar mestre e queríase presentar para non perder os dereitos, ¿Qué consello ou solución nos podes dar?
   O meu consello é que non se presente porque, ¿alí, o lado da escola, non hai un Cruceiro?




Pois si, claro que hai
   
Pois aí teñen pensado matalo os que andan detrás del. Mirade, a escola perderaa unha temporada, pero a vida será para sempre>>                                   
   
Chamábanlle María da Cruz porque tiña a casa nunha encrucillada no medio do pobo do Carballal. Quedara viúva e vivía co seu único fillo, Manolo, que andaba entre os 17 ou 18 anos. Manolo, aínda que non eran amigos, coñecía e apreciaba a Bautista. Cando soubo de que os fascistas o buscaban para matalo, propúxolle a nai escondelo na súa casa, xa que tiñan sitio dabondo. Á nai non lle pareceu mal e díxolle que fora falar coa tía Florinda de Terzas haber que lle parecía.
Coñecíanse todos porque Florinda, irmá de Manuel e Serafín Monea, era de Seixadas e, as terras de Terzas e o Carballal xúntanse dun lado e outro do regueiro do Ribeiro. Cando Manolo lle propón aos sogros de Bautista o favor desinteresado de acollelo na súa casa, estes non teñen máis que agradecemento para esa familia e aceptan de boa gana.
   
Entre todos conveñen nunha noite o traslado. A casa xa sabían onde estaba, pero Manolo dixéralle que ía quedar unha candelexa de gas acesa na banceira do corredor e a porta achegada. Para mudarse desde a casa da tía Cristalina en Santomé, a Bautista acompáñao seu irmán Alfredo, van armados, pero non teñen ningún tipo de tropezo, Alfredo regresa á súa casa e Bautista quedaría na de María da Cruz que tamén sería a súa guarida nos vindeiros tres anos.
   
Durante o día vivirá no faiado e pola noite durmiría na habitación con Manolo. Tamén se prestarían, para ser enlaces, dous irmáns solteiros e veciños do pobo. A información e novas que podía haber, pasábana cando andaban a traballar nas diferentes fincas do Ribeiro. Tamén serían os encargados de arranxar os poucos encontros que puido haber con Florinda, os rapaces nunca chegarían a ver ao seu pai neses anos.
   
Pouco despois de acabada a guerra, a Bautista comunícanlle a resolución dunha sentencia absolutoria, feito que lle da unha certa liberdade, pero nunca o dereito a poñer escola. Nesa mesma sentencia tamén lle esixen que ten que estar uns meses a mais de 40 km. do límite da provincia de Ourense. Esta condición nunca chegaría a cumprila, asesorado e con apoio de amizades. Neses meses vive, aínda medio agochado, en Terzas cos seus sogros.
   
A partir de aquí, Bautista volve a facer vida “normalizada”, pero está máis de quince anos sen poder exercer de mestre. Sería no ano 1955 cando consegue de novo ese dereito. Nove meses en Vilar de Vacas, logo cinco anos en Piño, aldea de Lugo preto de Monforte e, ao final Sande, onde acaba xubilándose antes do tempo requirido, por problemas de saúde. Morre con 79 anos en xullo de 1982. A tía Concha morrería dous anos mais tarde aos 80.
   
Si é certo que todos levamos unha cruz ás costas, o destino de Bautista estaría marcado pola cruz. Na Cruz decidira facer a casa que acabaría pertencendo á súa familia. No faiado da de María da Cruz malviviría tres longos anos, e grazas.
   
Pero o peor sería a cruzada: a que tiveran contra el unha manada de ignorantes, sádicos e necios, repletos de odio sen saber porque. A que tamén chegarían a ter unha parte dos seus veciños, crendo mentiras, mil veces repetidas, como que o tiñan visto polos outeiros, ou  escondido entre o millo. A que sufriu a súa muller, soportando acosos, humillacións e vexamentos, ou os seus fillos, cando outros rapaces da súa mesma idade lle cuspían ao pasar.
   
A hora de levar a cabo as represións, non serían solo os verdugos os responsables. Aqueles eran grupos de falanxistas armados e matóns, que despois alardearían no pobo das súas fazañas para amedrentar aos veciños. Unha boa parte da responsabilidade, corresponderíalle a igrexa católica, cos seus curas elaborando listas negras e participando cando había fusilamentos.
    
Bautista foi un mestre da República, que nas eleccións de 1936 había votado á Fronte Popular, ese sería o seu “delito”, non había nada máis. Os que o perseguiron e lle fixeron parte da súa vida imposible, a el e a súa familia, tiñan moi claro o que querían: facelo desaparecer como fose.
   
Había que quitar do medio ao mensaxeiro. 
Había que matar a intelixencia.


"Non hai peor exilio que aquel que se padece
 no seu propio país."

Castelao



Texto e fotos por Luis de Olimpia





Moradelha editora








Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)