Dito 96 : Relato documentado
Chovía forte naquela noite do dez de marzo de 1934 cando chamaron á porta
da casa do alcalde pedáneo de Ramiras os axentes de policía Benito Alejos
Estevez e Juan Santos Mendez, estes irían vestidos de paisano e querían que
alguén de confianza os guiase á casa de Xosé Villar Dieguez (o Furriqueira),
veciño tamén do lugar. A idea da policía era detelo como presunto autor dun
crime cometido facía xa varios días nos arredores de Velle. O encargado de
acompañalos acabou sendo o fillo do pedáneo, Máximo Dieguez Pérez. Unha vez á
beira da casa, colocaríanse nalgún punto estratéxico para esperar ao presunto
criminal.
Mais ou menos a esa mesma hora, dez da noite e co mesmo obxectivo, habían
saído do posto da garda civil de Barbantes o cabo Ramón Varela e os gardas Xosé
Álvarez Sousa e Francisco Pérez Heras, acompañaríaos como guía e confidente
Baldomero Ferro Álvarez, veciño tamén de Ramiras. Tanto uns como os outros
ignoraban que podían coincidir alí para efectuar aquel servizo que trataban de
levar a cabo no mais grande secreto.
Cando os axentes de policía
divisaron as siluetas dun grupo de homes achegándose á casa, deron o “alto á policía” pensando que alí podía
estar o Furriqueira. A benemérita
respondeu co “alto á garda civil”.
Dende ese momento, sen dúbida créndose uns e outros enganados, empezaron a soar
disparos das dúas partes e o tiroteo acabaría sendo xeneralizado á vez que
gardas e policías tratarían de esquivar a agresión.
No grupo dos gardas alguén gritou
“mataron ao cabo”, e nese momento xa
habían caído feridos o axente Alejos Estevez e o confidente Baldomero Ferro. O
outro axente ao ver que lle deran o seu compañeiro e os gardas seguían a
disparar, puxérase a salvo favorecido pola choiva e a escuridade pero tivera
que esconderse polo medo aos veciños que saíran á rúa cando escoitaron os
disparos e culpábano a el de todo o que estaba a suceder, hasta que este tivera
a ocasión de probar a súa inocencia confirmando que era policía. Máximo xa
había escapado cos primeiros disparos e volvera a súa casa para dar conta da
traxedia, nesa mesma casa tamén se atoparía o chofer do coche onde se
desprazaran os dous axentes desde Ourense.
O cabo da garda civil recibira un
balazo no peito que lle atravesara o corazón e morrería naquel mesmo instante,
nacera en Sobrado do Obispo, estaba casado e tiñan oito fillos, o maior contaba
quince anos. O axente de policía tiña unha bala aloxada nunha perna pero non
era grave. Baldomero sufrira unha ferida moi grave na barriga por un proxectil
que lle perforaría o intestino por catro sitios, o que lle acabaría provocando
a súa morte ao cabo duns días, estaba casado e tiñan unha filla de dezanove
anos.
Tres días despois o presunto
criminal e causante daquela desgraciada liorta sería detido polos propios
veciños de Ramiras sen apenas opor resistencia. Segundo el mesmo acabara
contando mais tarde, sempre estivera preto dos acontecementos, hasta o punto de
estar presenciando o enterro de Baldomero dende un monte preto do lugar. Os
encargados de entregalo ás autoridades foran Amancio Rodriguez de 33 anos e Máximo
Dieguez.
O Furriqueira tamén acabaría
confesando que fora el o que había matado nunha pelexa a un veciño de Piñor de
Cea coñecido polo alcume de Bertoldino que, como el mesmo, xa era posuidor de malos
antecedentes ante a policía. O cadáver aparecera coa cara desfigurada no pobo
de Vilariño, preto de Velle. O motivo sería pola disputa do “botín”: unha
becerra e unha ovella que apareceran atadas a unha árbore ao lado do corpo de Bertoldino
e que ambos roubaran días atrás nunha casa preto dos Peares.
Puidera parecer que cando un
escribe este tipo de crónicas,
falando do que ocorrera tempos atrás en Santomé ou nos pobos dos arredores,
acabase case sempre contando desgracias e moi poucas veces cousas boas ou
graciosas, que seguro que tamén habería, aínda que iso podería ter varias
explicacións: resulta que para escribir sobre algo que fai xa moitos anos que
aconteceu solo existen dúas maneiras de facelo, falar con alguén que aínda viva
e que recorde ben eses feitos ou recorrer ás hemerotecas, como se fixo aquí,
onde se podería encontrar algunha información relacionada e fiable, e como se
sabe, o tipo de noticias que podían dar os periódicos destes lugares sempre
aparecerían nas paxinas de sucesos.
Neste caso concreto notouse unha
gran diferencia entre o contado por xente que recordaba un pouco do sucedido en
Ramiras nesas datas, co que aínda hoxe se podería atopar na prensa da época.
Sen querer entrar en detalles, solo dicir que as persoas que podían andar polos
oito ou dez anos cando aconteceu o suceso e se lle preguntou sobre o tema, en
ningún caso recordan que o criminal que buscaban as autoridades fose veciño do
lugar; un incluso asegura que era alguén da comarca de Celanova que sempre
tivera fama de malfeitor. Cando iso non se sostén porque ese personaxe
xa non existía cando ocorrera o de Ramiras.
Parece moi común que cando a
alguén lle sucedeu algo importante ou transcendental que contar, as primeiras
veces adoita facelo tal e como podía haber ocorrido, pero despois de habelo
repetido moito ao longo da súa vida, acaba contando o que recorda que contaba,
e como o contaba. Si a maiores a historia se vai pasando dun a outro individuo,
poderíase acabar contando unha versión que non tería moito que ver co sucedido.
«Por iso as historias solo existen
por completo cando se escriben».
Xosé Villar Dieguez si que era de
Ramiras, nacera en 1901 e cando tiña once anos fora maltratado por unha tal
Carmen Pérez Outomuro, non se sabe si esta sería ou non familiar del.
Sexa como fose a verdade é que os
veciños dun e doutro lugar sempre conxeniarían ben entre eles, ata o punto de
intercambiar os poucos servizos que podía haber, acudir ás festas e velorios ou
emparellarse mulleres e homes.
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)
.jpg)