Dito 71 : Nos cárceres de Franco

 

  A Odisea de Petolo

  Nos cárceres de Franco

   

«Cando estabamos nos “maquis”, comiamos mellor que cos campesiños porque, o pobo francés, ao principio non comprendía o que eran as guerrillas, pero cando viron que eran unha forza de liberación, entón si, o pobo envorcouse en axudar as guerrillas. Hai que dicir que na nosa xuventude estivemos na Guerra Civil en España, na Segunda Guerra Mundial en Francia, nas guerrillas, e despois pasamos os Pirineos para aquí; eu pasei o 18 de outono de 1944 e o día 11 de novembro caín preso polo garda civil e leváronme ao cárcere de Torrero (Zaragoza).

Andabamos polo monte de noite, e de día estabamos quietos para que non nos localizaran. Claro, había xente que estaba de acordo con nos e outra que non, e a nos perseguíanos a garda civil, os falanxistas, o exercito, todos; e pensamos que nos denunciaron os veciños de algún pobo por onde pasamos».

O 19 de outono de 1944, entre tres e catro mil guerrilleiros entraron no Val de Arán coa intención de crear unha cabeza de ponte en territorio español, pensando que unha vez comezada a invasión, os aliados axudaríanlle  a derrubar o goberno de Franco. A maioría dos que ían participar na Reconquista  eran republicanos exiliados españois membros do maquis francés que habían sido protagonistas da liberación da ocupación de Alemaña no sur de Francia.

En realidade se di que serían mais de 12.000 os homes que, entrando por lugares diferentes dos Pirineos dende o día 3 de outono e comandados por Xesús Monzón, dirixente do PCE e fundador da  Unión Nacional Española (UNE), terían o obxectivo de conquistar algunhas poboacións da rexión e establecer a capital da Terceira República en Viella e alí esperar o apoio dos aliados.

Non se sabe exactamente por onde poido entrar Serafín, pero ben poido haber formado parte dos 4.000 que se di que entraron preto de Viella, probablemente por Les, ou Eth Portilhòn nos Altos Pirineos, o certo e, como contaba el, que pasarían solo 24 días desde que entra hasta que cae preso.

Nunha entrevista que lle fixeran a Almudena Grandes durante a presentación do seu libro Inés y la alegría, aseguraba que a historia do Val de Arán «era conveniente para todos que non se coñecese», que non existía unha versión oficial dos feitos por parte dos membros do PCE nin por parte do bando franquista. E que tampouco aquela operación fora recollida polos historiadores británicos ou soviéticos posto que, «a ninguén lle conviña que se contase».

Os franquistas quixeran ocultalo porque, foi «unha humillación e un susto de morte para o réxime», mentres que para os dirixentes do PCE, sería para «non eloxiar a Monzón, o usurpador».

Ademais, segundo a policía francesa da época, a UNE era unha «organización terrorista española formada por elementos do antigo exército republicano, comunistas, anarquistas e socialistas que tiña como obxectivo unir aos seus compatriotas no desexo de restaurar a República».

«Na cadea de Torrero estiven 21 días nun calabozo, empotrado como si fora un bicho, que eu prefería que me mataran porque, eles querían quitar dun o que un non lle podía dicir porque ía en contra miña, de como son eu. Hai veces que o home, si se aferra a non falar, péchase e non fala, eu tiven a sorte que non falei. Neses 21 días, as torturas eran ás tres ou catro da mañá todos os días. Eu estaba moi forte daquelas e aguantei, e teño golpes que aínda hoxe me resinto deles. No consello de guerra ao que fun sometido por rebelión militar, pedíaseme pena de morte ou cadea por 30 anos. Como o meu expediente era limpo, porque eu loitei na guerra contra Franco, si, pero detrás de min non deixei ningún rastro malo, porque era un home limpo que sabía polo que loitaba».

 «Ulises descende ao Hades para falar con Tiresias, atópase con Aquiles e fálalle desta maneira:

 Aquiles, fillo de Peleo, ningún home é máis feliz que ti, nin dos de antes nin dos que veñan; pois antes, cando vivo, honrabámoste igual que aos deuses, e agora de novo imperas poderosamente sobre os mortos aquí abaixo. Conque non te entristezas de morrer, Aquiles.

 E Aquiles respóndelle:

Non tentes consolarme da morte, nobre Odiseo. Preferiría estar sobre a terra e servir en casa dun home probe, aínda que non tivese gran facenda, que ser o soberano de todos os mortos».

A Odisea Canto XI

Cando Serafín se atopa no “Hades”, 21 días empotrado nun calabozo para ser torturado, está tentado de ser Aquiles, pero loita encarecidamente para ser Ulises. Aquiles fora un heroe e sería recordado como heroe, pero no reino das sombras non se sinte agraciado e preferiría ser un escravo na terra e estar vivo. Serafín, aínda non sabe o que o espera pero ten que loitar para vivir porque sabe que morrer nese sinistro lugar condenaríao á ausencia, á inexistencia, á nada.

