Dito 101 : Santomé no tempo

 


Santomé no tempo (século XVII)

O primeiro bautizo que aparece no primeiro libro de rexistro da parroquia de Cartelle (xaneiro de 1683), pertence a un neno de Tercias, (era así como lle chamaban a Terzas por aquelas datas). Ao recen nacido puxéranlle de nome Domingos, era fillo de Domingos Martinez e María Feixó, os padriños foran Álvaro e María Alvarez de Baldaríz. Nese primeiro tomo que se atopa no Arquivo Histórico Diocesano de Ourense aparecen rexistros dende xaneiro de 1683 a xuño de 1719

O segundo e terceiro da lista foran bautizados no mesmo día: domingo, dous de maio de 1683. Aos nenos puxéranlle aos dos o mesmo nome: Diego, e tamén serían mesmos os padriños: Diego López e Lucía Villar de Santomé. Os pais de un eran Andrés Pérez e Juana Hermida, os do outro chamábanse Miguel Pérez e María Villar, todos de Baldaríz. Esa mesma parella de padriños aparecería varias veces mais apadriñando a nenos de Baldaríz, Terzas e Santomé. Cando isto ocorría, adoitaban poñerlle ao bautizado, Diego, si era home e Lucía, si fose muller. Este feito non resultaría nada estraño e seguiríase facendo ao longo dos anos vindeiros, xa o di o refrán: o que ten bos padriños bautízase e, pola razón que fose, estes non debían ser dos malos.

O primeiro bautizado de Santomé, (quince de agosto de 1683), chamábase Lorenzo; era fillo de Baltasar Martínez e María López; os padriños foran Miguel Pérez e Eufemia Estévez, todos de Santomé.

Uns anos antes acabárase de construír a igrexa de Cartelle, a de Santomé aínda tardaría máis de dous centos anos en facerse. Durante ese tempo os bautizos, vodas e enterros da xente de Santomé e Terzas serían oficiados en Cartelle, se supón que os que morrían tamén serían enterrados nese mesmo cemiterio.

A primeira mención de Cartelle aparece na Idade Media, concretamente en 1141, cando o castelo de Sande fora doado ao Mosteiro de Celanova. As freguesías ou parroquias que compoñen o concello de hoxe estaban divididas entre o poder feudal e o da igrexa. Baixo os primeiros estaban os coutos de Couxil e Couxiliño, rexidos polo conde de Troncoso, e a xurisdición de Espiñoso polo conde de Monterrei. Xa na Idade Moderna, Cartelle converteríase nun arciprestado coas doce parroquias aínda existentes:

   Anfeoz (Santa Baia). Igrexa barroca, 1782

   Cartelle (Santa María). Igrexa barroca, finais do século XVII
   Couxil (Santa María). Igrexa barroca, XVIII
   Espiñoso (San Miguel), Igrexa barroca, 1749
   As Maravillas (Nosa Señora). Igrexa barroca, 1824
   Mundil (Santa María). Igrexa barroca, XVIII, XIX
   Penela (Santiago). Igrexa barroca, finais XVII
   Sabucedo de Montes (San Pedro). Igrexa neogótico, 1918, 1924
   Sande (San Salvador). Igrexa barroca, restos de románico, XVIII
   Santomé (Santo Tomás). Igrexa neogótico, 1904
   Seixadas (San Xoán). Igrexa barroca, 1774
   Vilar de Vacas (Santa María). Igrexa barroca, 1781, 1785
   Aparte das igrexas, existiran e aínda existen capelas en varios pobos:
   A Seara, (San Roque e San Vitorio)
   Armada, (San Roque)
   Baldaríz, (San Lourenzo) 
   Montián, (San Xoán)
   Nogueiró, (San Xosé)  
   Lamagrande, (Asunción)
   O Santo, Vilar de Vacas, (San Bartolomé), en ruínas
   Parbón, (Aflixidos) 
   Pereda, (Santiago)
   Pereiros, (Perpetuo Socorro)
   San Martiño, (San Martiño)
   San Pedro, (San Pedro)
   Soutelo, (San Ramón)
   Teixugueiras, (Santa Lucía)
   Ulfe, (San Pedro)
 
En Santomé tamén houbera unha capela onde está agora a fonte do Cruceiro, desta quedaríalle solo o nome ao lugar, (A Capilla. Se supón que acabaría desaparecendo coa construción da igrexa rematada en 1904.
 
