Dito 109 : Familias, casas e cousas (VI)

 


Familias, casas e cousas (VI)

    No Curro

Cando un pasaba polo medio do Curro a mediados de 1950, aínda se podía ver a un home paseando dun lado ao outro do seu corredor de madeira, vestido sempre cunha certa elegancia e sempre, fixese frío ou calor, cuberto cun sombreiro estilo cubano. O tío Venancio xa levaba moitos anos cumpridos, nacera en 1870, pero a súa figura erguida non acusaba o paso do tempo, como sí fixera con moitos dos seus contemporáneos que levaran unha vida ligada sempre aos traballos duros do campo. El nacera, casara e tivera familia en Santomé, pero daba a sensación de que pasara polo Lugar sen que o Lugar pasase por el.

Venancio, 9/12/1870, era o primoxénito dos nove fillos que tiveran Fernando Martinez López e Martina Gonzalez Armada. Logo virían oito mais: Estrella, 8/1/1873; Florinda, 8/8/1876; morreu 26/9/1877; outra vez Estrella, 5/1/1878; Rafael, 10/10/1880; Ramón, 1/10/1882, morreu 3/9/1884, Vítor, 27/10/1884, morreu 27/4/1885; María, 2/12/1886, e Jaime, 9/12/1891.

A razón de que existan dúas actas de bautismo de Estrella cos mesmos parentes pero con diferentes datas, puido ser que a primeira falecera nesa franxa de tempo que tarda en nacer a segunda, pero a súa morte non aparece rexistrada. Da tía Estrela e da súa descendencia haberá mais que dicir cando toque pasar polas que foran as súas vivendas. De Rafael e Jaime non aparecen descendentes. María casou, 10/1/1916, con Pedro Regalado (Regalo), que tamén se comentará algo mais cando se ande polo Fondo do Lugar e polo Taller.


Venancio Martinez Gonzalez e Rosa Orozco Nieves, 18/6/1866, casaron na igrexa de Cartelle, 6/12/1896, e tiveron, que se saiba, catro fillos: Vítor (tío Vito), 17/7/1897; Hermelinda, (tía Hermelinda), Alfredo, (home da tía Celsa da Capilla) e Secundino (do Mesón). O pai de Rosa, Martín Orozco, casara antes con Rosa Cobelas e tiveran dous fillos, logo casou con Leonor Nieves, nai de Rosa, e terían oito mais. Non se vai detallar agora a evolución deses descendentes pero, ao ser tantos, algúns deles irán aparecendo en mais dunha familia.

Segundo a RAG, curro podía ser sinónimo de curral, curruncho, ou unha cerca onde se garda o gando que anda solto no monte. O patio que se ve na foto podería haber feito calquera desas funcións no pasado e de aí darlle nome ao barrio, pero seguro que nos últimos séculos acabaría facendo a mesma función de calquera outro patio do lugar; prestar servizo e desfrute ás familias coas facendas que o habitaron.

Fronte a casa de Venancio, á dereita da entrada dese patio vivía María Fernández (Barqueira); non hai datos de quen foi seu home pero se sabe que tiveran catro fillos: Pepe, que casou e foi a vivir a Seixadelas, Lola, morreu sendo moza, Dolores (Barqueira)  e Carmen, (nai de Julio).

No resto que queda do patio vivira a familia Seijo/Fernandez. Benxamín Seijo Souto, de vinte e cinco anos, fillo de Genaro Seijo de Toén e Carmen Souto de Xestosa, casara na igrexa de Santa Eufemia de Ourense, 14/5/1898, con Xenerosa Fernandez Armada, 22/12/1878, de vinte. O pai de Xenerosa, Xosé, era da Bouza (Macendo), a nai, Dolores, era de Santomé; Pola razón que fose, o matrimonio acabaría vivindo no Curro onde tamén naceran os seus descendentes: Xosé (morrera na guerra de África), Eladio, Vicenta, Manolo e Amancio.