«En febreiro de 1946, fusilaban en Madrid a once camaradas meus; ao Coronel Cristino e outros compañeiros mais, eu coñecía persoalmente a Cristino e algún mais dos que mataron,  e a min se ve que me mandaron para Madrid para fusilarme naquela época pero, pola razón que fose non o fixeron e quedeime en Carabanchel. Unha cadea moi dura, había demasiados homes, moita fame, moitos piollos, miseria, de todo.

Presos políticos eramos mais de 7.000 e tíñanos separados dos civís. A noite dos fusilamentos daqueles camaradas, un grupo no que eu estaba negámonos a poñernos firmes á hora da baixada da bandeira e había un xefe de servizo, chamábanlle o Pelines, e tíñano para que vixiara aos que non obedecían as ordes e claro, hai chivatos, e empezaron a chamar a algúns dos que estaban na formación e claro, a consecuencia de aquelo a min, con outros compañeiros, xa me mandaron castigado para Burgos».

Cristino García fixérase famoso no maquis da resistencia francesa ao ser o protagonista de varias escaramuzas cas últimas tropas alemáns en retirada. A mediados de agosto de 1944, Cristino ao mando dun grupo de 36 españoles e 4 franceses, deteñen e capturan un destacamento alemán composto de 1200 homes, cinco tanques, tres canons e sesenta camións na batalla de La Madelaine a 40 quilómetros de Nimes. O xeneral que mandaba a columna alemá acabaríase suicidando desesperado por non poder soportar a vergonza de renderse e ver capitular a mais de 1000 homes ante un puñado de guerrilleiros.

Antes dos fusilamentos de Carabanchel, o goberno francés intercede por a súa vida pero sería en vano. O 21 de febreiro de 1946 as 7 da mañá Cristino García sería fusilado xunto a 11 antifranquistas mais nas tapias do cemiterio de Carabanchel, onde tamén quedaría enterrado. Francia rompería as relacións con Franco por este feito e acabaría pechando as súas fronteiras con España durante mais dun ano.


«Aos poucos días de estar en Burgos, fíxose unha folga de fame protestando pola comida que daban que, seguro que non a comerían nin os porcos; a folga durou tres días e medio, recordo que viñera o Ministro do Interior para preguntar porque non se comía e claro, non se lle podía dicir que a comida era mala pero fíxoselle entender que algo raro había o caso foi que despois deron de comer un pouco mellor.

Tamén por culpa da chivatería a nos trataron de botarnos e botáronos de Burgos. De Burgos volvín a Carabanchel, de alí a Albacete e de Albacete a San Miguel de los Reyes onde acabei cumprindo a miña condena.

Cando viñamos de Burgos cara Valladolid, un garda civil dos que nos conducían preguntounos:

 - entón, ¿vostede de onde e?,

 ¡pois eu son de Madrid!,

 - outro ¿e vostede?,

 ¡pois eu son de Cuenca!,

 e cando me preguntou a min eu díxenlle pois eu son de Galicia, de Ourense;

-  pois o Caudillo tamén e de Galicia;

 pero eu con esta non me quedei, eu díxenlle:

 - mire vostede, os fillos de puta non teñen nacionalidade recoñecida eh.

Claro, cando dixen aquilo, os meus compañeiros non sabían onde meterse; eu tamén penso que me pasei pero dicir díxenllo. O garda asustouse porque a nós tíñanos medo, a min levábanme preso polos pes e a un compañeiro polo pescozo».


Penal de San Miguel de los Reyes

A cadea franquista de San Miguel de los Reyes onde Serafín cumpriría a súa condena, estaba situada no mosteiro dese mesmo nome. Hoxe Academia e Biblioteca da Lingua Valenciana e tamén unha xoia arquitectónica de visita obrigada para o turismo. O visitante podería atoparse cun discreto monólito inaugurado recentemente que fai homenaxe aos presos da guerra civil e da ditadura franquista.


Pero non sempre sería así, en 1946 había mais de 4.000 presos nun espazo pensado para 200 persoas; non había liteiras e había que durmir nun xergón, os afortunados que o tiveran, que se estendería no brando somier do chan; todo iso sen contar o frío e a fame que se sufriría entre aqueles grosos muros de pedra.

«En San Miguel de los Reyes encontreime cuns camaradas enormes como eran de verdade e foi unha gran novidade. A ilusión mais grande da miña vida sempre foi de superarme, eu xa sabía algo de cultura porque preparáronos no Estado Maior como oficial da República pero na cadea, eu e outros moitos, aproveitamos a condena como si fora unha gran universidade, con moitas dificultades porque, a comida era mala e dende logo o ambiente non era nada favorable, aínda así prepareime hasta o punto de chegar a dar clases durante sete anos; cultura xeral, hasta álxebra e fixen tamén un curso de francés.

