Dito 103 : Familias, casas e cousas (I)
Familias, casas e
cousas (1)
A casa que queda detrás do
cruceiro de Santomé fora de Saladina e de seu home, Delmiro Fernández Méndez,
de Macendo. Tamén na igrexa de Macendo sería onde casaran o día de Santo Tomás
de mil novecentos vinte. Saladina Yañez Rodriguez nacera o día nove de setembro
de mil oitocentos noventa e seis e foi bautizada dous días despois na igrexa de
Cartelle. O matrimonio tivo, que se saiba,
tres fillos, unha muller e dous homes. Saladina tamén era irmá de David (o
Gaiteiro), seus pais chamábanse Xosé e Preciosa.
Antes de nada dicir que estes
datos, e outros que irán aparecendo, están recollidos do Arquivo Histórico
Diocesano de Ourense. Veñen a ser libros de rexistro de bautismos e casamentos
celebrados na parroquia de Cartelle nunha época que aínda non existía a de
Santomé. Dicir tamén que, segundo a lei de protección de datos, neste arquivo
non se poderían consultar rexistros dos últimos cen anos.
O sentido que teñen estas paxinas,
non sería tanto o de querer dar unha “información” que calquera interesado podería
conseguir si quixese nese mesmo lugar, senón profundar algo mais falando dun
tempo pasado e da vida dun pobo coas súas xentes que precederon á nosa época.
Así poderán verse historias de familias, casas onde viviran e incluso anécdotas
que se fosen recollendo en conversas con xentes que xa non están.
Fronte ao cruceiro e do outro lado
da rúa estaba a casa que fóra de Isabel e Severino. Isabel era a filla mais
nova de Juan Armada e María Villar, que chegaran a ter catro pero dúas, Xulia e
Elvira, faleceran ao pouco de nacer. O outro irmán, Antonio, acabaría casando
coa tía Otilia. Severino Dieguez Bande naceu o seis do Nadal de mil oitocentos
sesenta e oito, seus pais chamábanse Juan e Inocencia que tiveran catro fillos
máis: Matilde, Tomás, Amalia e Valentín. Isabel e Severino tiveron, que se saiba, catro, tres mulleres e un
home
Durante parte do tempo que
Severino e Isabel viviran no Cruceiro, Lino García tamén abrira unha tenda bar
fronte a súa casa, que mais tarde acabaría cambiando pola do lado, a que
habitara Xosé Monea coa súa familia. Os camións que viñan desde Ourense con
mercadorías para a tenda de Lino, baixaban dende o Mesón pola Castiñeira e
tiñan que dar a volta no Cruceiro para volver subir de cara. Como o espazo era
tan xusto, a veces tocaban nas paredes das casas da tía Saladina e da tía
Isabel e, para que isto non ocorrera, cada unha das mulleres poñíase pegada a
súa casa entre o camión e a parede, feito que volvería a manobra totalmente
imposible e, mais dunha vez houbera que recorrer aos homes do lugar, que
daquelas habería moitos, para axudar ao camión a virar.
Sempre no Cruceiro, pero ao seu
lado dereito, estaba a casa dos García. O apelido García aínda non aparecía en
ningún dos nomes da xente de Santomé no Catastro de Ensenada (1752). A rama que
se coñece no lugar procede do pobo da Seara, nos arredores de 1830. Xulián
García Seara era fillo de Ignacio García e Xosefa Seara, naturais da Seara.
Xulián casou con Xosefa Pérez, filla de Lázaro Pérez e Xosefa Dieguez, de
Ramiras. Non se sabe a razón pola que chegaran a vivir en Santomé, pero non serían
os únicos que fixesen algo parecido.
O matrimonio tivera, que se saiba, dous fillos: Miguel e
Lino. Lino García Pérez naceu en Santomé o vinte e cinco de setembro de mil
oitocentos sesenta e dous. Estudou, fíxose mestre e puxera escola en Seixadas hasta
o seu falecemento dun cólico de apendicite, ocorrido nesa mesma escola. Antes
de que iso sucedera, incluso de solteiro, aparece de padriño nos bautizos de
varios nenos e nenas que nacían no lugar, entre eles, a tía Saladina ou Lino
Dieguez, fillo da tía Estrela.
