Dito 97 : Os devanceiros
Ollero
aquí non sería un apelido, era un oficio (oleiro),
que facía olas de barro, en Santomé había dezaseis rexistrados, todos homes,
pero solo no escrito, a realidade sería
ben distinta.
Nun estudo publicado neste mesmo blog co título de oliñas veñen e van (22/5/2020),
se sostiña que maiormente serían as mulleres as que máis se dedicaban a este
oficio, mentres que o traballo dos homes limitaríase en axudarlle a buscar o
barro e cocer as olas xa rematadas nos tres fornos comúns que houbera no lugar.
Que a muller quedase relegada neste tipo de
documentos, pode apreciarse tamén comparando no gráfico: Juan Gago era zapateiro, José Pérez e Juan López oleiros; aos homes sempre lles asignaban
unha profesión, mentres que Juana
Pérez, que tamén sería propietaria, aparece aí solo como viúva, a idade que ten, e vivindo con catro fillos menores de idade
ademais de cunha filla casada con Benito Diéguez, xornaleiro de vinte e dous anos, o nome nin a idade da filla non
aparecen, ao mellor ía ser pola protección de datos.
Dos 59
propietarios rexistrados, 21 tiñan como profesión labrego, 16 oleiros, 11 xornaleiros, dous taberneiros/carniceiros,
un carpinteiro, un zapateiro e un castrador, o resto serían mulleres, viúvas ou solteiras.
Na imaxe aparece o pequeno propietario Pedro Estévez de San Thome, así era como escribían
daquelas o nome do pobo, aínda que a veces poñían todo xunto Santhome, e tamén Santhome do Rosedo. Pedro tiña 62 anos, quedara viúvo e traballaba
de carpinteiro; era pai de dous
fillos, un menor de idade e outro de 30 anos chamado Gabriel, casado e cun
fillo pequeno que vivirían na mesma casa. Tamén se poden ver dúas das 44 fincas
que posuía rexistradas: unha de
regadío de medio ferrado no Ribeiro e, no mesmo sitio, un cuarto de monte con
carballos. Lindaba L. con María Sousa, P. Manoel Pérez, N. arroio e M. comunal. As iniciais querían dicir: L, levante=Este; P, poñente=Oeste; N =Norte e M, Meridiano=Sur. Os símbolos que aparecen a esquerda da imaxe representaban a forma que
tería a leira, e a información de dentro a superficie en ferrados, medios ou
cuartos.
Casas tiña tres, unha con alto, servizo de
cociña e cortes para o gando que medía seis varas na fronte Fr por catro de fondo F (30 m2), lindaba Dr. con Juan Bande e Iz. con
Francisco Hermida, por esta pagaba once reais ao ano; outra terrea de seis por
sete varas (53 m2), Dr. Bartolomé Hermida, Iz. Camiño, esta cunha parra pagaba seis
reais, e tiña outra terrea de catro por catro varas (20 m2), Dr. e Iz. Juan Villar, esta tamén con parra pagaba cinco reais.
Dos bois que se enumeran, moitos deles eran
propiedade das familias pero outros estaban en apracería (a medias), con outros veciños. Francisco Hermida de
Santome, aparte de dous bois da súa propiedade, tiña outros doce en apracería con familias do lugar e tamén
de Terzas, Pereda ou Cartelle. Juan Villar, tamén de Santomé, sería outro dos
propietarios que farían o mesmo.