Dito 27 : A infancia
Que bonita é a infancia
(Felicitas dixit)
A infancia
Miña infancia son recordos
do enxido de Angelina,
cunha horta moi enxebre,
chea de berzas
Cun laranxo de ornamento
diante a porta da cociña,
e a duras penas medraba,
un limoeiro
Unha pereira e figueira,
e unha vella maceira
que non paraba de darmos
mazás da libra
Un galo con media ducia
de galiñas remexían
pola terra ó rebusco
dun complemento
Chícharos e garavanzos,
patacas e mais xudías
pexegos e mais pavías,
xudías do cedo
Ameixeira e fatoeiro,
e no medio do enxido,
unha moi alta cerdeira
de atalaia
onde moitas veces subín,
houbera cereixas ou non
e que tamén dela caín
bicando o chan
Coronaba subir, tan só
para ver mellor os montes,
de A Seara, e as serras,
As Teixugueiras
As cociñas fumegando,
Seixadas e Seixadelas,
as árbores do Carballal
e do Bagullo
E ó lonxe os outeiros
de Castromao aliñados
xa cos lindes de Lindoso,
máis alá o Xurés
Ao lonxe, lonxe, Portugal
As paisaxes daquel solpor,
ollando cara a Novelle
piñeiros abaneando,
fungar do vento
As melodías de Pondal
no ar da costa da Serra,
Costa da Poza o camiño,
polo nacente
Aqueles eidos de horta,
a veiga chea de viñas,
arrecendo de piñeiral,
máis poesía
O Moro, aquel can tan fiel,
deitado ó pé da cerdeira,
ouveaba de cando en vez
ollando para min
coma se quixera guichar,
el tamén dende enriba,
e sentirse un paxaro,
un can voador
Tamén lles ouveaba ós
cadelos que noreaban
camiño da Castiñeira
ou do Barreiro
Os meniños raspabamos
a pota das papas millas,
cocidas na lareira
dispois de cear
E mollabamos códeas
de aquela bica quente,
no leitiño pola mañán
antes da escola
Aqueles tempos, tempiños,
que xa nunca han de volver.
Os meniños non saben de
rifas nin guerras
só saben vivir e xogar,
só saben ollar, observar,
só teñen curiosidade
de libertade
Que bonita é a infancia !,
en todo tempo,
en todo lugar.
-- o --
Á Nai Angelina in memoriam
Foto:/ No enxido da Moradella, ollando cara o sur
Moradella editora
