
Familias, casas e cousas (VII)
Cara a Oliveira
As
catro casas que aparecen na foto deberon de pertencer, durante os últimos dous
séculos, a mais de catro familias diferentes. A primeira empezando pola
esquerda, poido haber sido unha das vivendas que tivera a familia dos Febrero,
aínda que desde fai anos só se recorda como palleiro. Os últimos habitantes da
que segue foron os Estanqueiros, Antonio, Vicenta e as súas tres fillas, pero
esa poido ser tamén a primeira vivenda dos pais de Antonio: Aquilino e Jovita,
aínda que despois co incremento da familia, acabarían estendendo as súas
propiedades ao longo de todo o patio coñecido como dos (Camorras).
Aquilino
López Rodriguez, 10/10/1883, era o
quinto dos seis fillos que tiveran Xosé López de Casardeita e Manuela Rodriguez
de Santomé. Dous deses fillos, Juan e Maravillas, morreron no outono de 1877;
de Claudino, Florindo e Rexina, non aparecen mais rexistros. Aquilino casou con
Jovita, filla de Casto Pérez e Anxela Dieguez e tiveron sete fillos: Teresa,
Pepe, María, Manuela, Antonio, Concha e Alicia.


El Ideal gallego 7/11/1920
Estanqueiro, mais que alcume, sería un dos oficios que tivera Aquilino e
que mais tarde herdaría o seu fillo Antonio; aparte dese oficio, Aquilino tamén
exercera o cargo de fiscal no concello
de Cartelle, como informaba unha nota de prensa da época.
A
porta da bodega que se ve ao fondo da foto, propiedade hoxe da familia Cougil/López,
fora nun tempo a entrada da primeira vivenda que tivera Contempla, onde tamén
naceran seus fillos: Ricardo, Delfín, Cándida e Augusto. Ricardo era músico, tocaba
o saxofón, pero morrería sendo mozo. Cándida casou e foi vivir a Cenlle. Delfín
e Augusto fóranse de moi novos do pobo e en raras veces volverían. Contempla
era unha das tres fillas de Timoteo Yañez e Concepción Febrero e casara cun
home da Bouza, non se recorda nome pero si que era da familia dos Longos; as
outras irmás de Contempla chamábanse Palmira, 3/2/1898, e Herminda.
A casa
e patio que aparecen á dereita, reconstruírana Gloria e Francisco nas ruínas doutra
que habitara a familia García/Araujo. Os últimos en vivir aí, antes da nova
construción, foran dous dos cinco fillos de Lino García e Xosefa Araujo: Elvira
e Alfredo. Alfredo casou cunha muller do Carballal chamada Celeste e fóronse
para Bos Aires. Elvira casou con Ibo de Terzas e serían os pais de Elio. Ibo
era un dos fillos de Ignacio López de Terzas e Saladina Pérez de Ramiras;
fillos dese mesmo matrimonio tamén serían Herminio, home da tía Anxelina e
María, nai dos Rubillo.
Mirando desde o outro lado da rúa da Oliveira, toda a parte que se ve á
esquerda, casa, patio e finca, pertenceu e aínda pertence a familia dos
Manetas. Xosé Gonzalez Pérez, 22/12/1889, de Santomé, (Pepe Maneta) e
Isolina Reza Ballesteros, 20/12/1893,
de Terzas, casaron no anexo de Santomé, 9/1/1918, e habitaran esa casa, onde tamén nacerían os
seus cinco fillos:, Domira, Celso, Lino, Adela e Castor. Dicir tamén que o tío
Pepe Maneta tiña unha irmá chamada Genoveva, 24/9/1888.

