Dito 74 : A druidesa do Valiño
A druidesa do Valiño
Xa facía uns días que o pai de Eladio lle andaba dicindo que tiña que ir con el a reforzar o valado da viña do Valiño porque a veces saltaba o gando que andaba solto no monte e comíalle os follatos das cepas. Cando foron encontráronse con que non había pedra dabondo e tiveran que recorrer a buscala no monte que tiñan na cabeceira da viña. Ao pai dábaselle bastante ben facer os valados e díxolle ao seu fillo que fora carrexando a pedra do monte que el xa iría asentándoa.
Eladio empezou collendo as pedras que lle quedaban mais preto pero cada vez eran mais escasas e pequenas e seu pai protestáballe porque non valían para o que el necesitaba. Contra a cima do monte sempre houbera unha morea de pedra que, co tempo, fora sendo cuberta dunha capa de terra e toxos con mangurro. Eladio colleu un sacho e comezou a escarvar para ver o que había debaixo e non tivo que esperar moito para ver que alí estaban as boas pedras para o valado, pero había que desenterralas e quitarlle a terra o que ía levar mais tempo e mais traballo.
Despois de quitar a primeira capa de pedras
con terra, Eladio notou que había outras debaixo, como si fosen escollidas por
alguén, ademais mantiñan un orde de colocación que semellaba un tellado de
lousas de laxe. Cando quitou unha daquelas lousas, debaixo apareceu un oco que
se ía estendendo ao longo das outras, algunhas xa aplanadas polo peso soportado
durante anos. Como tiña medo que houbera unha cobra ou calquera outro bicho que
puidese picalo, Eladio empezou a remexer co mango do sacho para ver o que
puidera haber naquel habitáculo, hasta que descubriu unha pedra pulida coa
forma dunha rosquilla cun burato no medio.
Cando Eladio chegou a casa e lle mostrou a
seus pais o que había atopado, súa nai díxolle que fora ver a Don Basilio, o
cura, que aquilo parecía algunha cousa da relixión ou do demo; seu pai díxolle que
había que tapar todo e non contarllo a ninguén, que seguro que acabarían
estragándolle a viña que valía moito mais que todo o que podía valer aquela
cousa, fose o que fose, e súa irmán Odila díxolle que falara con Don Antonio da
Costa, o mestre de Santomé, que sempre estaba a falar da prehistoria e dos nosos antepasados.
Para
tranquilizar a súa nai, Eladio foi primeiro falar co cura e mostrarlle a pedra
atopada pero sen contarlle como a había encontrado, este apenas lle deu
importancia, solo dixo que non era nada que tivera que ver coa igrexa nin coa
relixión católica e que mais ben parecía un xoguete ou o capricho dalgún
artesán da pedra, iso si, moi ben traballada.
Non faría o mesmo o que fora seu mestre e da
súa irmán, Don Antonio despois de mirar detidamente o obxecto e pararse
consultando algún libro de símbolos antigos, díxolle que tiña a sensación de que
aquelo podía ter un significado de suma importancia, que debía de haber
representado algo nalgunha cultura dunha civilización moi antiga e que non lle
sorprendería que tivera algo que ver coa maxia ou con algún rito de tipo
funerario, en calquera caso, dixo, habería que furgar mais no lugar onde
apareceu para ver si había mais pistas.
O mestre aconsellou a Eladio de que lle
fixera unha visita a tía Maravilla e que lle ensinara o esferoide, que probablemente ela soubera algo mais ca el.
- Pero, ¿a tía Maravilla non e unha meiga?
- podía ser, ¿e ti non sabías que Meiga en
latín quere dicir “magicus”?
- ¿e
iso que é, que fai maxia?
- en todo caso que ten poderes
extraordinarios e máxicos e, ao mellor, para explicar o orixe da túa pedra, pode facelo ela mellor que
ninguén.
A tía Maravilla era vidente, curaba o mal de
aire, o mal de ollo, o enganido, o tangaraño e a paletilla caída; tallaba o
coxo, quitaba verrugas, sabaños e hasta os toromelos dos ollos. Para algún
destes males utilizaba herbas, cinza, pedras e fregas con auga de herbas que
ela mesma preparaba; o que nunca quixera facer fora “preparados” para namorar,
e menos ritos que tiveran que ver con algo do demo.
Cando Eladio vai a visitala, a tía Maravilla
non amosa ningunha sorpresa co que lle mostra pero dille que cometeu un erro
grave ao desterrala e limpala da terra que posuía, xa que o mais importante
para saber o orixe e o tempo que podía ter estaba no que a rodeaba, e que así
non podía facer gran cousa. Como Eladio xa se levantaba para marcharse, ela
díxolle:
- ¿ti es de Terzas, non?
