Dito 93 : O catastro de Ensenada

 
A carga dunha muller



   O Catastro de Ensenada

Si alguén estivese interesado en saber algo mais da orixe e a historia do seu pobo, nada mellor que percorrer a documentación escrita a mediados do século XVIII, e que agora se pode atopar dixitalizada na paxina pares do ministerio de cultura, sobre o catastro de Ensenada. Ben e verdade que son imaxes fotografadas do texto orixinal e a veces custa bastante entender o que poñen, pero aínda así merece a pena visitala, non solo pola ampla información que contén senón tamén polos detalles curiosos con que serían tratados algúns dos temas.

Por esas datas Galicia dependía da Coroa de Castela que estaría gobernada polo seu rei Fernando VI e que contaba como secretario de Facenda, Marina e Indias ao Marqués de Ensenada; personaxe que chegaría a facerse famoso pola substitución dos tributos que se viñan aplicando tradicionalmente a cambio dun imposto único, o catastro, que gravaría en proporción á capacidade económica de cada contribuínte.

Para levar a cabo semellante cometido houbera que facer unha minuciosa investigación de mais de 15.000 lugares cos seus habitantes, propiedades, casas, gandos, oficios, rendas incluso censos e características xeográficas de cada poboación.

O quince de agosto de 1.752 celebrábase en Cartelle unha audiencia ante o subdelegado Ignacio López Sotomaior, o cura da freguesía de Cartelle Francisco Álvarez, este por ausencia do xuíz ordinario da xurisdición Xosé Perez; Silvestre Mestre e Diego Pérez como peritos nomeados pola xustiza, así como Manoel Martinez de Castro e Bartolomé Feberero, peritos representando á Coroa. Todos xurarían e prometerían responder ao interrogatorio de corenta preguntas ás que ían a ser sometidos.

Á primeira pregunta dixeran que: «esta freguesía, igual que a xurisdición, chámase Santa María de Cartelle, que está composta polos lugares de: Cartelle, Pereda, Armada, Santomé e Teixugueira e que pertence ao Señorío e á Encomenda de Quiroga».



A terceira pregunta fai alusión á superficie, en leguas, e á demarcación da xurisdición, situando os límites por marcos de pedra onde se nomea o marco da Salgueira que delimita a xurisdición de Castrelo. Este marco aínda se pode ver hoxe no Marco, que foi o nome que lle quedou a esa  zona dende que foi posto aí, e que se atopa ao lado da estrada que vai de Santomé á Bouza.

Na cuarta pregunta fálase do tipo de terras que ten a xurisdición. Afírmase que hai terras de regadío de primeira calidade que producen sen interrupción dúas colleitas no ano, a primeira de millo ou liño e a segunda de ferraña ou nabos. Seguen despois falando doutras terras de secano de menos calidade, aínda que producen todos os anos centeo, trigo e paínzo; hortas que dan verzas, cebolas, fabas e cabazos e prados que dan herba de gadaña. Tamén montes baixos que dan estrume para abono, soutos de castiñeiros que dan castañas e finalmente uva de cepa redonda ou parra de cepa alta. 

Para poder entender un pouco como estaban gobernados os territorios na Galicia rural desa época, hai que pensar que o poder estaba repartido entre: a nobreza, a igrexa e a monarquía. A designación de cargos xurisdicionais correspondíalle basicamente á nobreza e á igrexa. O poder fiscal estaba nas mans da igrexa, da Coroa, e en menor medida, da nobreza. A igrexa ademais sería a que dispoñía de mais capacidade de control da poboación, tanto no ámbito da vida privada como en boa parte das relacións sociais, xa que contaría cunha rede moi forte e  ben organizada de curas.

Os pobos do concello de Cartelle actual que non aparecen na relación da xurisdición daquela data, estarían repartidos en outras xurisdicións ou freguesías: Castelo de Sande, xurisdición con tres freguesías e quince lugares; Sabucedo de Montes, freguesía con tres lugares; Espiñoso, freguesía con catro lugares e Castrelo de Miño, xurisdición que incluía os pobos de Terzas, Baldaríz, Pereiros, Bouza e San Pedro, aínda que estes pertencerían, como freguesía, a Santa María de Cartelle.

