Dito 61 : Por unha verza branca
Por
unha verza branca
Era o
día da festa de Ramiras, 24 de Setembro de 1946. Remixio e Manuel da tía
Lolita, vestidos xa coa roupa nova, pasaron pola casa do Fouceiro a buscar a
Xosé quen era o seu habitual compañeiro de festas. Alí dixéronlle que non
estaba e, tampouco lle souberon dicir onde podía andar, cousa que lles
sorprendeu bastante pero, como xa era tarde para esperar, marcharon os dous
solos, pensando que xa o encontrarían mais tarde.
A
familia dos Fouceiro serían os pioneiros en plantar verza branca nas terras de
Santomé e, faríano nunha ardade moi fértil que tiñan na Fontela, co resultado duns
exemplares que serían a envexa da xente que pasaba pola súa beira. Isto traería
outro tipo de problema; que da noite para a mañá desaparecera algún pé de verza
das mais repoladas.
O Tío
Purrela de Ramiras quedara viúvo con tres fillos que, a duras penas podía
manter dado o seu estado económico de precariedade. Aínda así, para o día da festa do pobo, tiña algo
aforrado para ir comprar un pouco de vitela a carnicería do Tío Delmiro de
Santomé. Á carne de vitela e á verza branca, se podía dicir que están feitas
unha para a outra e, o Purrela sabía ben onde encontrar esta.
Isaac
da Seara, antes de ser panadeiro, fora garda civil. Dicía que deixara a
profesión porque non podía soportar ver aos presos no calabozo coa pena que lle
daban. Seguro que chegaría a ver cousas moito peores naqueles tempos. O caso e
que deixou o cargo pero conservou a pistola. Casárase con Carme Fouceira e
andaban moito por Santomé a traballar nas terras que herdaran dos seus pais.
Remixio
e Manuel divertiríanse na festa e volverían acompañados das súas mozas pero, moi estrañados de non ver a Xosé Fouceiro en
toda a tarde-noite. En cambio, si oíran falar de que encontraran o Tío Purrela
morto dun tiro preto do monte do Castro de Vilela. Cando chegan a Santomé,
aínda que e de noite, ven que hai xente que vai ao Castro a ver que hai de certo
no que contan, eles tamén se apuntan, por curiosidade.
Alí encóntranse cun grupo de xente velando ao
Purrela hasta que chegue o xuíz para levantar o corpo. Os comentarios dos que
están alí varían de uns a outros pero, case todos coinciden en que: ó Tío
Purrela pegáronlle un tiro por andar roubando verza branca na finca do Fouceiro
da Fontela, o autor do disparo podía haber sido Xosé coa pistola do seu cuñado
Isaac. Xosé e detido pola garda civil e pechado nun calabozo de Ribadavia onde
permanecería 72 horas hasta que o xuíz decidira a súa inocencia ou culpabilidade.
Por
unha serie de casualidades, Xosé Fouceiro vai a saír bastante ben parado do
sucedido. A noite do roubo das verzas, o Purrela non ía solo, acompañaríano un
ou dous homes mais que serían os que o axudan a chegar onde estaba o seu corpo,
pode que ferido ao principio pero,
ningún se ofrece a declarar por medo a que o impliquen a el tamén; ademais,
tampouco están cen por cen seguros de quen disparou xa que era de noite. A
familia do Purrela non ten probas de quen foi e menos medios para pagar un avogado
que poida levar o caso, cousa da que si disporía a familia do Fouceiro.
Para
os rapaces que nacemos despois de 1950, era imposible imaxinar un entroido sen
Xosé Fouceiro. El era o que discorría o tipo de comedia, farsa ou parodia que
podía haber neses días, tiña unha especial habilidade para idear, imaxinar e
poñer en escena calquera historia recente acontecida no pobo, así como
representala e adornala cun tipo de verso libre, que a todos nos acababa caendo
sempre gracioso.
Cando escoitas por primeira vez que este home puido haber matado, hai
algo que non che cadra, salvo que puido haber sido un “accidente”, como tirar
un tiro para asustar aos que alí andaban e ter a mala sorte de darlle a un.
Tamén e verdade que toda morte debe ter un prezo e, o que a fai debe de pagala.
O prezo que tivo que pagar Xosé Fouceiro, por sorte para el, foi moi pequeno
comparado co dano que lle chegaría a ocasionar a outra familia.
Texto por Luis de Olimpia
Moradelha editora