- son, si señora
- e es o fillo de Aquilino e mais de Rosa
- pois si que son, si
- non me pareces mal rapaz, pero andas cunha
moza que non che convén nada
- ¿e logo, vostede como sabe todo iso?
- tamén sei de alguén que fai tempo que anda
detrás de ti e ti non lle fas ningún caso
- pois xa sabe moito mais ca min, ¿e quen e
ela si se pode saber?
- iso vas ter que pescudalo ti mesmo cando
aprendas a mirar á xente aos ollos e non a boca, como levas facendo dende que
chegaches e te sentaches diante de min.
- Mira,
a boca pode dicir cousas moi bonitas e moi boas pero nunca saberás si son
certas ou non, mentres que os ollos nunca amenten porque os ollos non saben
mentir.
-¿Desfixestes o túmulo onde encontraches
isto?, dixo a tía Maravilla mostrándolle o redondel
-¿Que é un túmulo?, preguntou Eladio
- un túmulo e un montón de terra ou pedras levantado
sobre unha tumba
-
¿quere dicir que onde estaba isto había unha sepultura?
- si non alí mesmo, tiña que estar moi preto,
e a única maneira de sabelo e ir alí antes de que sigades escarvando mais
- ¿lévasllo contado a moita xente?
- a pedra ensineilla a uns cantos pero do
lugar solo sabemos meu pai e mais eu
- vale, pois mañá a hora de durmir a siesta
para que non ande xente por alí, lévasme ao sitio sen contarlle a ninguén do
que falamos aquí. E con isto a tía Maravilla levantouse dándolle a entender a
Eladio que non había nada mais que dicir.
Don Antonio da Costa non se sorprendeu cando
veu vir a Eladio cara a súa casa poucos días despois de haber estado alí co problema
que o traía de cabeza. Cando chegou mandouno sentar ao seu lado no corredor
onde se atopaba e preguntoulle como lle fora o outro día coa tía Maravilla.
Eladio entregoulle un paquete envolto con papel de estraza e díxolle:
- tome, léveo o
museo lóxico ese que a min non me ten dado mais que problemas
- arqueolóxico,
museo arqueolóxico de Ourense, díxolle o mestre
- pois iso, léveo
alí cando queira
- pero entón,
¿que foi o que pasou cando fostes a ver o túmulo?
- pasou que a tía
Maravilla está como unha cabra, respondeulle Eladio
- home, non será
para tanto, pero conta, conta
- mire, cando fun
a súa casa xa me empezou a dicir que eu estaba a saír cunha moza que non me
conviña, e que había outra que facía tempo que andaba detrás de min e que eu
non me decataba porque non sabía mirar á xente aos ollos, e claro, eu fora alí
para que me falara da pedra e saíume con todo iso, pero o peor veu o día que
fomos a Terzas a ver o tumulto ese.
- o túmulo,
chámase túmulo; ¿entón que foi o que aconteceu alí? que xa me estás intrigando
- cando chegamos
a tía Maravilla quitou unhas varillas que parecían de cobre dun saco que
levaba, e colléndoas polas puntas empezou a andar moi a modo por todo o montón
de terra levándoas sempre diante dela a
altura da barriga, aínda que a veces se levantaban e case lle daban na cara;
cando era así, facía unha marca co pé na terra, hasta que acabou dando a volta
completa
- non sabía eu
que a tía Maravilla tamén dominaba a radioestesia, comentou o mestre
- ¿e iso que e?,
preguntou Eladio
- e unha facultade
especial que se atribúe a determinadas persoas de poder percibir as radiacións
electromagnéticas; utilízase para descubrir mananciais, xacementos subterráneos
e outro tipo de enerxías que elas solas son capaces de percibir por ter unha
sensibilidade maior que a maioría dos mortais; pero ti segue, segue a contar
que parece interesante.
- despois do
mesmo saco quitou un pano de tela atado cun nó, que cando o desatou e estendeu
no chan apareceron unha chea de pedras pequenas e algo que semellaban osos de
animais; logo foi ao burato onde aparecera a pedra e comezou a apañar con moito
coidado algunhas das cousas que había por alí e púxoas ao lado das que tiña no
pano; entón empezou a coller as pedras e os osos coas mans e tiralos como si
foran dados ao mesmo tempo que murmuraba unhas palabras que eu non fun capaz de
entender
- debía de estar
invocando aos espíritos dos alí enterrados para poderse comunicar con eles,
pero ti segue, segue
- cando xa levaba
un pouco con aquilo, quedouse parada coas palmas das mans encima do que apañara
na fosa e empezou a tremer e ter espasmos, de golpe levantouse e púxose a
bailar arredor do montón de terra como si fose unha moza de quince anos ao
mesmo tempo que falaba e cantaba nunha lingua que eu nunca oíra, ademais
cambiaba a voz de muller para a de home, mais forte ou mais baixa; despois de
dar varias voltas con aquela danza, parou de golpe e caeu fulminada como si lle
dera un infarto.