Ao fondo e á
dereita, onde acababa a casa de Contempla, empezaba a vivenda dos (Lonxines),
pero antes de que este nacera, xa vivía aí outra familia que resultaría
recoñecida, entre outras cousas, pola súa fecundidade. Cirilo Bautista Dieguez
Pateiro, 6/3/1867, de trinta anos e
Estrella Martinez Gonzalez, 5/1/1878,
de dezanove, casaran na igrexa de Cartelle, 1/3/1897.
O seu primoxénito, Lino, naceu o 2/11/1898;
logo aínda virían nove mais: Jaime, Celso, María, Odila, Anxelina, Pepe,
Felicita, Celsa e Aquilino.
Lino, María e Odila emigraron a Cuba onde
botarían raíces e apenas regresaran algunha vez. Jaime morreu estando na
guerra. Pepe foise de mozo a Madrid onde tamén acabou creando familia e
quedándose a vivir. Anxelina casou con Herminio López de Terzas e tiveron dúas
fillas: Otilia e Felicita; Herminio emigrou a Cuba onde acabaría falecendo cando
só contaba corenta anos, 21/9/1945. Felicita
casou con Benxamín de Terzas e tiveron tres fillos: dúas mulleres e un home.
Celsa casou con Antonio (Longines) e tiveron sete: cinco mulleres e dous homes
dos que un falecería. De Celso non hai datos e Aquilino morrería ao pouco de
nacer.

Dos ascendentes de
Estrela xa se comentaba algo no capítulo do Curro. Bautista era o fillo mais
novo dos cinco que tiveran Vicente Dieguez e María Pateiro. Ánxela, 14/9/1853; Andrés, 7/5/1856; Xosé, 8/7/1858
e Emilio, 19/12/1860, foran os outros
catro. Ánxela casara con Casto Pérez dos que xa se falaba no capítulo (V).
Emilio casou con Pascua Martinez, estes acabarían sendo os pais dos (Vertelos).
A casa que se ve entre a dos (Lonxines) e
dos (Cazotes), agora en ruínas, era dos (Rexentes); non se sabe si nalgún tempo
vivira aí algunha familia pero desde que se recorda usaríana só como bodega e
palleiro; pola parte de atrás tamén tiñan unha horta.
Na primeira vivenda que aparece á dereita da
foto viviran os (Cazotes). Laudino Villar Febrero, de Santomé, casara con
Concepción Rodriguez, de Casardeita, e tiveron seis fillos, dúas mulleres e
catro homes. Laudino era un dos catro fillos de Eliseo de Terzas e María de Santomé,
os outros tres foran Antonio (Carabeleira), Pepe (Motora) e un que non se
recorda nome nin idade, pero se sabe que morrera a consecuencia dunhas
queimaduras.
Pola rúa que vai do Cruceiro a Oliveira, non
era aconsellable pasar cos carros cargados de toxos ou herba seca, debido á
estreitura nalgúns dos seus tramos que provocaban que a carga rozase nas
paredes das casas dalgúns veciños. Pero esa estreitura non sería nada comparada
ca que terían nas súas propias vivendas. Ver aínda hoxe calquera habitáculo,
fose cuarto, habitación ou cociña, onde viviran familias de dez, doce ou mais
dos seus membros, parece pouco menos que imposible, e con todo, así sería.
Aínda así, as estreiteces de espazo tampouco
serían moito si se comparaba coa escaseza e a necesidade da comida diaria para
alimentar unha ducia de bocas famentas. Si houbera que falar de heroes, ninguén
mellor que unha nai que fora capaz de parir e criar a unha decena de fillos
nuns tempos e nunhas condicións de carencias, penurias e pobreza.
Si houbera que falar de estrelas, ninguén
mellor que unha que tivera que nacer dúas veces para alumear, e vaia se alumeou,
e con todo aínda lle quedarían folgos para aventurarse nunha nova relación logo
de quedar viúva do seu primeiro home. Esa Estrela aínda se recorda hoxe
alumeando e destacando desde o seu matriarcado nun Universo creado á medida de
patriarcas.
Os fillos destas
familias acabarían herdando a pobreza, pero tamén a dignidade de seus pais. A
mellor maneira de ser pobres sen sentirse humillados.
Texto por Luis de Olimpia
Moradelha editora