Dito 119 : O culto aos mortos

 



O Culto aos mortos
   
Nas paxinas que ultimamente se viñeran publicando neste blog, déraselle preferencia aos que naceran, medraran e casaran en Santomé, é dicir, aos vivos. Escrutar os centos de actas de bautizos e vodas escritas polos curas que, nesa época, lles tocara estar aí para ser os encargados dos oficios e  da administración da parroquia, neste caso a de Santa María de Cartelle. Pero, eses mesmos curas, fosen priores, presbíteros, abades, capeláns ou arciprestes, tamén serían os encargados de administrar o viático e de enterrar aos mortos.

O prior, chamado así por ser o superior, que rexía a parroquia de Cartelle en 1.830, que é cando se empeza a facer este estudio, era Xosé Álvarez Pérez, de Pereda; este estaría hasta finais de 1.861 que sería substituído polo ecónomo (que suple unha vacante), Vicente Pérez. O seguinte prior foi Raúl Fernandez Pérez, de 1.862 a 1.867 e, xa hasta 1.899, estivera Vicente Álvarez. Dicir que, aparte dos priores, sempre había algún mais, fose capelán, frade ou arcipreste para axudar ao superior. Hai que pensar que a parroquia de Cartelle compúñase daquelas de catorce pobos, que podían sumar máis de dúas mil almas. Estes axudantes terían todos o mesmo dereito a dicir misa, bautizar, casar e celebrar os enterros que o superior. Aínda que as actas estaban sempre firmadas polo prior, tamén aparecía a veces, o nome do seu acólito ao principio e a súa firma ao final, exemplo:


Nos vinte anos que van de 1.882 a 1.902 aparecen rexistros en Santomé de noventa e nove actas de defunción, corenta e sete de mulleres e cincuenta e dúas de homes; deses, quince eran nenos entre poucos meses e seis anos. A media de idade dos adultos que falecían era de cincuenta e cinco anos. Só había unha muller que chegou a vivir oitenta, mentres que morreron nove mozos e unha moza de arredor de trinta anos estando solteiros; outra muller morrería de parto aos trinta e cinco. As causas da morte, segundo aclaraban algúns curas nas actas, serían: pulmonía, cáncer, problemas intestinais, gastroenterite, costado, afección cardíaca, febre perniciosa, febre gástrica, febre tifoidea, pleurites (pleura), bronquites aguda, conxestión cerebral, etc.

Desas causas só informaban algúns curas; outros dábanlle mais importancia ao feito de si habían recibido os últimos sacramentos en vida ou tiveran que administrarllos despois de mortos. Había algún caso que o detallaban así: «recibió los Santos Sacramentos sin confesarse por no avisar a tiempo y se le administraron el mismo día de los funerales». Tamén dependía do cura o estenderse mais ou menos nos rexistros, relatando o parentesco do defunto ou si deixaran ou non testamento feito; había algúns que detallaban máis o seu estado: solteiro, casado ou viúvo, incluso si se casara mais dunha vez e fillos que deixaba.

Algúns tamén acostumaban poñer ao final das actas o número de señores sacerdotes que asistiran ao funeral. Chamaba a atención que en ningún caso eran menos de cinco, había varios entre sete e dez e un que chegara a ter dez e seis. Os enterros de homes case sempre eran asistidos por máis curas que os das mulleres. Tamén, hasta non fai moito, se valoraba se un enterro había sido máis ou menos “bo”, pola diferencia de homes e mulleres entre a súa asistencia: mellor sempre cando había moitos homes; se supón que ese tipo de apreciación non sería inventado polas mulleres. ¡longa vida ao patriarcado!.

O libro de actas de defuntos que se está tratando, esténdese ata o ano 1.911 pero, despois de abril de 1.902, deixa de haber rexistros de veciños de Santomé e Terzas. A explicación podería estar en que a partires desa data xa se empeza a utilizar o cemiterio de Santomé, aínda que a súa igrexa non estaría rematada hasta 1.904. Dous dos últimos rexistros dese libro de defuntos que correspondían a Santomé eran matrimonio e morreran con só cinco días de diferencia: Xosé Dieguez Villar e Xoana Gonzalez Pérez casaran en Cartelle: 16/8/1.846 e tiveran catro fillos. O mais recoñecido, do que aínda hoxe se fala para referirse a súa familia de Santomé e Terzas, fora Mateo. Xosé faleceu: 03/01/1.889, e o seu enterro foi asistido por quince curas; mentres que no da súa muller, Xoana: 08/01/1.889 , serían dez.


Pero o récord de asistencia de clérigos ao seu enterro, vinte e dous, estaba en Rafael Ballesteros de Terzas, que morreu, 28/10/1.897. Rafael Ballesteros e Bernarda Villar, que morrería tres anos despois, 30/11/1.900, eran os avós paternos de Luzdivina, aquela moza que morrera en Santomé no ano da peste de 1.918 aos trinta e un anos e da que se falaba no capítulo (XI) de Familias casas e cousas. Unha das razóns da asistencia de tal número de curas a ese enterro, aparte da situación económica que tivesen, podía haber sido o feito de existir tamén un sacerdote nesa mesma familia: Antonio Bande Villar, fillo do primeiro matrimonio de Bernarda con Ignacio Bande. Ese cura, segundo consta ao marxe da acta de defunción de Bernarda, tamén deixaría pagadas cento unha misas pola alma da súa nai.


O traslado dos que morrían hasta o cemiterio de Cartelle, facíase normalmente co ataúde cargado ao lombo da xente mais moza e relevándose de cando en vez; aínda así habería que imaxinar como sería o estado daqueles camiños de pedras e terra, sobre todo no inverno, onde tamén había que atravesar o regueiro da Boullosa ou o río Gato coas súas crecidas. Un comentario popular que se facía hasta non fai moito era: Sempre ha de haber un bocado para os que o leven.   


Fabrica era o nome que daban para referirse á igrexa. Podería ser casualidade pero, por esas mesmas datas é cando empeza a haber constancia dos primeiros libros de rexistros de bautizos, vodas e enterros en Cartelle. Concretamente dese libro de bautizos falábase nun estudo publicado neste blog, 22/11/2.022, co título: Santomé no tempo (século XVII). Segundo a cadro da Diocese de Ourense de 1.909, o Cura que estaba en Cartelle chamábase Gervasio Cuquejo Nuñez, quen tería que atender a mil cinco centas almas, mentres que o de Santomé e Terzas era Xosé Feijóo Fernandez que se encargaría de tres centas trinta e oito. Nese mesmo cadro tamén estaban as asignacións en pesetas; a Cartelle pertenceríanlle nove centas ao clero e dúas centas ao culto; Santomé tiña asignadas cinco centas cincuenta ao clero e cento trinta ao culto.
    Por si quedaba algunha dúbida da existencia dunha capela en Santomé, xa que ningún dos nosos contemporáneos recordaba máis co nome do lugar, atopouse nun libro de Samuel Eiján: (Historia de Ribadavia y sus Alrededores), unha reseña que poñía o seguinte: Libro de Visitas y Fabrica que comienza en 1.693. La parroquia de Cartelle, una de las más importantes de la comarca, tiene a más de la iglesia parroquial, las capillas de Sto. Tomé, en el lugar del mismo nombre; la de S. Lorenzo en Valdaríz; la de S. Martín en la de este nombre; la de Santiago en el de Pereda; etc.


¡Que triste está a aldea,

que triste e que sola!

¡A terra sen froitos, a feira sen xente,

sen brazos o campo,

sen nenos a escola

 
 Curros Enriquez (Os mozos)



Texto por Luis de Olimpia





Moradelha editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)