- se ve que alguén a induciu ao transo e non era
consciente de si mesma, e cando falaba noutra lingua e con outra voz, estaba
seguindo as instrucións da “persoa” que a tiña posuída neses momentos ¿e ti que
fixeches?
- eu asusteime
porque pensei que morrera xa que tocáballe e chamábaa polo seu nome pero non se
movía nin respondía a chamada, así estivo uns minutos hasta que empezou a
moverse pouco a pouco e incorporarse con moito traballo; cando conseguiu
poñerse de pé e falar, empezou a recoller as cousas e metelas no saco e solo
dixo: era unha ruidesa e a súa nena
recen nacida, deberías tapar o oco e deixalo o mais parecido a como estaba
antes, e lévalle a pedra a Don Antonio para que a leve ao museo arqueolóxico; e
con isto púxose a andar de volta para a casa.
- ¿e ti non lle
preguntaches mais nada?
- eu quería, pero
quedeime sen fala hasta que ela xa estaba algo lonxe, e tampouco fun capaz de
seguila, o que non sei e o que quixo dicir con aquilo da ruidesa e a súa nena
- diría druidesa,
a muller dun druída, corrixiuno o mestre
- ¿e iso que
quere dicir?
- os druídas eran
unha especie de sacerdotes, filósofos, xuíces e magos que viviron desde uns
séculos antes de Cristo hasta poucos
séculos despois; crían na supervivencia da alma e tamén na súa reencarnación. A
muller do druída era a druidesa e axudábao nas súas cerimonias.
- ¿e que se lle
perdera a un mago deses e a súa familia en Terzas?, preguntou Eladio
- aínda terían
que pasar centos de anos para que existira Terzas e todos os pobos de por aquí arredor.
O mais que podía haber naqueles tempos por estas terras, sería uns camiños para
comunicarse polos diferentes asentamentos (castros celtas), que era onde se
xuntaban e vivían en pequenas poboacións aquelas xentes. Pensa que moi preto de
aquí estaba o castro de Vilela e había outro en Trelle e en Vilar de Vacas. Si
e verdade o que che contou a tía Maravilla, puido pasar que por aquí pasara un
deses camiños, que a druidesa se puxera de parto no Valiño e que non puideran
sobrevivir nin ela nin a nena, quedando as dúas enterradas no túmulo que ti
acabaches descubrindo despois de mais de 2.000 anos.
- ¿e que facía a rosquilla
de pedra no sitio?
- podía ser un
amuleto, unha peza que usaban para os seus ritos relixiosos ou de maxia, ou
algún símbolo que pertencera e representara a súa tribo.
Despois de saír da casa de Don Antonio da
Costa, Eladio dirixiuse a casa da tía Maravilla para pagarlle os seus “honorarios” e mirar como
andaba. Como na casa non había ninguén, sentouse na escaleira para esperala cando
viu que baixaba pola rúa unha moza do lugar coa que tiña botado algún baile nas
festas de por alí; cando esta se estaba aproximando díxolle:
- e logo, ¿que fas ti aquí?, non terás algún
mal
- pois si, díxolle Eladio, ando con mal de
amores
- non sexas pailán, o que che sobran a ti son
amores
- e ti que sabes, ao mellor estas equivocada
Eladio deuse conta de que a estaba a mirar
aos ollos, que a moza lle sostivo a mirada un pouco hasta que baixou a vista e
se puxo colorada e acordouse do que lle había dito a tía Maravilla
- ¿e ti para onde
vas?, acabou preguntando
- vou buscar
unhas patacas novas e uns guisantes a Subilleira, mira velaí che ven a tía
Maravilla a ver si che acerta co remedio, díxolle a moza despedíndose.
- Ola
rapaz, ¡aprendes pronto eh!, dixo a muller saudándoo
- non sei de que me fala, pero como vostede
ve o que outros non vemos; eu solo a estaba esperando para pagarlle o que lle
debo e ver como andaba
- a min non me debes nada, eu solo che fixen
un favor e si ti me queres facer outro pódesme cavar a viña da Subilleira que
xa lle empezan a saír as herbas, do resto eu ando ben
- polo de cavar a viña non se preocupe, como
si quere que tamén lle de o sulfate, pero tenme que dicir onde queda que eu non
o sei
- mira, non tes mais que preguntarlle a Elba,
xa que queda xusto ao lado da súa horta, ¿non ías ir agora por alí axudarlle a
coller as patacas e os guisantes
- non tiña pensado, pero si e para que me
ensine a viña, podo ir
