Dito 114 : Familias, casas e cousas (X)

 


Familias casas e cousas (X)

      Cara á Costa

Detrás das portas de ferro que se ven ao fondo da foto están, agora abandonados, os que foron patio e casa da tía Otilia. As escaleiras que se poden ver ao lado desa porta, o mesmo que as que se ven á dereita, conducían á vivenda, cuarto e cociña que hasta non fai moito pertenceron á familia de Antonio Ferro pero, desde fai mais de cen anos atrás, esa tamén fora a morada dos Moneas; o alcume quedáralle a Manuel, patriarca dos Moneas de Santomé, de cando facían as farsas nos entroidos porque, segundo dicían, moneaba moi ben. Vicenta Fernandez Gonzalez, 18/2/1885, filla de Xosé e Rosa de Santomé, casara na igrexa de Santa Eufemia de Ourense, con Manuel Martinez López, de vinte e dous anos, fillo de Esteban e Manuela de Seixadas. Os padriños da voda foron Manuel Estevez (Petolo de Terzas) e a súa muller Florinda Martinez (irmá do noivo). O matrimonio tivo sete fillos: Xosé, Antonio, Serafín, Concepción, Florinda, Eladio e Darío. Os padriños de bautizo de Vicenta foran Evaristo e Vicenta Dieguez, tíos paternos da nena. Evaristo sería tamén o nome que levara o seu único irmán (tío Evaristo).
   
Xosé casou con Xosefina Gonzalez e tiveron cinco descendentes: unha muller e catro homes. Antonio estivera na guerra e fora un dos exiliados da República; en Francia coñeceu a unha moza de Zaragoza e, despois de convivir alí un tempo, embarcáranse para o Brasil onde Antonio acabaría falecendo. Serafín casou con Clara, de Pereira de Montes, e tiveron dous fillos: unha muller e un home. Concepción casou con Delmiro Díaz (sobriño do tío Rubio), de Almuide (Escairón) e tamén tiveron un fillo e unha filla. Dos tres mais novos e das súas familias non se considera necesario dar mais datos ao estar estes aínda presentes nos  recordos das xentes de agora, as súas parellas tamén naceran en Santomé e algúns, alternarían as súas residencias con Barcelona.


    Esteban era da familia dos Longos da Bouza e fórase a vivir a Seixadas logo de casar con Manuela. O matrimonio tivo cinco fillos: Florinda, Manuel, Serafín, Dosinda e Xosé. Polo menos tres deses descendentes: Manuel, Dosinda e Xosé, emigraron ao Brasil. Serafín casou con Vicenta Dieguez de Terzas e tiveran unha filla: Maruxa. Logo de quedar viúvo volvería a casar con María, irmá de Vicenta e tiveron tres homes. Florinda casou con Manuel (Petolo) de Terzas e foran os pais de Eladio, Concha e Serafín. Despois de quedar viúvo, Esteban volvería a casar, 1/12/1910, con Cándida Yañez de Santomé, viúva ela tamén de Marcos Bande.


   Sempre cara a Costa, a seguinte casa á esquerda era dun dos (Vertelos). Xosé Dieguez Martinez, 11/6/1897, fillo de Emilio e Pascua casou con Hermelinda Martinez Orozco, filla de Venancio e Rosa; o matrimonio tivo catro fillos, unha muller e tres homes. Irmáns de Hermelinda tamén serían: Vítor, Alfredo e Secundino. Os irmáns de Xosé eran: Antonio, Digna, Concepción e Carmen; Carmen, mais outro que tamén se chamaba Antonio, morreran ao pouco de nacer.
   
O patio e vivenda que seguía á de Xosé era da súa irmá. Concepción Dieguez Martinez casou con Manuel Orozco Gonzalez de Terzas e tiveron dúas fillas: Carmen e Palmira. Manuel tiña cinco irmáns mais; entre eles lémbrase a Balbino, pai da mestra de Terzas e ao tío Claudino.
   
Os pais dos Vertelos: Emilio Dieguez Pateiro, 19/12/1860, e Pascua Martinez López, 3/1/1865, deberon de ser os propietarios de todo ese lado do camiño, desde onde empezaba a casa da tía Hermelinda hasta o principio da Costa, xa que polo menos tres dos seus descendentes: Xosé, Concepción e Antonio seguirían sendo os donos de todo ese territorio, incluído un eixido con canastro e una viña con bodega e palleiro.


   Tamén onde empezaba a Costa estaba, aínda segue aí, a segunda casa grande do Fondo do Lugar: a do (Caravel). Parece ser que o alcume puxérallo unha avoa ao pai de Antonio por chamarlle de pequeno: meu caravel, meu caravel. Fose ou non así, o certo é que Antonio Gonzalez Dieguez que casara con Concha Febrero Pérez sería sempre mais coñecido como Antonio Caravel. Seus pais: Avelino Gonzalez, 7/6/1870, e Vicenta Dieguez, 15/9/1859, eran primos carnais e casaron, 1/3/1897, na igrexa de Cartelle; aparte de Antonio tiveran outro fillo que morrería de pequeno. Da familia paterna de Concha xa se falaba nos anteriores escritos; súa nai, Manuela Pérez Estevez, 16/5/1877, era filla de Clemente Pérez e Severina Estevez; irmáns dela tamén serían: Felisa, 1/12/1872, e Elena, 3/4/1880.
   
O apelido Martinez aparece xa nalgúns rexistros de bautismo de nenos de Santomé de 1675. Tamén sería bastante común nalgúns nomes de propietarios do pobo no Catastro de Ensenada. Nas datas que se están tratando (1852/1899), ese apelido pódese atopar en varias familias do lugar pero en cinco casos sen parentesco entre elas, o que quere dicir que veñen, polo menos, de cinco orixes diferentes. Parece claro que a orixe Martinez dos Moneas de Santomé que se comenta aquí procedería da Bouza, pasando antes por Seixadas.
   
No capítulo anterior había outros dous casos: Xosé Sancristán e os irmáns Chimpacarros. No Sancristán o apelido remóntase, polo menos, ás últimas catro xeracións dos seus devanceiros; mentres que no outro caso, o pai de Eliseo e Luís era de Casardeita. Outra familia que sementou ao pobo de Martinez foi a do tío Venancio, desde o seu avó Salvador con cinco fillos a seu pai Fernando con nove. Tampouco é de esquecer os que levan o apelido de segundo, como os Vertelos, ao ser a súa nai Pascua Martinez a portadora.
   
Desde a foto da cabeceira do escrito, hasta o retrato que aparece ao pé, pasarían preto de cen anos, pero o escenario onde descorreran as vivencias desa familia e onde xogaran de rapaces cambiaría ben pouco. Outra cousa moi distinta sería o percorrido que lle quedaría por vivir noutros escenarios que se irían atopando cada un dos nove que compoñen ese grupo. Mirados desde o agora e lembrando parte da súa andadura, só se podería falar de xentes traballadoras, honestas e sempre fieis á súa tribo.




Texto por Luis de Olimpia





Moradelha editora






Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)