Amancio casara con Florinda (Monea) e viviran contra o medio dese patio, mentres que Manolo casou con Carmen de Seixadelas, (parente do Pantumino) e vivían ao fondo; Vicenta casara co tío Julio de Terzas, onde tamén se fora a vivir, mentres que Eladio, elixira o pobo da súa avoa, Xestosa. Unha parte da vivenda de Amancio e familia daba á rúa do Curro; no patio, sempre cuberto cunha parra, tiñan a cociña, bodega, cortes para o gando e palleiro. Manolo estivera uns anos en Venezuela, cando volveu ampliaran a súa vivenda dándolle tamén entrada/saída polo lado da Castiñeira.

Como na familia Seijo nin na familia Fernandez se pode falar de ascendentes, por ser forasteiros, comentarase algo dos Armada, apelido moi frecuente en Santomé desde bastantes anos atrás. Dolores, nai de Xenerosa, era unha das cinco fillas que tiveran Eugenio Armada e Vicenta Dieguez, o sexto fora home. Algunhas desas mulleres acabarían tendo descendentes coñecidos: Natalia era a nai de Xosé Febrero, (o mestre), polo tanto avoa de Antonio, (morrera en Mathausen), Laudino Cazote e Pepe Motora. Carlota fora a nai de Etelvina (a Poteira), e Avelina, outra das irmas de Dolores, era nai de Emilia, primeira muller do tío Delmiro e de Bernarda, das que xa se falaba no capítulo anterior
   
Dolores tivera dúas fillas do seu primeiro matrimonio con Pedro Nieves, veciño de Xinzo (Sabucedo): Socorro,14/8/1866, e Asunción, 10/8/1868. Logo casou con Xosé Fernandez da Bouza e tiveran tres mais: dous xemelos, Castor e Germán, 17/2/1877; Castor morreu 1/4/1877, e Germán o 14/10/1877; a última en nacer foi Xenerosa.
    
Dos vinte e tres nenos e nenas de Santomé que aparecen nas actas de bautismo que van de abril de 1874 a novembro de 1877, doce morreran a finais do verán e principios de outono de 1877; iso sería algo anormal xa que supoñía mais do 50%, cando normalmente rondaban un 25%. Notar que estes serían nacidos bautizados, cando seguramente morresen algúns mais  sen bautizar. A mortalidade infantil ocurrida neses poucos meses tivo, por forza, que coincidir con algún tipo de peste ou enfermidade infeciosa, como a varicela ou o sarampión, xa que daquelas aínda non debían de existir vacunas.


Xa no último tramo do Curro hasta o Cruceiro: na casa que se ve á dereita da foto, vivira Secundino da tía Celsa coa súa primeira muller, Carmen (Purrela) de Ramiras. Pola escaleira que está un pouco mais adiante accedíase ao palleiro do tío Julio, no baixo tiñan a bodega a familia da tía Consuelo (Civiles). O muro da esquerda viña a ser a parte de atrás da finca dos Rexentes, que mais que finca era unha canteira de penedos. A casa que se ve ao fondo, fora nalgún tempo o primeiro bar que abriran Lino García coa súa muller, Pura do Carballal, no baixo tiveran a tenda hasta que se acabaran cambiando para o outro lado da rúa.

Para alguén que nunca chegou a coñecer ao home da foto poderíase preguntar que é o que esta a facer aí sentado nesa posición: coa banqueta tombada, cruzadas as mans, en zapatillas e coa sensación de ter a vista fixa nalgún punto concreto. Pero os que chegamos a coñecer a ese Home, non dubidamos no que está a facer: está cavilando, reflexionando, pensando. Este non era home de moitas palabras, pero cando falaba facíao con profundidade, porque antes estivera cavilando, reflexionando, pensando.


Homo sapiens (pensador do Curro)



Texto por Luis de Olimpia




Moradelha editora




Publicacións populares deste blog

Dito 122 : De Ensenada aos nosos días

Dito 113 : Familias, casas e cousas (IX)

Dito 118 : Familias, casas e cousas (XIV)

Dito 121 : O mellor e único amigo do Tolo

Dito 115 : Familias, casas e cousas (XI)

Dito 106 : Familias, casas e cousas (IV)

Dito 112 : Familias, casas e cousas (VIII)

Dito 87 : O que se sabe e o que se supón que poido pasar

Dito 116 : Familias, casas e cousas (XII)

Dito 117 : Familias, casas e cousas (XIII)