Dito 32 : Herdeiros da Cruz
Saíndo do Barreiro cara os Feás, si miras a túa dereita verás unha cruz de madeira, moi axada xa polo tempo pasado, suxeita no balado de pedra que cerca o monte dos herdeiros da Tía Jovita.
Antigamente o camiño discorría pegado o balado, e cando pasabas por alí non podías evitar un calafrío no corpo ao mirala, tamén un certo respecto e hasta medo polas historias que oias contar sobre o que pasara ou puido haber pasado naquel sinistro lugar.
Do que non había dubidas era de que alí, pouco antes de estallar a guerra civil, habían matado a un home dun tiro de pistola, outra cousa era saber quen o fixera e o motivo de porque o fixo. Aí, as versións que daban as diferentes persoas que vivían nesa época eran todas moi confusas, tamén se notaba moito segredo e incluso reparo a dar nomes de xente ou familiares.
Dende o mesmo Barreiro, pero volvendo cara o Mesón, e xusto a dereita antes de chegar as primeiras casas, había un palleiro en terreo comunal, propiedade dun veciño chamado Manuel e alcumado (o Bolero) e da súa irmá Asunción, os dous vivían no Mesón nunha casa que había mais ou menos onde está agora a de Antonio e Alicia.
Na casa que fai esquina co camiño vello que ía a Ramiras, a que agora e de Rosa de Herminio, vivía e tiña a carnicería o Tío Delmiro, este quedara viúvo da primeira muller e volvera a casarse outra vez ca tía Estrella. Tamén tiña un criado que lle axudaba coa carnicería.
Parece ser que o Tío Delmiro estaba moi interesado no terreo comunal que incluía a zona onde se encontraba o palleiro do Bolero e este non estaba nada disposto a cederllo pola oferta que lle viña ofrecendo, polo que debía de existir, dende facía tempo, un litixio entre estas dúas familias que puido haber derivado nun dramático desenlace.
A denuncia ante a xustiza que no seu tempo fixeran os familiares do Bolero contra o Tío Delmiro acusado de matar ou haber mandado matar o dito Bolero, puido incluír tamén ao criado. Houbo un xuízo en Ourense con testemuñas das partes onde os acusados quedaron absoltos por falta de probas.
Ademais do Tío Delmiro e o criado había outro probable sospeitoso que podía ser familiar. O brazo executor puido haber sido calquera dos tres, se sabía que un deles era posuidor de unha pistola, aínda que iso non aseguraba que fora este. Do criado se dicía que tiña un pronto bastante violento pero ninguén o viu facelo, ou si o viron, pola razón que fora nunca o dixeron.
Como nun trhiller de suspense e misterio, que cada quen quite as súas conclusións.
Parentescos:
O Tío Delmiro era irmán por parte de pai da Tía Fedelina, (miña aboa), Vitorina que morreu na Habana e Florinda, dona do Tío Remigio. Do primeiro matrimonio coa Tía Ánxela tiveron unha filla chamada Celsa que acabou casando co Tío Senén de Cartelle.
Ao cabo de un tempo volveu a casarse, esta vez coa Tía Estrella, nai da Tía Felicita, Tía Anxelina Pepe e Celsa de Longines.
Asunción, irmá do Bolero, casouse cun garda rural da Bouza chamado Benito e alcumado Fankín. Despois do sucedido, seguiron habitando a mesma casa do Mesón, mais tarde acabaron vivindo na Bouza. A estes eu chegueinos a coñecer. De Asunción recordo que andaba sempre con unha cabra detrás dela.
O criado chamábase Emilio e era irmán de Laudino Tasqueiro de Terzas.
Nota 1:
O título, aínda que podía parecelo, non ten nada que ver co grupo galego de rock dos anos 90. Ocorréuseme porque mais ou menos, todos os que recordamos esa época, fomos, aínda somos un pouco os herdeiros daquela cruz.
Nota 2:
Si isto chegase a aparecer algún día en calquera medio público e houbera alguén que se dise por aludido ou ofendido, que saiba que nada mais lonxe da miña intención. Eu solo intento ser un mensaxeiro do que estiven oíndo contar ao largo de todos estes anos. Tamén recoñecería como posibles outras versións que difiran das que me contaron a min.
Texto by Luis de Olimpia
Foto : / Tangue La Chiva, no camiño dos Feás, baixando de cara ó Barreiro
6 de Xullo do 2019
Moradella editora