Dito 69 : A muller, o home e o autobús


O coche de liña


Coñecían de memoria as 119 curvas que formaban a estrada que ía de Santomé a Ourense e sabían como trazar cada unha delas. Tamén as 15 paradas obrigadas en todo o traxecto; habería algunhas mais, alternativas, para deixar ao viaxeiro mais preto da casa, e outras cando xurdía unha avaria ou o pinchado dunha roda. Eran o Home e o Autobús, compenetrados, como si fosen dous nun.

A muller, onde queira que estivera, deixaba o que fose para preparar o xantar cando escoitaba o bucinazo baixando do Picoto dos Corvos. Hasta o Fistón se botaría a correr, desde onde se encontrara, para chegar a Airas ao mesmo tempo co seu amo.

Serían 25 anos seguidos de servizo; 9.125 días incluídos sábados e domingos, sen vacacións; dúas viaxes de ida e volta diarias, por veces reforzos de trasporte escolar, vodas, enterros…

O Home e o último Autobús que conducira, xubilaríanse ao mesmo tempo, pero nunca se acabarían separando de todo. A empresa, ao velos tan unidos, ofreceralle ao Home levalo para  Santomé, o Home sopesouno pero non tiña onde metelo e o Bus acabou quedando nun despezamento de Untes.

Un Día que o Home baixara a capital, por “casualidade”,  achegaríase a Untes e vería ao que fora seu compañeiro xa medio despezado pero aínda lle quedaban algúns asentos en bo estado; pediríalle permiso ao dono para levar un deles e así foi como, hasta non fai moito, houbera na cociña que tiña o Home en Santomé, un dobre e cómodo Asento daquel Bus.

O día cinco de febreiro do 2002, a Muller fora vítima dun infarto cando se atopaba nesa cociña. O Home intentaría reanimala naquel Asento sen poder conseguilo e falecería alí mesmo.

A Muller chamábase Olimpia, o Home Remigio e o Autobús era o Pegaso Comet OR-29.715.

O Asento seguiu estando no sitio hasta que o Home decidira retiralo definitivamente a unha cociña vella onde aínda sigue.

Fai uns días Remigio colleu o último autobús,  pero agora non ía el conducindo e o rumbo sería incerto. O único certo e que, mentres estivo neste mundo, fora un bo home un bo pai e, tamén, un bo condutor.






Texto por Luis de Olimpia




Moradelha editora







 

Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)