O nove de novembro de mil
oitocentos noventa e oito, cando contaba trinta e seis anos, casara en Cartelle
con Xosefa Araujo Cobelas (tía Pepa), de vinte e cinco, veciña de Pereda. Dese
matrimonio naceran, que se saiba,
cinco fillos: María, Bautista, Elvira, Xulián e Alfredo. Os tres
últimos acabaran emigrando cara Arxentina, e por alá quedarían. Bautista sería
mais coñecido como o mestre da Cruz
mentres que María Virxinia García Araujo, tía
María, casou no anexo de Santomé o catro de marzo de mil novecentos
dezanove con Antonio Dieguez, o Vertelo
e tiveron, que se saiba, sete fillos,
cinco mulleres e dous homes. O apelido aínda segue perdurando hoxe nesas
xentes, pero con vías a desaparecer xa que os nomes das persoas que o manteñen
úsano como segundo.
Un deses fillos, Antonio, emigrara
á Arxentina de moi novo e, despois de botar alá unha temporada, volvera sendo
aínda mozo pero minguadas as súas facultades mentais. Aínda así puidera levar
unha vida “normalizada”, sen ingresos en centros de saúde e sen apenas
medicación. Serían rechamantes os seus “monólogos” no corredor da casa ou
sentado nunha pedra do Cruceiro, preguntándose e respondéndose a si mesmo, sen
meterse con ninguén, incluso interrompendo a súa conversa particular para
devolverlle o saúdo a alguén que pasase por alí.
Durante un tempo déraselle por
vestirse de militar, así como poñer en letras grandes feitas de chapas de
gasosa ou cervexa cravadas na parede da súa casa: viva Franco ou arriba España, tamén se lle daba ben facer frautas
con madeira de sabugueiro e aneis con calquera tipo de metais que conseguise.
Un día que fora a Ourense, acostumaba a facelo aos domingos dende que había
coche de liña, vestírase cunha chaqueta e gorra de militar con galóns e
estrelas feitas por el mesmo. De paseo pola alameda atopárase con Xulio Rexente
e dous compañeiros mais que estaban a cumprir o servizo militar no cuartel de
San Francisco.
Antonio cando viu a Xullo foi
saúdalo pero os que ían con el pasarían por un momento de apuro ao non ser
capaces de identificar o grado militar do seu amigo, xa que vían moitas
estrelas pero con demasiadas puntas que non correspondían a ningún dos rangos
que eles coñecían. Au final acabáranse cadrando coa frase: «a sus órdenes»,
á que Antonio respondera: «tranquilos
raparigos que non é para tanto».
A razón de empezar polo Cruceiro a falar destas xentes e casas do lugar, non sería por casualidade. O
Cruceiro debeu de ser desde a súa creación o quilometro cero onde
arrancaban todas as rúas: fose cara o Fondo do Lugar, a Capilla, a Oliveira, o
Curro, ou a Castiñeira pola rúa dos Oleiros, (calle de los alfareros), nos escritos da época, ou (calle de los ricos) como, hasta non fai
moito, rezaría así na parede dunha das casas.
Ricos en Santomé non había, o que si había eran familias que terían para
comer ao longo de todo o ano e outras que pasarían fame. As primeiras puideran haber
resultado mais agraciadas polas herdanzas recibidas de seus pais e así dispoñer
de mais terras ou gando, o que non lle quitaría o esforzo de traballar esas
terras e manter ese gando día a día. As segundas terían que recorrer ao seu
enxeño e aínda mais esforzo para administrar as súas necesidades. Aínda así,
unhas e as outras dependerían, máis ou menos, dos ingresos en forma de diñeiro
que lles podía reportar algún oficio de canteiro, carpinteiro, oleiro ou
xornaleiro, xa que a economía que tiñan era de subsistencia e autoconsumo que
en poucos casos daría para comprar roupa, calzado, aceite ou azucre.
A frase: (que se
saiba), que aparece cando se enumeran os fillos dos matrimonios, faise
porque neses tempos habería bastantes nacidos que non chegarían a bautizarse
porque falecían antes, así como algúns que non aparecen rexistrados nesta
franxa de tempo e poderían aparecer noutra.



