Dito 67 : Outro touro
A Odisea de Petolo
¡Outro touro, Outro touro!
Contaba Serafín
que cando eran bombardeados polos avións alemáns, alcumados as Pavas, os homes
que estaban nas trincheiras tirábanse no chan e cubríanse como podían, pero
unha vez pasado o perigo, levantábanse eufóricos aplaudindo e berrándolle:
¡Outro touro, Outro touro!, esta sería a súa maneira de tourealos xa que no seu
bando os avións sempre andaron escasos.
« Venceredes pero non convenceredes.
Venceredes porque tedes sobrada forza bruta, pero non convenceredes porque
convencer significa persuadir. E para persuadir necesitades algo que vos falta
nesta loita, razón e dereito. Paréceme inútil pedirvos que pensedes en España.»
Miguel
de Unamuno
Despois dos anos
xa pasados, aínda hoxe se segue poñendo a Franco como o principal autor do
levantamento contra o goberno da Segunda República. Franco era un dos militares
mais notables do exercito naquel intre, había sido xefe de Estado Maior e
director da Academia Xeneral Militar. Pero había outros que podían rivalizar
con el, como Xosé Sanjurjo, Juan Yagüe ou Emilio Mola.
O mando para
dirixir a conspiración, despois de moitos contactos e reunións, recaera en
Sanjurjo. Dado que este estaba exiliado en Portugal, a
operación quedaría nas mans de Mola “o Director”. O día 20 de xullo Sanjurjo
morría preto de Cascais, ao despexar o avión que o levaba a Burgos para facerse
cargo do alzamento. Mola morrería dunha maneira moi parecida o 3 de xuño de
1937, ao estrelarse o avión que o trasladaba de Vitoria a Valladolid.
Nos días que
seguen de guerra, a sorte ou os méritos militares fan que Franco, no sur,
consiga pasar o groso do Exercito de África que e o mellor preparado; tamén
se lle atribúe o resultado das
negociacións con Mussolini e Hitler para conseguir axuda militar; mentres que
no norte, Mola pugnaba sen demasiada fortuna por chegar a Madrid.
E entonces cando
Franco, despois de haber conseguido diversos apoios políticos, plántea a
necesidade dun mando único. En dúas reunións celebradas en Salamanca os días 21
e 28 de setembro de 1936 sae investido como xefe dos Exércitos e do Goberno do
Estado.
Nunca se chegará
a saber que houbera pasado si fose calquera dos outros o elixido para gobernar
o país despois da guerra, en todo caso terían moi difícil igualar ou mellorar o
“palmarés” do ditador.
Despois da caída
de Largo Caballero, o 17 de maio de 1937, fórmase o primeiro Goberno de
Negrín, sendo presidente do Consello de Ministros e
Ministro de Facenda Juan Negrín e
Ministro de Defensa Indalecio Prieto do PSOE, partido o que pertencerían
dous ministros mais, pero onde tamén habería dous do PCE. O mesmo Negrín
acabaríase apoiando nos comunistas por estar el tamén na mesma liña de
disciplina e organización dese partido.
Na Batalla de Brunete, Serafín xa vai mandando unha compañía como tenente do
Batallón da 1ª Brigada Mixta, que empezara pertencendo o Quinto Rexemento de
Milicias Populares e acabaría formando
parte da XI División do novo Exercito Popular da República, constituído este na
maior parte, por soldados de ideoloxía comunista e tendo sempre como comandante
a Enrique Lister, sendo un dos seus comisarios Santiago Álvarez.
Con este cambio de
rumbo no novo goberno e no Exercito da Fronte Popular, a estratexia do
PCE gaña en organización e unidade, xa que consegue
aglutinar a todas as forzas leais a República, así como a mellorar as relacións
coa URSS e México para recibir axuda de armamento do que sempre estiveran en
desvantaxe co bando golpista.
A Batalla de Brunete, sería unha ofensiva
lanzada polo Exercito da República para diminuír a presión das forzas
sublevadas sobre Madrid, e unha manobra de “distracción” para aliviar a
situación na fronte do Cantábrico. O obxectivo solo se conseguiría en parte;
aínda que Franco tivera que desprazar parte das súas forzas ao fronte de Brunete,
estas conseguirían deter o avance republicano e retrasar en pouco mais dun mes
a ofensiva do Norte.
A Serafín
tocaríalle ser un dos primeiros en entrar na cidade xa que formaba parte das
forzas de choque do Batallón. Fora nunha
incursión na noite do 5 ao 6 de xullo de 1937, avanzar 10 quilómetros en campo
inimigo sen ser descubertos, plantarse a 300 metros de Brunete por sorpresa e
tomar posicións sen demasiada resistencia dos que o defendían.