A maior parte do espazo deste primeiro tomo está dedicado a bautizos e solo unha pequena parte a vodas. Neses rexistros máis que de vodas fálase de monitorias ou amoestacións. Estas viñan a ser unhas “advertencias” anunciadas, ben en tres misas de domingo consecutivas, ou ben expostas en taboleiros das parroquias onde residían os noivos, durante tres semanas, nas que se detallarían os nomes, parentescos e lugares onde habitaban os conxugues, por si alguén coñecese algún motivo que puidera impedir o matrimonio.


 «A tres de noviembre año de mil setecientos y siete, yo Bartolomé Rodriguez vicario de Santa María de Cartelle, después de haber leido y publicado las amonestaciones en tres domingos seguidos en el ofertorio de la misa maior que dije al pueblo, en que Pedro de Sousa viúdo de María García, hijo legitimo de Alonso de Sousa y de Constanza de Mendez difuntos do Carballal, y María López soltera, hija de Matheo López y de su mujer Eufemia Pascual vecinos de Santomé, y por no aver resultado impedimento que impída ni dirima el santo sacramento del matrimonio que an contraído en mi presencia, y de los testigos que lo fueron Francisco Gonzales y Caetano Pérez, y lo firmo Bartolomé Rodriguez».

Resultaría difícil falar do pasado de Santomé sen contar con Cartelle e a influencia que sempre tivera a relixión naqueles pobos e naquela xente. Cara Cartelle, chamárase Xurisdición,  Concello, Freguesía ou Parroquia, con feira ou sen ela, sempre habería algunha necesidade de acudir, así se acabou facendo máis vida nesa dirección que na do resto dos pobos do arredor. A “necesidade” da igrexa viñera dada polas normas relixiosas obrigatorias de bautizos, vodas e enterros que, cedo ou tarde, acabarían afectando a todas as familias do lugar.

Segundo as normas vixentes das parroquias de Cartelle e Santomé para consultar os libros, non se poderían ver rexistros dos últimos cen anos. O que quere dicir que seguiremos dependendo de Eladio da Cruz e, o probe, leva varios días loitando por seguir vivindo nunha cama de hospital.

Sensacións: sala de arquivo deserta e fría, abrir pola primeira páxina un tomo de grandes dimensións que alguén acaba de deixar encima dunha mesa. Dúbidas de estar invadindo algo íntimo, gardado aí dende fai máis de trescentos cincuenta anos. Asentos de bautizos cos nomes dos nenos, dos pais e padriños, que existiron porque están escritos aí. Que houberan existido igual de non estalo, pero entón non se sabería, e agora sábese. Ánimo entón de seguir mirando, porque a Eles seguro que non lles houbera desgustado darse a coñecer despois de tanto tempo.

Ledicia cada vez que aparece o nome de Santomé nalgunha das actas, saber que nese libro existen rexistros de sete pobos máis. Dificultade para descifrar os textos, cunha fermosa letra pero tamén complicada caligrafía.  Empezar tomando notas en papel e lapis, vedado bolígrafo. Ao ver que así apenas se avanza, acabar fotografando as páxinas que mais interesan para descifralas con calma mais tarde. Aínda así, catro horas que se pasan sen decatarse, o mesmo que o frío. Saír de alí con moitas dúbidas pero cunha certeza: volver outro día.


Texto por Luis de Olimpia




Moradelha editora





Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)