A  clase e a biblioteca que tiñamos quen a dera en Ourense, aquilo valía millóns, como cárcere non, pero como sitio para educar e desfrutar alí había unha riqueza.

Había un funcionario, chamabámoslle (Tapa Refuxios), que lle debín de caer simpático e aconselloume que fixera unha instancia para conseguir un destino; claro, naquela época un destino era moi importante e nós si o collíamos era para beneficiar á poboación reclusa. Eu presentei a instancia pero veume denegada porque o (Tuerto) informou que eu non quería ir ao catecismo. Resulta que había dous curas, o (Tuerto) malo como o demo e (Dona Valentina), que era gai. Cando o (Tuerto) se foi cun permiso, un oficial avisoume de que me volvera a presentar, fíxeno para auxiliar de escola e desta vez, como (Dona Valentina) non sabía de que ía, firmou e foi así como acabaron dándome o destino».

Dicía Federica Montseny que nesa época o cárcere era, para moitos, o único lugar onde se podía ler con proveito.                 

O partido comunista ao que sempre pertenceu Serafín desde 1936 habería de sufrir una serie de cambios no tempo, tanto na súa ideoloxía mais ou menos pro soviética como nos seus dirixentes mais ou menos radicais; a pesar diso, Serafín acabaría sendo un dos seus militantes mais leais, ademais puido haber sido sempre unha relación correspondida.

O que Serafín lle podería aportar ao PC, puido que non pasara de defender a súa liña ideolóxica sempre que tiña ocasión de facelo así como “obedecer”, sen cuestionar, as decisións dos seus mandos; isto de por si, non sería nada pouco. A cambio, o partido “aproveitaríase” del e de outros miles de militantes fieis como el para crecer e sobrevivir ao longo da súa historia.

Pero, con ou sen intención, hai un beneficio para Serafín que lle podería haber resultado vital:  o sentimento de estar sempre facendo o que el consideraba o debido. «Porque nos sabemos polo que loitamos, sempre fomos un movemento moi avanzado, limpo e san». O beneficio, en parte sería físico, pero tamén psicolóxico porque, nas situacións tan difíciles que se iría atopando, sempre encontraría unha motivación, unha causa ou unha razón e iso, sen dubida, faríalle moito mais levadeiro o seu “calvario”.

Penal de San Miguel de los Reyes

«Nos estabamos moi organizados no penal de San Miguel de los Reyes. A dirección do penal queríanos matar de fame, entón nos tivemos a necesidade de crear unha forma de poder vivir e combater a fame. O partido reuniunos para crear unha comuna de traballo e outra de consumo. Pagábanos cincuenta pesetas a semana a cada un por os traballos que facíamos e, o que nos mandaban da casa ía tamén para poder comer, aparte da comida que repartían na cadea. Cada camarada tiña un posto de traballo, por exemplo eu daba clase, Benitez estaba nunha oficina, Suárez estaba noutra e así todos, pero no tempo libre facíamos cestos ou o que fose. Nos facíamos alí militantes para o partido, amigos para o partido incluso donativos para o partido; o que nos fixemos alí nunca saíu a relucir pero algún día sairá.

Cando dicían que os comunistas traíamos unha cadea atada, era mentira, cada un de nos tiña unha disciplina, era unha convención que había que facer e fíxose, porque nos sabemos polo que loitamos; para ser comunistas non e calquera, hai que ter unha conciencia de clase, de entregarse ao partido con todo; eu dende logo, toda a miña carne foi do partido e aínda o segue sendo. Estando en Francia, en  moi boa época, lanzáronos para aquí; non nos lanzaron, viñemos nos convencidos de que había que vir derrocar ao franquismo, e pasamos os Pirineos; iso foi unha Heroica indiscutible, e fixémolo nos, hai está a Historia».
 
  Ten sempre a Itaca na túa mente.

         Chegar alí é o teu destino.

  Mais non apresures nunca a viaxe.

      Mellor que dure moitos anos

         e atracar, vello xa, na illa,

enriquecido de canto gañaches no camiño

   sen agardar a que Itaca te enriqueza.

Aínda que a aches pobre, Itaca non te enganou.

Así, sabio como volviches, con tanta experiencia,

     entenderás xa que significan as Itacas.


       Konstantino Cavafis
Todos queremos volver a casa, a Ítaca.

Por esta razón, a mítica illa grega, fogar de Ulises, é a metáfora perfecta do propósito da vida, diso que nunca deixaremos de perseguir.

Petolo retorna a Ítaca…


Texto por Luis de Olimpia





Moradelha editora




  


Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)