Na pregunta dezaseis aparece unha lista de xente de Santomé que ten que pagar os diezmos (10% do valor) en ferrados de millo, castañas e tamén fanegas de centeo. Para completar, a veces, fano con moedas (reais, reais de vellón ou marabedís). Eses diezmos sempre irían parar a igrexa a través dun prior do mosteiro ou á Coroa a través dos seus recadadores.

Na dezasete fálase do imposto aos muíños de auga, aos fornos e unha telleira. Muíños aparecen oito: tres de veciños de Cartelle no arroio da Boullosa, un de Pereda, tres de San Pedro e un de Terzas, este no arroio de Porros a nome de Fernando Armada. O imposto pagaríase en fanegas de millo, seis ou catro ao ano, dependendo de si tiñan dúas ou unha pedra. Un tal Juan Mourille veciño de San Pedro, ademais dun muiño na Boullosa tamén tiña un forno de tella preto de Raigoso. Aínda non fai moitos anos, se recorda ir con carros de vacas desde Santomé buscar tella a esa telleira.




Nesa mesma pregunta tamén se fala de tres fornos de olas que hai en Santomé aos que lles aplican a mesma categoría que o de tella pero non aparecen a nome de ninguén, se supón que eran comúns e serían utilizados por varios dos artesáns oleiros do lugar. A eses catorce artesáns regúlanlle cento cincuenta reais ao ano polo seu oficio.


A pregunta vinte tres fai mención a dúas tabernas que venden viño ao pormenor, unha en Cartelle a nome de Xosé Gil e outra en Santome a nome de Xosé López; aquí non queda claro si son propiedade ou están arrendadas xa que falan dunha poxa ao mellor postor en trescentos reais de vellón. Tamén comenta que Santomé desfruta de trinta fanegas de monte baixo de terceira calidade no termino de Manouzos, que lindan cos montes de Xestosa, que daquelas pertencería a Castrelo; tamén delimitan as freguesías de  Macendo e de Santa Eulalia de Anfeoz. O nome de Manouzos non se recoñece hoxe, pero, mais ou menos, por aí estaría o (Trifinio) que xuntaba, xunta tres concellos: Castrelo, Toén e Cartelle.


En oficios aparecen dous irmáns de Santomé como (tablajeros), que era así como lle chamaban aos carniceiros, Juan e Pedro López aos que lle regulan pagar oitenta reais ao ano para cada un, e a Juan Gago, zapateiro tamén de Santomé tres reais por cada día que traballe polo oficio. Tamén aparecen varios nomes de xornaleiros que os gravarían con tres reais por cada día de xornal.


Medidas de gran:

Fanega ou anega: cinco tegas ou ferrados; cada ferrado de trigo ou centeo equivalía a (10,50 kg.), porque se lle pasaba un rebolo para que quedase rasa, si era de millo, fabas ou castañas eran (15 kg.) xa que ía sempre acugulado ao máximo. Cada tega ou ferrado tiña seis cuartos/as e cada cuarto/a catro copelos.

Medidas de viño: moio; cada moio oito olas, cada ola oito azumbres e cada azumbre catro cuartillos, o cuartillo viña a ser medio litro.

A fanega e o ferrado tamén se usaba para medir a terra, e calculábase pola superficie que se podía cubrir na sementeira; así, con un ferrado de trigo ou centeo, poderíanse sementar arredor de 640 m/2, (trinta copelos) e cunha fanega cinco veces mais.

Medida de liño en rama, (literal), carga dunha muller= seis reais         

Como descendentes que somos daquelas mulleres e homes, aínda que nos separen preto de trescentos anos na historia, queríamos reconocerlle á Coroa o feito de deixar que continuase a sair o sol por Castela; a igrexa con toda a súa curia, polas súas bendicións en forma de choiva bendita que benvidas serían para as colleitas e tamén a todos os nobres, dende o primeiro marqués hasta o último cacique, por deixar que os nosos ancestros poideran sentarse de vez en cando a descansar e respirar o aire sano, sen ter que pagarlle nada por todo iso, todo un detalle pola súa parte.

Calquera tempo pasado non foi mellor

Do futuro tampouco se podería esperar demasiado

Desfrutade do presente

«Carpe díem».



Texto por Luis de Olimpia




Moradelha editora






Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)