Dito 94 : Venancio das Pitas
Ramiras
(Maio 2011)
Venancio das Pitas
Aquela nai
acostumaba a chamarlle ao seu fillo nomes ou alcumes cariñosos que gardaría na
súa memoria de recordos. Aqueles sobrenomes podían non ter moito orde nin
sentido pero moito menos intención de
ofender, aínda que a veces podería parecerllo a alguén alleo que o escoitase. Escapado
do circo, Fankín, Merchor, Negro da argola ou Venancio das Pitas,
serían solo algúns daqueles motes,
seguro que había mais pero todos terían un significado ou motivo parecido que
serían o afecto, a tenrura ou o mimo.
Escapado do circo debía de chamarlle no tempo
que o rapaz andaba bastante fraco e desgarbado ou viña de xogar lixoso e mal
vestido. Fankín era un garda rural non moi agraciado da Bouza que casara
cunha muller de Santomé; cando lle chamaba Merchor, o rapaz supoñía que
se referiría ao rei mago e cando lle dicía Negro da argola, o que debía
era querer dicir negro de Angola. O rapaz sempre pensou que Venancio das
Pitas chamáballo polo tío Venancio, irmán do tío Regalo e pai do tío Vito,
de Secundino do Mesón e da tía Hermelinda; pero resulta que non fai moito
acabou descubrindo que Venancio das Pitas existira realmente, que había sido un
delincuente común coñecido por toda a comarca de Celanova e que chegaría a
roubar, en 1.873, na casa dun tal Manoel Martinez de Santomé.
Da vida e a
historia do tal Venancio aínda hoxe se pode saber algo gracias a algunhas
crónicas e artigos publicados na prensa da época. Así, se sabe que o seu nome
era Venancio Rodriguez Veloso (das Pitas), que nacera en San Andrés de Penosiños
concello de Ramirás polo ano 1.850, que cando contaba 37 anos aínda estaba
solteiro pero que acabaría casando e tendo, polo menos, unha filla xa que un
dos últimos delitos que cometera fixérao acompañado do seu xenro Nemesio
Álvarez.
En 1.869 sería condenado
a seis meses de arresto maior por roubar galiñas.
En 1.871 sufre a
mesma condena por roubar cartos a Manuela e Juana Vázquez. Nese mesmo ano foi
condenado a cinco anos de cárcere polo roubo dunha mula a Antonio Rodríguez de
Prado se Sande (Cartelle). Cando era conducido a prisión de Zaragoza para
cumprir esa condena, fugouse da cárcere de Entrepenas (Zamora).
En 1.872 foi
declarado rebelde na causa que se lle seguía no xulgado de Celanova por un
roubo en cuadrilla e homicidio de Francisco Gómez de Refoxos.
En 1.873 foi
procesado por roubo a Manoel Martinez de Santomé e nese mesmo ano tamén
acabaría roubando ao cura de Espiñoso.
En 1.874 foi
declarado rebelde no xulgado de Allaríz por roubo e homicidio.
Nos anos 1.874 e
1.875 recorrería a provincia recadando fondos para os carlistas. Coas
cantidades recadadas escapou a Portugal, refuxiándose na casa do vizconde de la
Torre en Guimaraes, quen o acreditaría como refuxiado político.
En 1.875 foi
procesado por roubo en cuadrilla ao presbítero Demetrio Rodríguez de Bobadela
(Celanova). Nese mesmo ano, sendo conducido por indocumentado fugouse da
cárcere de Riós, na comarca de Verín, e tamén nese mesmo ano sería declarado
rebelde na causa contra el instruída pola tentativa de roubo a Marcos Alvarez
de Mirós (Cartelle). Este asalto non lle sairía nada ben xa que o tal Marcos
defendérase e acabaría matando a un compoñente da banda da que Venancio sería o
xefe.
No 1.886 foi capturado en Portugal onde iría parar a
cárcere de Braga mentres se tramitaba o expedinte de extradición.
Non se sabe o tempo que permanece na cadea pero ao pouco
de saír, cásase e ten familia. Logo virían as lendas que, como Curro Ximenez, o Lute ou o Dioni, adoitan
traer este tipo de personaxes. Unha delas publicase en 1.907 no diario La
Región co seguinte relato:
Fai uns días nunha conversa con Eladio da Cruz, ao
preguntarlle que sabía de Venancio das Pitas, dixo que era veciño de Ramiras e
que por culpa del matáranse un garda civil e un policía nun tiroteo provocado
pola confusión para deter ao tal Venancio que pensaban que estaba
escondido nunha casa do lugar. Resulta
que os que estaban dentro eran os policías esperando ao delincuente, que ao ver
movemento de xente fóra da casa empezaron a disparar e a garda civil responderíalle
aos tiros pensando que era o delincuente que andaban a buscar.
A nai daquel
rapaz nacera en Ramiras e tamén tería contado por varias veces a historia
daquela noite do desafortunado tiroteo, aínda que na súa versión o delincuente
que buscaban non sería o (das Pitas) senón un coñecido ladrón da zona, pero esa
sería outra historia, ou ao mellor tamén outra lenda.
🌟
Texto por Luis de Olimpia
Moradelha editora