Este sería solo o
comezo, o que ven despois e se estendería hasta o 25 de Xullo, sería unha
disputa de un e outro bando polos territorios conquistados, facendo que estes
foran cambiando varias veces de man, co consecuente desgaste e perda de
material e vidas humanas.
Aseguraba Serafín,
que nesta batalla sería onde mais preto estivo a República de gañar a guerra.
Que, nese momento da contenda, as forzas estaban bastante niveladas, tanto en
homes como en armamento e avións de combate. Que parte do plan ofensivo do
ataque previsto tivera o éxito esperado, pero faltara coordinación coas tropas
que tiñan que haber cortado Toledo e a estrada de Estremadura e, pola razón que
fora, estas non poderían conseguilo.
Ao final, os dous
bandos declararían haber gañado unha das batallas mais sanguentas da guerra
civil. Os republicanos haberían tido mais de 20.000 baixas entre mortos e
feridos e a perda de mais de 100 avións. As baixas dos sublevados serían de
17.000 e a perda de 25 aparatos. As Brigadas Internacionais non sairían mellor
paradas con 2.500 baixas, entre elas varios oficiais e comisarios políticos.
A 1ª Brigada Mixta
tamén estaría presente en Belchite atacando, o 24 de agosto, Fontes de Ebro sen
poder progresar. Logo pasaría a cubrir o sector de Alcañiz. A cidade, ou o que
quedaba dela, sería tomada temporalmente polo exercito da república o día 6 de
setembro de 1937.
Os escasos meses
que van desde o 6 de setembro ao 15 de decembro, sería o tempo que tiveran as forzas de choque da Fronte Popular para
recuperarse e preparar un novo ataque. A XI división que comandaba Lister a que
pertencía Serafín, estaba sendo unha das mais fogueadas por estar onde se libraban os combates mais encarnizados.
Esta vez sería en Teruel e os seus arredores que estaban a ser ocupados polo
exercito sublevado.
A Batalla de Teruel vai dende o 15 de
decembro de 1937 ao 22 de febreiro de 1938, esta consiste nunha ofensiva do
bando republicano, para desviar a atención dos sublevados que controlaban todo
o norte, e xa se preparaban para un ataque definitivo a Madrid. A razón de
elixir Teruel sería que esta cidade xa estaba practicamente rodeada polas
tropas da República igual que o resto de Aragón, ademais se sabía que non
estaba demasiado defendida.
Os republicanos
contaban con 100.000 homes en tres corpos de exercito, mentres que os
sublevados mantiñan a 11.000 dentro da cidade onde parte deles eran civís. A
pesar da gran diferenza, os sitiados resistirían mais de dúas semanas os
ataques republicanos, tempo que terían os sublevados para desprazar a tres
exércitos do norte a zona da batalla. Aparte destas forzas houbera outra que
afectaría aos dous bandos por igual, sería o inverno dese ano con xeadas e
nevadas que fixeran baixar as temperaturas a 20 graos baixo cero.
Teruel acabaría
sendo a única capital de provincia que conseguiría arrebatarlle a República aos
golpistas, pero tamén sería por pouco tempo, ademais a un prezo demasiado
elevado. Ao final a cidade converteuse nunha batalla de desgaste onde ambos
bandos consumiron homes e recursos nun escenario que apenas tiña valor
estratéxico nin militar.
Despois da perda
de Teruel polas tropas da República o 20 de febreiro de 1938, as forzas de
Franco lanzan a ofensiva de Aragón, onde irían varrendo as defensas
republicanas que van encontrando ao seu paso. O avance chega a Cataluña, ocupan
Lleida a pesar dunha forte resistencia, e o día 15 de abril alcanzan o
Mediterráneo, deixando cortado en dous o territorio republicano e illando
Cataluña.
<< A retirada de Aragón foi moi dura,
foi durísima para todos porque colleuna todo o inverno, e nos eramos unha forza
que estaba moi gastada, andabamos como se ve, en todo, había que organizarse e
prepararse e como as forzas mais vivas eran as nosas, as de Lister, as de
Campesino, de Tagüeña e de Manolín. Incluso os Gardas de Asalto ou os
Carabineiros que mandaba Galán; todas estas sempre foron unhas tropas leais,
leais a República.>>
O xeneral Vicente
Rojo, xefe do Estado Maior republicano, noutro intento de “distraer” ás tropas
franquistas no seu avance cara Valencia, deseña un plan para lanzar unha
ofensiva por sorpresa sobre as forzas rebeldes que controlaban a marxe dereita
do río Ebro. Isto supoñía cruzar o río e crear unha fronte de mais de 60
quilómetros dende Amposta a Ascó.
As forzas de
Lister, onde sempre estivera Serafín, co seu V Corpo de Exercito, cruzarían o
río por dezaseis puntos distintos entre Benisanet e Amposta. Para conseguilo
xuntaran 90 barcas onde cada unha levaba 10 homes así como pontes improvisados
co material dispoñible. O día 25 de xullo dunha noite sen lúa sería o indicado
para a maioría das tropas. A compañía que mandaba Serafín, había sido ascendido
a capitán o pasado mes de maio, cruza o río fronte a un pobo chamado Miravet;
de aí a Rasquera hasta as serras de Pandols e Cavalls onde terían lugar os
combates mais violentos e que durarían hasta o 18 de novembro.
Serafín resulta
ferido a consecuencia dun canonazo, a metralla entralle nunha xeonllo e parte
da cadeira esquerda, iso fai que sexa retirado da zona de combate para ser
hospitalizado, primeiro en Cambrils, logo en Tarragona para ser operado e ao
final en Barcelona. Cando se produce a retirada do exercito republicano,
encontrase nun hospital de Horta. Como xa lle pasara no Jarama, sálvase de
combater gran parte da batalla; esta ademais moito mais longa e cruenta. << Eu
estou convencido de que se non fora ferido a min mátanme na serra de Pandols,
como moitos compañeiros que quedaron alí. >>
Na retirada de
Horta a Rosas, camiño da fronteira francesa, Serafín e levado nunha ambulancia,
polo camiño vai vendo unha columna de xente dun lado e outro da estrada, onde
había miles de militares e civís, algúns que lle faltaba unha perna, un brazo
ou coa cabeza vendada. Os últimos quilómetros hasta Portbou, fainos andando
axudado por un caxato. Na tarde do día 9 de febreiro de 1939, cruza a fronteira
hasta Cerbere. Aínda quedarían dous meses para que Franco anunciara a súa
vitoria, pero a guerra facía xa tempo que estaba perdida para a República.
Cando Serafín fala da XI División de
Lister, faino con comentarios como estes: << nos fomos sempre acrisolados, fomos
unha forza democrática, de paz, con moita moral e moito respecto a todo o
mundo; eu polo menos falo da XI División, por onde pasamos combatemos
limpamente; non fomos a violar, non fomos a saquear nin roubar. En fronte a nos
sempre estivo o peor desta xente, vamos o mellor deles; estaba a IV e V
División de Navarra, eses eran malos de levantar da terra, agarrábanse ao que
fora, mentres que as forzas falanxistas eran as mais fuleras de todas.
Os mouros eran carne de canón, nas
trincheiras de Brunete estaban os mouros e alí quedaron; había moitas mulleres embarazadas deles,
dicíanolo elas mesmas. Os mouros tiñan carta branca, cando collían a alguén dos
nosos, liquidábano alí mesmo , nin prisioneiros nin hostias, uns asasinos iso e
o que eran >>.
Que Serafín era un
idealista era evidente,outra cousa sería saber como e desde cando se fixera
tal. Puido haber sido cando está en Paracuellos e decide irse a Madrid para
poñerse ao lado da República, tamén puido ser desde que escoita a Pasionaria
dicir: << nos sabemos polo que loitamos…>>; ou cando se encontra rodeado
de centos de compañeiros, mozos como el, que pensan como el e que, como el, se
senten identificados coa liña do que acabaría sendo o seu partido político de
por vida, o PCE.
Ademais idealista
utópico. Cando un o lembra contando a súa vida, ou cando escoita as súas verbas
gravadas nunhas cintas, deixa a sensación de que a guerra podíase haber gañado,
e que Europa podía salvarse do fascismo seguindo o réxime de política do
partido que el representaba. Loitar por ese ideal e defender esa quimera, honraríao
como persoa, pero a realidade era que ningún dos outros partidos da Fronte
Popular, se “levaba” cos comunistas e, quitando a URSS, ningún país de Europa
quería oír falar de comunismo.
Hai unha frase que
repite Serafín mais dunha vez: <<
nos fomos derrotados, pero non vencidos >>. Se supón que o que quere
dicir con isto e un pouco o mesmo do que lle di Unamuno aos fascistas que se
atopan na universidade de Salamanca: «
Venceredes pero non convenceredes ». Derrotados nas batallas pola sobrada
forza bruta, pero non vencidos polo dereito ou a razón. Unha cousa si e segura,
e el sabíao mellor que ninguén, foran derrotados ou vencidos, el sempre estivo
no bando que había que estar.
De
todas as historias da Historia a máis triste sen dúbida é a de España, porque
termina mal.
Jaime Gil de Biedma
Como Ulises, Serafín daría por
acabada a guerra pero aínda tardaría 20 anos en regresar a súa (Ítaca) Terzas. Diante quedaría un duro exilio, outra volta as armas e un longo encerro nas
cadeas de Franco. A Odisea continuaba…

